Inconformistas? Por suposto

Un bosque en Antas de Ulla, na comarca da Ulloa © Deputación de Lugo

As redes sociais, que tan facilitadoras da conexión semellaban, acabaron sendo espazos proclives ás burbullas de pensamento. Dixo Zygmunt Bauman que na sociedade líquida non falamos coas diferentes, e dixo ben

A globalización trouxo algunha cousa interesante, certas bondades e moitos problemas. Alén da facilidade coa que se espallan as noticias falsas e a desinformación ou da velocidade e ímpeto con que se desequilibran os ecosistemas a causa das especies animais e vexetais viaxeiras que veñen nas importacións, exportacións e voos comerciais, hoxe penso na incomunicación. As redes sociais, que tan facilitadoras da conexión semellaban, acabaron sendo espazos proclives ás burbullas de pensamento. Dixo Zygmunt Bauman que na sociedade líquida non falamos coas diferentes, e dixo ben. Tan pronto como alguén nos leva a contraria e publica opinións ou posicións que nos molestan, ofenden ou agreden, facémolo desaparecer do noso timeline. Xa non existe. Problema resolto.

Por iso, defendo que hai que falar cos “outros”. Porque, aínda que só sexa por estratexia, é prioritario coñecer o argumentario que se cociña a lume vivo nas súas burbullas. E porque, quen sabe, talvez non sempre esteamos no certo. Acontece.

Hai uns días, unha persoa á que respecto porque me consta a súa bondade e intelixencia malia que se sitúa na antípoda do meu pensamento político, laiouse de min cando dixen que agardaba que o fatal proxecto de Altri non prospere. “Non vos vale nada, sodes o non polo non”, afirmou apesarado. “Agora que se presenta a oportunidade dun proxecto verde, tampouco vos vale. Queredes renovables, pero non eólicas nin solares. Agora, isto tampouco. Sodes inconformistas por vicio”. Máis alá dese uso do plural que sempre me raspa na orella, o seu emprego do adxectivo “inconformista” levoume a corenta, trinta anos atrás, cando era moi nova e non acataba a autoridade dalgunha mestra, o que sempre me valía o epíteto de “insolente”. Ao igual que daquela, feliciteime para os meus adentros. “A moita honra”, pensei.

Deille a razón acerca de que si, son unha inconformista. Asumín o plural que el empregara e engadín que si, que somos inconformistas. Que, por fortuna, nesta Galicia onde goberna a dereita, hai moitas persoas conservadoras, mais no mellor sentido da palabra, xa que é ese mesmo conservadurismo o que as leva a valorar a nosa natureza

Expliquei ao meu colega que non nos conformamos porque Altri non é verde. O volume de auga que proxecta consumir xunto co que pretende devolver ao río quente (27º) e empobrecida, suporía unha catástrofe ecolóxica. Sen contar coa plantación masiva de eucaliptos que sabemos que implicaría ou o que contaminará. Tamén, que a eólica ten sentido como fonte de enerxía, pero que a súa implantación está deseñada dun xeito daniño para a natureza e mais a habitabilidade. Que as placas fotovoltaicas non poden ser colocadas cubrindo a totalidade do solo, pois non deixan medrar a herba. Que calquera enerxía renovable deixa de ser verde cando se escala ata o infinito porque todo, en demasía, estraga. 

Logo, deille a razón acerca de que si, son unha inconformista. Asumín o plural que el empregara e engadín que si, que somos inconformistas. Que, por fortuna, nesta Galicia onde goberna a dereita, hai moitas persoas conservadoras, mais no mellor sentido da palabra, xa que é ese mesmo conservadurismo o que as leva a valorar a nosa natureza. E tamén habitamos aquí e temos voz e voto outras moitas persoas con pensamento crítico, que somos quen de non poñer a estrambótica promesa de dous mil quiñentos empregos e “cartiños” por diante dos nosos ríos e bosques. 

Só agardo que en Bruxelas non se conformen coa boa redacción do proxecto de Altri. Que pescuden a realidade dese proxecto estarrecedor e non o doten, cos nosos cartos, dos fondos precisos. Esta é a oportunidade perfecta para saber se contamos cunha Europa verdadeiramente implicada ante o reto do cambio climático ou se nos goberna unha estratexia descomunal de ecoimpostura. Veremos en que queda. E veremos, por suposto, se nos conformamos co resultado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.