Unha vez publicadas as candidaturas ás eleccións locais de xeito oficial no BOP, paso a facer un pequeno estudo sobre a renovación de candidatos nas listas que fai cada partido.
O 'Índice de Renovación de Candidaturas', IRC, faise cun cálculo doado: puntúase cada posto dende o 18 (cabeza de lista) a 1 (último posto non suplente), collendo 0 se o nome non parece na lista da candidatura (ou aparece como suplente). Compáranse a candidatura actual -neste caso, para as eleccións de 2023- e a anterior -neste caso, a candidatura para as eleccións de 2019-, e para cada candidato e candidata que apareza -nunha ou nas dúas-, anótase a diferencia de posto entre unha e outra, dividindo ó final a suma pola máxima diferencia posible (a que resultaría se non renovara ningunha persoa na candidatura, téndose presentado nas dúas convocatorias). Iso dá un número entre 0, que indicaría que as candidaturas son idénticas, e 1, que daría conta de que a candidatura é totalmente nova. O 0,5 pode corresponder tamén a unha candidatura que non se presentara na anterior convocatoria, pero si nesta. Se aplicamos o dito ás candidaturas presentadas ás eleccións locais deste 2023 en Ribadeo, e tendo en conta para a súa ordenación a orde de aparición no BOP, obtemos uns resultados que indican os IRC seguintes:
PP - 0,51
BNG - 0,51
PSdeG-PSOE - 0,74
PG - 0,5
Vese que os dous partidos primeiros da lista do BOP, PP e BNG, que ademais son os máis votados, teñen un índice semellante, de 0,51, indicando candidaturas nas que se mistura experiencia e tradición, por unha beira, con renovación e posibilidade de novas ideas por outra. Vese tamén a a ollo nu que a renovación se produce máis ben nos postos correspondentes á segunda parte da lista. A compoñente de continuidade da unha idea de que o próximo mandato é moi probable que siga liñas semellantes ás do presente, mesmo cando non se presenta o actual alcalde, no que corresponde ó equipo de goberno en caso de continuar o mesmo partido ó mando, e tamén no que corresponde á principal oposición, en caso de seguir séndoa. Asemade, en ambos casos unha renovación parcial así indicaría un certo conformismo do propio partido cos resultados conseguidos pola lista a vez pasada.
En canto ó PSOE, só conserva tres nomes da lista anterior, o que reflicte moi ben o seu IRC, de 0,74. Ó ser unha comparación entre dúas eleccións consecutivas, o IRC non toma nota de que a lista teña ou non candidatos que se presentaron noutras eleccións anteriores que non se comparan. De novo, un índice así elevado indicaría un desapego pola lista/persoas e estratexias anteriores propostas, quizáis debido ós escasos resultados nas convocatoria anteriores.
O outro partido que se presenta, ó ser novidade como lista, ten un IRC de 0,5 (todos os candidatos son novidade e non houbo candidatos antes)
Ó dito cabería engadir outras cousas que non son tratadas por este método, como a resposta a se a renovación é voluntaria (querida) ou obrigada por desercións, pola estrutura do partido a nivel provincial ou outros niveis, etc.
Como comparación, por se alguén sente curiosidade polo que pode pasar noutros lugares, fixen as contas correspondentes a Vilalba. O resultado, neste caso, é o que deixo a continuación, con algunha precisión para poder comparar mellor os índices:
Vilalba Aberta (2 concelleiros na actualidade, partido novo nas eleccións pasadas) – IRC 0,56
PP (partido que retivo a alcaldía en todas as eleccións ata as pasadas; na actualidade, 7 concelleiros) – IRC 0,93
PSdeG-PSOE (8 concelleiros e ó que pertence a actual alcaldesa) – IRC 0,44
BNG (sen representación na actualidade) – IRC 0,76