Indignación e desobediencia

“Indignádevos!”. O libro publicado en Francia en 2010 por Stéphane Hessel   (un exdiplomático nonaxenario que, na súa xuventude, fora combatente da Resistencia francesa), foi un chamamento público contra da indiferenza e a favor da insurrección pacífica. O autor recordaba, naquel panfleto, que só a partir de 1945, despois da traxedia da II Guerra Mundial, foi cando se creou en Europa a Seguridade Social e se instaurou o dereito á xubilación. Tamén daquela nacionalizaron as fontes de enerxía, a electricidade, o gas, as minas de carbón e os grandes bancos. Os dereitos laborais e sociais, que os máis novos poden pensar que existen desde sempre, foron instaurados a mediados do século pasado. Daquela os gobernantes europeos tiñan claro que “o interese xeral debía primar sobre o interese particular, e a repartición xusta das riquezas creadas polo mundo do traballo sobre o poder do diñeiro”.

Ese magnífico libelo converteuse nun texto inspirador para o Movemento 15M que, na primavera de 2011 encheu as prazas e as rúas de mocidade indignada que acusaba aos poderes económicos e políticos da súa situación precaria e reclamaban un cambio de rumbo: “nós, os desempregados, os mal remunerados, os subcontratados, os precarios, queremos un cambio e un futuro digno”. Nun manifesto de “Democracia real xa” lembraban que as prioridades dunha sociedade avanzada deben ser a igualdade, o progreso, a solidariedade, o libre acceso á cultura, a sustentabilidade ecolóxica e o desenvolvemento, o benestar e a felicidade das persoas.

Xosé Manuel Beiras, veterano intelectual e político galego -que se considera membro dunha xeración derrotada-, publicou un magnífico libro (“Exhortación á desobediencia”, Laiovento 2013, que pronto será editado en castelán) no que tamén lembra que “estamos a vivir o final do ciclo aberto despois da II Guerra Mundial”. Este home, que anda xa preto dos oitenta, é un exemplo de conduta ética e de compromiso cívico. Cando xa estaba xubilado e retirado da actividade pública volveu á primeiro liña para propiciar unha rexeneración da vida política, tan necesaria neste país.  Neste libro proclama, coa súa excelente prosa, que “ a panxoliña de que non hai cartos é un embuste descomunal, porque hoxe en día hai máis cartos que nunca na historia da humanidade, só que están maiormente nas mans dos potentados delincuentes que non achegan un can ás arcas públicas”. Tamén sinala que o poder está localizado, de forma obscena, fóra das institucións políticas e sen ningún tipo de control democrático, e describe o espolio que está a padecer Galicia (espolio financeiro e enerxético, exterminio do campesiñado, expatriación forzosa da mocidade, ecocidio, exterminio da lingua e da cultura ) e afirma que a Autonomía galega está nas mans das “forzas de ocupación”. Fai unha elocuente exhortación á desobediencia: “é a  hora da cidadanía exercente como tal, é a hora da reconquista dos dereitos e as liberdades cívicas e políticas efectivas”.

Neste país a crise foi usada como escusa polos poderes económicos e políticos para realizar unha auténtica contrarreforma social. Con extraordinaria celeridade suspenderon os dereitos laborais, están a desmontar o Estado de benestar e realizan un continuado saqueo das arcas públicas. A corrupción estrutural persiste na sociedade a centos de imputados continúan exercendo o poder político. Pero aquel movemento de indignación colectiva do 15M, heteroxéneo e plural, foi cristalizando, co paso do tempo, en movemento cidadáns máis organizados (Stop desafiuzamentos, as “mareas” en favor da sanidade e a educación públicas etc) e,  máis recentemente, naceu unha organización política, Podemos, que obtivo un grande apoio electoral e provocou unha enorme inquietude na dereita gobernante e na caverna mediática.

En Galicia a irrupción de AGE nas últimas eleccións autonómicas –liderada por Beiras-, representou un impulso de aire novo no Parlamento galego. Agora, ante a proximidade das elección municipais, xorden movementos que espertan ilusión e que pretenden sumar forzas para desaloxar do poder aos actuais ocupantes. O manifesto Somos Maioría sumou numerosas adhesións en poucos días. Os asinantes afirman que “non estamos dispostos a tolerar a desigualdade, o retroceso das condicións de vida dos máis para que uns poucos se enriquezan”. Na Coruña medra  con forza, nos últimos días de xullo, unha Marea Atlántica que aspira a unha cidade sen corrupción e libre de especuladores; este movemento pretende crear un espazo común para sumar forzas arredor dun obxectivo común: “acabar coas políticas ditadas polas elites e o poder económico e rescatar a democracia” hoxe en día secuestrada. Cómpre non esquecer que, se non nos movemos, seguirán a mandar os mesmos de sempre, no seu propio proveito.

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.