Inflación e crecemento económico

"Cando nos din que a inflación é o imposto mais cruel, sospeitemos, xa que so cando é moi alta pode afectar ao crecemento dun país” (Joseph Stiglitz)

Son continuas e contundentes as evidencias que demostran a falsidade dos dogmas nos que se apoia a política austericida que a maioría dos gobernos europeos, entre eles o español e o galego, veñen impoñéndonos aos cidadáns. Un dos destes falsos dogmas e o que fai referencia a importancia da inflación quen, para estes profetas da austeridade e os seus discípulos, pasa por ser o maior dos males económicos.

Así, non debería resultar estraño que o Ministro de Economía español, Luís de Guindos y Jurado, presente como un dos balances económicos mais positivos do seu goberno (PP) que a inflación pechara o ano 2017 no 1,2%. Como dixen antes para os profetas do neoliberalismo a inflación é o peor dos males da economía pois, segundo aqueles, ben frea o crecemento económico ben provoca un crecemento “insán”. A imposición polo neoliberalismo deste dogma, deso se trata, fixo que nas derradeiras décadas o obxectivo político do pleno emprego fora substituído polo do control da inflación. Os resultados ai están: por caso en España, e Galiza, o ano 2017 pechou cunha inflación do 1,2% pero cunha taxa de desemprego que supera de longo o 16%, unha das mais elevadas da Unión Europea.

Na actual eurozona a adopción deste dogma foi un imperativo innegociable de Alemaña –realmente do Bundesbank- para aceptar tanto o euro como a creación do Banco Central Europeo. Imperativo ordoliberal, plasmado no Tratado de Maastrich e no Tratado Constitutivo da Comunidade Europea (Título VII), que se sustenta nun argumento histórico falso: en Alemaña está moi estendida, e amplamente aceptada, a idea de que a inflación galopante no período da república de Weismar foi quen favoreceu o posterior ascenso dos nazis ao poder coas consecuencias de todos coñecidas. Argumento que as evidencias históricas desmenten categoricamente pero cuxa aceptación demostra os enormes poder e influencia do Bundesbank –da banca alemana- capaz de impoñer as súas teses económicas ao conxunto da cidadanía alemana e da eurozona, aínda por riba dos feitos históricos. Teses que, asemade, serven para xustificar a imposición do austericidio –relación déficit/inflación- e os recortes salariais –relación salarios/inflación-.

Para confirmar a falsidade do dogma alemán baste con fixarse nos seguintes feitos históricos: 1.  O período hiperinflacionario da república de Weimar tivo lugar entre os anos 1918 e 1923, pero os nazis ascenderon realmente ao poder entre os anos 1932 e 1933 –dez anos mais tarde- nun contexto económico e social moi diferente. 2. A hiperinflación daqueles anos non foi o froito dunhas políticas monetarias expansivas nin moito menos, senón consecuencia dos terribles custos que para Alemaña supuxeron as durísimas obrigas de reparación impostas polas estados que gañaran a guerra (Tratado de Versalles) e que remataron colapsando a oferta. Reparacións que tiñan que facerse en marcos de ouro   –pagos en metálico-, con entregas en especie e que incluíron ademais da devolución de importantes activos a ocupación militar de zonas industrias alemanas claves (por caso a conca do Ruhr). Todo elo provocou que se producira, en termos macroeconómicos, unha drástica diminución da capacidade de oferta da economía alemana, moi por baixo da súa capacidade de gasto –presionado este pola obriga de facer fronte ao pago dos seus compromisos-, situación que disparou os prezos e converteu a inflación nunha hiperinflación. 3. O ascenso do partido nazi ao poder tivo lugar realmente nun contexto económico e social marcado por unha grande depresión económica quen disparou o desemprego ata cotas descoñecidas e insoportables -30% de desempregados no 1932, cifra que nalgúns estados alemáns como A Renania-Westfalia chegou ao 50%- e fundiu os salarios –ata un 35% do seu valor nominal-. Depresión que foi provocada polas durísimas políticas de axuste fiscal e polas reformas laborais neoliberais que o goberno do chanceler Heinrich Brünning puxera en marcha no ano 1931 e que crearon un caldo de cultivo moi favorable para o ascenso dos nazis ao poder nos anos seguintes

Ademais das evidencias históricas a análise empírica serve tamén para desmontar dogmas como este da inflación. Serven, por caso, para evidenciar que as taxas de inflación negativas –de deflación- prolongadas van sempre unidas a situacións de depresión económica.  Mais aínda a historia demostra como o credo de que a estabilidade de prezos é unha bendición para a economía descansa máis na fe que nas evidencias. Algo que se pode comprobar facilmente se acudimos a historia do capitalismo, por caso a finais do século XIX e/ou os anos 30 do século XX, nos que se evidencia que non hai unha relación inversa sistemática nin significativa entre inflación e crecemento económico (J.K. Galbraith: Un viaje por la economía de nuestro tiempo, El crash de 1929).

Aínda sendo moitos e moi diferentes os factores que poden influír na marcha da inflación, a análise empírica serve asemade para comprobar que no caso de España e moi especialmente no de Galiza, a baixa inflación –coase deflación- esta directamente ligada a debilidade das respectivas demandas agregadas. Nesta fase tanto o consumo das familias, como o investimento privado e o gasto público –tres compoñentes da demanda- están moi por baixo da capacidade produtiva real das economías galegas e española, o que fai que os prezos turren a baixa. En termos macroeconómicos a demanda agregada non medra ao nivel da oferta facendo baixalos prezos para que ambas se equilibren.

Tamén podemos comprobar, ao traveso da análise empírica, como a baixa inflación está igualmente relacionada coa situación do emprego e os salarios. O elevado desemprego turra dos salarios a baixa –a participación das rendas do traballo na riqueza nacional de España e Galiza nunca, dende a II Guerra Mundial, estivo tan baixa-. Os traballadores teñen menos forza para presionar e conseguir subas salariais e os empresarios teñen mais capacidade para seren aínda mais duros e oporse as demandas salariais. Como os prezos están relacionados cos custos laborais medios, unha baixa nos salarios repercute nos custos laborais i estes nos prezos. A ecuación é sinxela: elevado desemprego-caída dos salarios nominais-caída da demanda agregada-baixa nos prezos-deflación/inflación baixa.

Neste marco e con estas realidades fago meu o consello do profesor J. Stiglitz quen nos avisa de que desconfiemos cando nos din que a inflación é o imposto mais cruel xa que as evidencias históricas e a análise empírica móstranos como a inflación so cando é moi alta pode afectar ao crecemento dun pais. Que a inflación estea tan baixa en España e en Galiza é mais síntoma de economías anémicas, vítimas de políticas austericidas, que de economías sans e fortes.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.