Inmigración e sindicatos. Dereitos universais ou derrota colectiva

Refuxiados chegados das Canarias, no albergue do Monte do Gozo CC-BY-SA Praza Pública

"Con todos os seus defectos, os sindicatos fixeron máis pola humanidade que calquera outra organización humana que teña existido. Contribuíron máis á decencia, á honestidade, á educación, ao benestar colectivo e ao desenvolvemento humano que calquera outra asociación de persoas".
 ~Clarence Darrow

Unha pantasma percorre os aparellos das grandes centrais sindicais: a vella idea decimonónica de que "a inmigración é o exército de reserva da burguesía". Esta tese paralizou as principais organizacións sindicais nun debate fundamental como é o da xestión da inmigración. Cando analizamos declaracións ou noticias protagonizadas polos líderes sindicais vemos que non teñen unha postura clara nin cómoda neste tema. Non poden aliñarse abertamente con teses antiinmigración porque son líderes de sindicatos de clase e internacionalistas. Pero tampouco poden ofrecer solucións claras e realistas para a situación das persoas migrantes, porque parecen asumir que a inmigración prexudica a clase traballadora no seu conxunto.

Os líderes sindicais non poden ofrecer solucións claras e realistas á situación dos migrantes, porque parecen asumir a vella tese de que a inmigración prexudica á clase traballadora no seu conxunto

Hai un ano, o Congreso (todos os grupos menos a ultradereita) decidiu por fin tomar en consideración as máis de 700.000 sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular pola Regularización que lograra reunir o colectivo migrante co apoio da sociedade civil organizada. Con todo, as cúpulas sindicais permaneceron ausentes deste proceso máis aló de declaracións de apoio e de boas intencións.

Máis preocupante aínda, baixo un discurso de xustiza social e solidariedade, algúns líderes sindicais están a adoptar unha postura totalmente compatible coa lóxica do "peche de fronteiras". Cuestionan a contratación de traballadores estranxeiros —mesmo cando contan con visado—, propoñen o bloqueo migratorio como resposta a problemas estruturais do mercado laboral e opóñense tanto ás contratacións en orixe como á ampliación de postos de difícil cobertura. 

Ademais, alíñanse co discurso gobernamental sobre a "migración circular" que, tal e como está exposta, non é máis que unha forma de explotación, e reforzan a idea dunha competencia entre traballadores "de aquí" e "de fóra".

Refuxiados nun adestramento co equipo de baloncesto de Fontiñas © ADB Fontiñas

Dicir "primeiro os de aquí" non é o mesmo que dicir "os españois primeiro", pero desde logo non é un paso na dirección contraria. Que se lograsen reunir máis de 700.000 sinaturas neste contexto resulta francamente heroico.

Algúns líderes sindicais cuestionan a contratación de traballadores estranxeiros —mesmo con visado—, propoñen o bloqueo migratorio como solución a problemas estruturais do mercado laboral, opóñense ás contratacións en orixe e á ampliación de postos de difícil cobertura, e reforzan a idea dunha competencia entre traballadores "de aquí" e "de fóra"

Os sindicalistas de base son quen mellor poden lembrarlle aos seus dirixentes o papel histórico que os sindicatos tiveron e seguen tendo na economía. Non esquezamos que foron os sindicatos os que transformaron a miseria e a desesperación en esperanza e progreso: conquistaron a xornada de oito horas, prohibiron o traballo infantil, conseguiron o dereito ao descanso semanal… Hoxe máis que nunca necesitamos sindicatos fortes que aspiren a esgotar o campo do posible con vitorias concretas como a redución progresiva da xornada laboral.

A inmigración benefícianos a todos, pero a falta absoluta de mecanismos regulados de entrada só enriquece a uns cantos. Os nosos salarios non permaneceron estancados durante 20 anos "por culpa dos inmigrantes", senón porque eses inmigrantes chegan sen os mesmos dereitos ca ti. Se quen entra en España gozase de dereitos laborais, se houbese unha regulación laboral estrita, inspeccións reais, fortunas que pagasen o que lles corresponde e investimento en integración, moitas persoas inmigrantes non pasarían a formar parte dunha masa explotable e refén das grandes fortunas, ás que enriquecemos máis cada mes cos nosos soldos.

Os nosos salarios non permaneceron estancados durante 20 anos "por culpa dos inmigrantes", senón porque eses inmigrantes chegan sen os mesmos dereitos que ti. 

A tese de que "a inmigración baixa os salarios e prexudica os traballadores" non só achanda o camiño ao fascismo, senón que está bastante desfasada. Hoxe sabemos que en contextos con sindicatos fortes, impostos progresivos e dereitos laborais universais (sen importar a orixe da persoa traballadora), o impacto negativo sobre as clases populares desaparece, e a riqueza xerada polo conxunto de traballadores —nacionais ou migrantes— si se redistribúe.  

Non sobra a inmigración, falta esa redistribución baseada na xustiza fiscal, na protección dos traballadores e na regulación dos sectores extractivos. Sen ela, as persoas migrantes ven condenadas á irregularidade, reproducindo un ciclo de explotación: o capitalismo financeiro desregulado usa a migración insegura e sen dereitos para apontoar privilexios de clase. A verdadeira lóxica non é "inmigrantes vs. locais", senón como o capital monopolístico sérvese e xera inseguridade na migración para fracturar e empobrecer a clase traballadora. A batalla no tema migratorio para mellorar as nosas condicións e salarios debe darse para garantir que non haxa traballadores sen dereitos.

Se se regulariza, a inmigración pode funcionar como un verdadeiro factor de redistribución da riqueza… E precisamente por iso non se regulariza. A ausencia total de mecanismos regulados de entrada non é un erro do sistema, senón unha engrenaxe esencial para a acumulación de riqueza das elites e para o noso empobrecemento

Se se regulariza, a inmigración pode funcionar como un verdadeiro factor de redistribución da riqueza… E precisamente por iso non se regulariza. A ausencia total de mecanismos regulados de entrada non é un erro do sistema, senón unha engrenaxe esencial para a acumulación de riqueza das elites e para o noso empobrecemento. No fondo, os migrantes non son máis que a cara máis visible dun sistema que necesita desesperadamente a nosa forza de traballo, pero non asume a nosa humanidade

A derrota do sindicalismo no tema migratorio non pode producirse por incomparecencia. É perfectamente evitable e reversible. Só esixiría a audacia de apostar pola creación de procedementos legais que neste momento non existen para entrar, residir e traballar no noso país con garantías laborais e igualdade de dereitos.

De verdade imos ter máis medo de enfrontarnos aos superricos e rabuñar sequera un pouco das súas fortunas que de ser cómplices do noso propio empobrecemento mentres deixamos que a extrema dereita use os inmigrantes para chegar ao poder?

Se es sindicalista, aproveita este 1º de maio para levar este debate á túa sección sindical. Pregunta que accións concretas están a tomarse para apoiar políticas públicas que favorezan os dereitos laborais universais e creen mecanismos de entrada, residencia e traballo regulados para as persoas inmigrantes para o beneficio de toda a clase traballadora. É hora de que as nosas organizacións deixen de ser mediadoras en temas migratorios e se convertan en forzas reais de cambio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.