Intervención militar ou axuda ao desenvolvemento?

A presenza das tropas francesas e aliadas (europeas e africanas) en Malí poderá servir para conter as milicias de radicais islamitas que avanzan dende o norte do país, nun esforzo que será custoso e prolongado. O resultado final da operación é incerto, e a proliferación de análises simplistas que todo o reducen a unha guerra xusta e necesaria para gañarse unha vez mais o apoio incondicional da opinión pública, ignorando as complexidades sobre o terreo, fan temer o peor.

A asociación entre defensa dos intereses de seguridade e estratéxicos e uso da forza militar leva tempo gañando terreo a aquela outra concepción baseada na promoción do desenvolvemento humano como mellor garante da estabilidade

A asociación entre defensa dos intereses de seguridade e estratéxicos e uso da forza militar leva tempo gañando terreo a aquela outra concepción baseada na promoción do desenvolvemento humano como mellor garante da estabilidade.

Nos últimos anos, detrás dos golpes de estado en Mauritania, Níxer e Madagascar subsistían problemas similares aos disturbios agora rexistrados en Malí. Estes países teñen unha característica en común: todos eles atópanse entre os menos desenvolvidos do mundo, nos que as contradicións sociais se amplifican debido á pobreza debilitando os respectivos réximes, o cal á súa vez aumenta a dificultade de promover o desenvolvemento e o conseguinte malestar social. Pero os problemas de África non se poden solucionar mediante o recurso á guerra. Sen desenvolvemento nin estabilidade, o problema de orixe só poderá empeorar.

A mellor contribución que Europa e EEUU poden facer á seguridade mundial é reducir o escandaloso nivel do gasto militar

A mellor contribución que Europa e EEUU poden facer á seguridade mundial é reducir o escandaloso nivel do gasto militar. O que pode salvar as vidas de millóns de africanos e reducir o apoio ás formacións terroristas que proliferan a cotío é axudalos a saír da pobreza extrema, fonte principal da inestabilidade.

A axuda ao desenvolvemento discútese ata o punto de equiparala a un desbalde e redúcese ata niveis de escándalo co argumento da crise mentres ninguén parece cuestionar a procedencia de operacións militares de elevado custe

Se o diñeiro que agora gastará Francia e demais países na intervención militar en Malí (como antes fixo en Côte d’ Ivoire) se destinara antes a axuda ao desenvolvemento neste país, incidindo na transformación material de indicadores que moderen o peso do efecto negativo do tribalismo ou a relixión, probablemente obteriamos un resultado moito máis eficaz ca cunha intervención militar.

Pero a axuda ao desenvolvemento discútese ata o punto de equiparala a un desbalde e redúcese ata niveis de escándalo co argumento da crise mentres ninguén parece cuestionar a procedencia de operacións militares de elevado custe que acostuman a resultar, unha vez liquidado o inimigo, en máis pobreza, sufrimento e destrución.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.