Iolanda Díaz, tres vectores

Still-Life (Shoe). Andy Warhol. © Andy Warho

A visita da Iolanda Díaz ao Papa causou inquedanza nas dereitas. Aínda así o acontecemento apenas pasou da descrición frívola e inconsistente na maior parte dos medios informativos. Destacouse o tempo dedicado á reunión, maior que o concedido ao Presidente Sánchez e comentouse o uso que fixo de símiles para referirse ao Papa, Santo Padre e tal. Pouca miga. A dimensión da visita ten que ter algo máis que todo iso. A lonxitude de onda ten que que ser obrigatoriamente maior.

A visita da Iolanda Díaz ao Papa causou inquedanza nas dereitas. Aínda así o acontecemento apenas pasou da descrición frívola e inconsistente na maior parte dos medios. A lonxitude de onda ten que que ser obrigatoriamente maior

Cando Jorge Mario Berglio era arcebispo de Bos Aires, pertencía a unha das catro liñas da Teoloxía da Liberación, a chamada Teoloxía Arxentina do Pobo, que parte da centralidade evanxélica dos pobres e valora profundamente a relixiosidade popular. A analoxía que mobiliza este pensamento non é a de clase, como nalgunha das outras tendencias, senón a de pobo nación.

Até certo punto acértase cando se sinala a Bergoglio como peronista, seguidor doutrinario de Perón, o maior líder político da historia arxentina. Acértase non tanto no epidérmico como no esencial do fenómeno. Perón define o seu movemento como cristián e humanista, distante do marxismo. Cristianismo humanista que pon a énfase tamén na dignificación dos pobres, e que se materializa nunha doutrina dedicada a organizar o pobo e asentar dereitos, sobre todo dos traballadores asalariados. Os cidadáns que aportaban a forza de traballo carecían na Arxentina de todo tipo de garantías até ese momento. Son os desherdados de todo, os parias de Europa e os seus fillos.

Cristianismo e humanismo nos dous movementos, por tanto. O peronista iníciase nos anos corenta e a Teoloxía Arxentina do Pobo nos sesenta.E os pobres como suxeito de ambos. Unha confluencia de pensamentos e de prácticas evidente.

Por certo, a primeira responsabilidade gobernamental de Juan Domingo Perón foi a de Ministro de Traballo e Previsión, practicando con moito éxito unha nova política, consistente en establecer convenios laborais e outros acordos entre os representantes dos traballadores e os da patronal, fixando dereitos, ao tempo que se conformaban potentes sindicatos, especialmente a CGT, loxicamente peronista. Así se inicia o movemento, que se fai moi vigoroso en toda a sociedade.

É curioso tamén observar que foi vicepresidente do goberno ao mesmo tempo que ministro de traballo e que o seu movemento proclamase a transversalidade, borrando o eixo esquerda-dereita. A esa cómoda omisión axudaba a compoñente nacionalista. O nacionalismo peronista enfrontábase ao que el mesmo denomina a liña anglosaxona, composta por políticos e partidos submisos aos EEUU, os Macri do momento, por dicilo rapidamente. A nacionalización de empresas estratéxicas, beneficiosa para o conxunto da sociedade, responde a esa tensión, a esa necesidade de afirmar a soberanía.

A transversalidade retorna nestes nosos tempos, posta ao día por teóricos actuais, algúns tamén arxentinos. Inspiraron a Podemos en 2015, no seu inicio. A indignación asentábase na condena cada vez máis dilacerante do 99% polo dominio social e económico do 1%. Así que o destinatario da revolta indignada habería de ser ese 99%. Expresado tamén telegraficamente.

Máis tarde a tendencia de Pablo Iglesias e Esquerda Unida abandona ese criterio, ese principio, e ancora de novo na vella dinámica tradicional dos partidos marxistas, que en termos de espazo político se concreta na esquiniña, no cativo espazo á esquerda do PSOE, pertencente de vello ao universo do Partido Comunista de España, propietario histórico desde o inicio da nova democracia do once por cento dos votos, do oito, do cinco...

Errejón vaise de Podemos e con el viaxa a vella idea da transversalidade, que agora parece retornar no discurso de Iolanda Díaz. Xa veremos. Ao mesmo tempo xorden palabras novas na xiria política dese movemento, como “laborismo”, referido moito menos ao Labour británico, iso parece, que ao laborismo arxentino, peronista. Perón tamén usaba a palabra laborismo, aínda que ignoro se houbo nesa expresión porteña unha imitación da británica.

Daniel Bernabé comenta estes días “o laborismo” de Iolanda Díaz. Ao ensaísta agrádalle que sexa o traballo, a reivindicación laboral, o núcleo do que parece agromar como proxecto novo da vicepresidenta. Agrádalle porque foxe da trampa da diversidade, da dispersión da enerxía da esquerda en mil causas, perdendo de vista a esencial. Pero rénxelle algo que se disolva o antedito eixo esquerda-dereita, aínda que a xenética esquerdista vaia implícita na propia dinámica laborista, vén dicir.

A Lluís Rabell, antigo compañeiro deles, próelle esa perda de referencia á esquerda e descualifícaa abertamente.

A afirmación transversal facilítalle a Díaz, en chave organizativa (interna, entre as familias) a aproximación ao partido de Iñigo Errejón, aos seus simpatizantes e a estruturas de semellante carácter, particularmente en Valencia.

A Vicepresidenta e os seus asesores observan o Peronismo e parecen inspirarse tamén nos xestos antigos, na teatralidade e na comunicación de Perón e Evita para levar a cabo a aproximación social. Parece que se fixan máis no histórico proxecto populista arxentino que no Frente Amplio do Uruguai, aínda que se fale tanto de tal nome para a plataforma que pretenden construír.

A escenografía aquela de Evita, con despregue de vestidos, tules e plumas, modistos porteños e internacionais, ofrecendo tal attrezzo aos seus descamisados, porque ela vestíase así para eles, que llo esixían, connotándoa case como sobrenatural.

Díaz consolida a figura de líder cun patrimonio individual cada día máis abondoso, sen débedas nin obrigas partidarias, en fulgurante emerxencia

Cando Evita visitou o Papa vestiuse de negro, co traxe máis fermoso que se conserva dela, segundo a curadora xeral do Museo Evita, que considera á súa líder plena consciencia da súa imaxe, construíndoa con cada detalle.

No caso de Iolanda habería que saber canto hai de Xosé Manuel Beiras no despregue ornamental e canto carisma calcula que usufrutuaba o vello nacionalista co liño e a la. Ser é evidente que funciona, que lles funciona, lonxe arestora de mesianismos peronistas, desde unha consciencia diferente.

En calquera caso Díaz consolida a figura de líder cun patrimonio individual cada día máis abondoso, sen débedas nin obrigas partidarias, en fulgurante emerxencia.

Iván Redondo, antigo asesor de Pedro Sánchez, atribúelle a Díaz unha simpatía social e unha intención de voto superior á do seu antigo cliente. Tamén en Galicia, por certo, para asombro de calquera, tendo en conta por unha banda a solvencia do comentarista e pola outra a desfeita absoluta, sen matices, da tendencia mareante. Nunhas eleccións xerais gañaríalle ao PSOE en Galicia, di o gurú. O regalo do exemplar de Follas Novas ao Papa emite mensaxes para as mulleres e para Galicia, onde a antedita desfeita organizativa é un antecedente desolador para calquera empresa que se queira iniciar.

Non só en Galicia. Necesita tamén cadrar as outras taifas, Comúns, Podemos, Esquerda Unida, PCE, Más País, os partidos valencianos e as tendencias andaluzas con nomes de fandangos de Huelva. Un cachondeo difícil de harmonizar. Se o lograse merecería ser máis venerada que Santa Evita.

Pero, para alén dos coñecidos apoios e desapoios, cales son os alicerces nos que se pode sustentar tal proxecto? Até o momento parece que van asomando tres.

Primeiro. Rodearse de líderes femininas e elaborar un discurso que nese campo vaia moito máis alá do feminista estandarizado. Reportaríalle á plataforma apoios amplísimos, diversos e difíciles de cuestionar.

Segundo. O grande valor co que conta Díaz é CCOO. A activación política do sindicato, dos seus cadros, do enorme caudal de experiencias persoais e colectivas (a activación do seu clixé orgánico, das partes que o acepten, non do organismo oficial, por suposto) convertería tal colectivo no principal capital político da dirixente e talvez na máis sólida garantía do conglomerado. Coa excepción das Comisións Obreiras de Cataluña, cuxa nomenclatura é maioritariamente independentista e non respondería, en consecuencia, a unha chamada para tal xeira.

Terceiro. O cristián. Volvemos ao encontro co Papa. Acerta Díaz cando afirma que nun país con tal proporción de cristiáns non se pode facer política sen contar con esa realidade e esa riqueza social. O Partido Comunista de España traballou historicamente, durante a resistencia á Ditadura e despois, cunha infinidade de militantes crentes, e con outros que sen selo se aproximaban a ese partido, o principal da loita antifranquista. Ademais dos cregos e outros católicos que traballando dentro ou non, coordinaron o traballo nunha alianza de facto que nunca tivo especiais traumas nin altibaixos.

Francisco non ten partido, nin espazo político organizado, nin moitas pancas en Europa para estender a teoloxía dos pobres que desde hai lustros o compromete. Ten sentido que queira coñecer e observe este novo ensaio

Ademais da inmensa base, comprometida cos débiles e coa democracia, durante o franquismo e agora, cunha dimensión e unha calidade en xeral pouco e mal detectada pola esquerda laica. Pódese pensar no compromiso de Cáritas, doutros cos inmigrantes, de moitos outros en postos sociais do máis diverso, historicamente e agora. Teño a impresión de que a segunda forza antifranquista en influencia e en número despois da comunista, aínda que sen organización referencial concreta, considerada de xeito informal por tanto, era a dos católicos.

A convivencia dos cristiáns foi máis que aceptábel co mundo que hoxe pode representar CCOO. Por iso é un acerto buscar de novo esa intelixencia. É ademais unha experiencia que non se limita a experiencia autóctona, senón que intentou outros ensaios importantísimos, como o do Compromiso Histórico, entre o PCI de Enrico Berlinguer e a Democracia Cristiá de Aldo Moro, asasinado por buscar tal acordo. Pero iso sáese das marxes deste artigo.

En calquera caso, Francisco non ten partido, nin espazo político organizado, nin moitas pancas en Europa para estender a teoloxía dos pobres que desde hai lustros o compromete. Ten sentido que queira coñecer e observe este novo ensaio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.