Ir polo seguro

Xente na sala de espera dun centro de saúde en Galicia CC-BY-SA Xunta

Esas traballadoras ás que se lles “vendeu” o privilexio de poñer a súa saúde en mans da colaboración público – privada foron constatando que en realidade eran presas dun preconcepto. O que o resto das mortais xulgamos como un trato de favor resultou nunha merma

Anda estes días o asunto da Mutualidade xeral dos funcionarios civís do Estado enriba do tapete. Tamén ando eu de consulta en consulta na pública por mor dun proceso de non saúde. 

É inevitable falar da seguridade social sen caer nunha desas contradicións tan nosas. Por unha banda, a queixa é imperativa: está fatal. Un desastre. Unha vergoña. As listas de agarda, a carencia de profesionais en atención primaria, a precariedade na enfermería, a inexistencia de pediatras en moitas comarcas, os caos nas urxencias, a violencia obstétrica, a demora das ambulancias. E non nos faltará razón, xa que hai ben tempo que o sistema aboia grazas, sobre todo, á vontade das súas traballadoras (o cal é un abuso). Cando menos, en Galicia, onde as políticas liberais de tantas décadas van amolecendo o músculo dos coidados sociais. Ou en Madrid, onde directamente están a desmontalos.

Porén, acto seguido, adoitamos puntualizar: no resto do mundo están peor, a nosa sanidade pública está moi por riba. E tamén atinamos.

Existe tamén unha convicción no imaxinario común onde a sanidade privada equivale a algo así coma un privilexio. Pero vén acompañada polo discurso de que quen se coida mediante servizos de pago directo, acaba por acudir á pública cando a cousa se pon “seria”.

O importe licitado polo goberno central no concurso para MUFACE ascende a case mil catrocentos millóns de euros. Ese mesmo diñeiro no tesouro público sería garante dunha atención de maior calidade e non suxeita aos avatares do mercado. O que viría sendo un verdadeiro servizo público e universal

Disque ás aseguradoras que xestionan a MUFACE mediante concesión tras concurso público, non lles rende o licitado polo Estado para servir á elevada porcentaxe de mutualistas e beneficiarias que envellecen e precisan cada vez máis atención. Que por iso o concurso quedou deserto. Que a meirande parte do funcionariado máis novo tende a optar polo uso dos diferentes sistemas de saúde autonómicos e só as máis maiores seguen dependendo da mutua: segundo o Ministerio de Sanidade, a escolla da sanidade pública medrou un 75% en 12 anos. O motivo semella evidente: na práctica, a atención e a dotación de recursos do sistema público é mellor. Esas traballadoras ás que se lles “vendeu” o privilexio de poñer a súa saúde en mans da colaboración público – privada foron constatando que en realidade eran presas dun preconcepto. O que o resto das mortais xulgamos como un trato de favor resultou nunha merma. Iso amosa, na miña opinión, dita tendencia.

Parece ser, segundo afirman tanto as responsables nas diferentes comunidades autónomas coma desde o goberno central, que trasladar a xestión dese preto de millón e medio de mutualistas á seguridade social suporía un incremento do 2,12% na poboación usuaria do sistema sanitario público. Tal como expoñía Ana G. Liste neste xornal hai uns días, isto resultaría coherente coa dinámica que veño de sinalar.

O importe licitado polo goberno central no concurso para MUFACE ascende a case mil catrocentos millóns de euros. Por conseguinte, estamos a falar de cartos públicos, orzamentados e destinados a cubrir as necesidades dun millón de cotizantes e mais do medio millón que son ás súas beneficiarias. Podo comprender que semelle complexo trasladar eses montos ás diferentes xestións autonómicas e colocar todo o traballo de coidado no sistema público, pero é posible e, afirmo, lóxico.

Porque é comprensible que as empresas privadas como Adeslas, Asisa ou DKV non queiran arriscar beneficios. Ao cabo, a súa misión é esa: gañar cartos. Porén, ese mesmo diñeiro no tesouro público sería garante dunha atención de maior calidade e non suxeita aos avatares do mercado. O que viría sendo un verdadeiro servizo público e universal. O que eu estou a recibir estes días, onde se me fan cantas probas médicas sexan precisas, se me informa dos resultados e se programan tratamentos e incluso hospitalizacións sen que ninguén se pare a cuantificar o gasto que estou supoñendo. Onde, cando explico que non teño como regresar a casa logo dunha intervención ambulatoria mais con anestesia xeral (porque a miña parella non pode conducir e os taxis non poden acceder ao noso predio), se me di que o comunique para que se me asigne unha cama ese día. Ese é o que quero. Para min e para todas, porque é o xusto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.