En Galicia, o conxunto de mutualistas está formado por 101.030 membros, das cales 37.931 xa escollen o Sergas para a súa atención médica. A aseguradora que atende a gran maioría das 63.099 restantes é Adeslas, seguida por DKV e Asisa
Revisar ou extinguir a Mutualidade xeral dos funcionarios civís do Estado (Muface). As aseguradoras sanitarias privadas rexeitaron concorrer á renovación do concerto e abriron o debate. O Ministerio de Sanidade, liderado por Mónica García, marcou posicións a partir dun informe no que aposta pola extinción de Muface “en nove meses”. No Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, encabezado por Óscar López, as directrices non están tan claras e parecen apostar por unha continuidade revisada, polo menos de momento.
En Galicia, o conxunto de mutualistas está formado por 101.030 persoas, das cales 37.931 xa escollen o Sergas para a súa atención médica. A aseguradora que atende á gran maioría das 63.099 persoas restantes é Adeslas, seguida a bastante distancia por DKV e finalmente por Asisa.
No Estado español hai arredor dun millón e medio de funcionarios que reciben a asistencia sanitaria a través de Muface, e para o Ministerio de Sanidade este modelo xa “non é sostible”. Incorporar estes mutualistas suporía un incremento do 2,12% na poboación atendida no sistema sanitario público, pero para Sanidade resulta coherente coa tendencia, pois as mutualistas que escollen a sanidade pública medraron “un 75% en 12 anos”.
Para o Secretario de Estado de Sanidade, Javier Padilla, o principal motivo que levou as aseguradoras a non querer presentarse ao novo concerto de Muface é que a poboación mutualista é “máis maior e, ademais, envellece a un ritmo superior á poboación española”. “Os novos mutualistas, que poderían axudar a equilibrar os riscos e custos, elixen moi maioritariamente a sanidade pública”, explica, para incidir en que estas empresas “cada vez teñen máis parte do seu negocio en seguros sanitarios de adquisición directa, non por vía das mutuas de funcionarios”.
O Secretario de Estado de Sanidade di que se a decisión é avanzar no proceso de integración, "o financiamento que actualmente se destina ás aseguradoras privadas ten que pasar ao Sistema Nacional de Saúde"
Na mesma liña, a Asociación galega para a defensa da sanidade pública asegura que “non é verdade que as aseguradoras estean ao bordo da quebra polas primas que reciben por cada funcionario que deben atender”. “En 2023 gañaron 10.500 millóns de euros (a contribución do mutualismo administrativo foi tan só do 17%). As aseguradoras están a multiplicar as súas ganancias grazas aos seguros privados complementarios (que xa contratou o 25% da poboación) grazas á política de recortes e desmantelamento da atención primaria de moitos gobernos autonómicos gobernados polo PP”, detalla nun comunicado.
“Aínda que os funcionarios de Muface teñen unha idade media superior á poboación xeral, son máis sans que esta”, afirma Javier Padilla, que describe como a poboación de Muface ten menos diabetes, hipertensión arterial, insuficiencia cardíaca, EPOC ou cardiopatía isquémica.
Así, a incorporación ao Sistema Nacional de Saúde (SNS) pasaría por identificar os “pacientes vulnerables (final da vida, tratamentos oncolóxicos complexos,...) que deben ser os últimos en transitar”, para a partir de aí planificar un calendario, “crear vías protocolizadas de paso directo a especialistas hospitalarios en certos procesos” e organizando unha primeira toma de contacto destes pacientes nos seus centros de saúde. O Ministerio de Sanidade tamén contempla no seu informe Muface: del seguro privado al Sistema Nacional de Salud a creación dun plan de transferencia de información clínica que permita, a maiores, asegurar o que chaman ‘plan de lista de espera cirúrxica cero’ para os doentes que va pasar á sanidade pública.
O 65% das persoas mutualistas no Estado son docentes de Educación Primaria, Secundaria ou do eido universitario. “Cando comecei a ser funcionaria escollín a privada porque a vila onde me atopaba exercendo o meu traballo non tiña centro de saúde propio e tiña que viaxar para recibir asistencia no Sergas, case o mesmo que para ir a calquera das cidades próximas. Porén, na vila había unha clínica privada para atender aquelas cuestións menos urxentes ou máis comúns de Medicina de Familia, e cada semana tamén había consultas con especialistas como pode ser de Xinecoloxía. Iso era suficiente para min naquela altura porque aínda non estaba diagnosticada con ningunha enfermidade crónica e o que primaba era a rapidez na atención e que estivese preto do meu domicilio”, explica a Praza.gal unha profesora de Secundaria que traballa no ensino público.
"As aseguradoras non están preparadas para atender unha serie de patoloxías que implican un equipo multidisciplinar, de máis dunha especialidade ou paliativos", afirma unha funcionaria galega
A situación mudou para esta profesional –que prefire non dar o seu nome– nese mesmo curso escolar, cando debutou cunha enfermidade rara e crónica. “Muface e as aseguras privadas destacan que podes acceder a unha carteira moi ampla de médicos, pero no fondo iso supuxo que eu tivese que estar peregrinando duns médicos a outros, en diferentes partes de Galicia. De feito, fun a todas as provincias salvo á de Lugo e, moitas veces, atopei que nesa ampla carteira non tiñan especialistas nas principais cidades do país, como pode ser Santiago de Compostela, onde agora mesmo –na mutua na que estou por Muface– non podemos atopar especialistas de Psiquiatría, Neuroloxía ou Alergoloxía. Isto nos obriga ás pacientes a desprazarnos a cidades como Vigo ou Ourense, e a agardar máis por esas consultas”, debulla.
Esta funcionaria –menor de corenta anos– salienta, pola súa propia experiencia, que as aseguradoras non están preparadas para atender unha serie de patoloxías que implican un equipo multidisciplinar, de máis dunha especialidade ou paliativos. “Aínda que eu non estou a desgusto coa atención que se me proporciona na unidade da dor, si que é certo que a miña patoloxía pide algo máis. Teño constancia de que no Sergas, a diferencia de na privada, si existen unidades especializadas onde conviven médicos especialistas con anestesistas ou fisioterapeutas”, apunta.
As condicións de Muface recollen que as mutualistas deben ter acceso a unha asistencia equivalente a través das aseguradoras á que se ofrece no sistema público. A realidade para moitas persoas, como esta profesora galega, é que en moitas ocasións iso se consegue a base de reclamacións e procesos burocráticos que dilatan a atención. “A propia cobertura médica das entidades é bastante penosa”, resume a funcionaria, que como doente cunha enfermidade crónica non considera que en Muface se dea resposta ás súas necesidades. “Ademais, teño atopado unha manchea de médicos que están xubilados no Sergas pero seguen a atender nas consultas privadas, profesionais que non están ao día dos tratamentos máis recentes”, critica.
CIG critica que as persoas mutualistas "sofren un claro incumprimento, con baixa calidade na atención sanitaria que reciben e trabas burocráticas para acceder a servizos que teñen recoñecidos"
Na CIG constatan a “incerteza” entre o funcionariado e como a incógnita sobre o que sucederá a partir de xaneiro xa está a afectar a pacientes das aseguradoras polo “adiamento de probas”. A central sindical lembra que Muface “debe garantir a prestación sanitaria e asistencial a mutualistas e beneficiarios coas mesmas condicións que aparecen no concerto en vigor, algo que xa a día de hoxe non se fai, xa que nestes anos os e as mutualistas sofren un claro incumprimento, con baixa calidade na atención sanitaria que reciben e trabas burocráticas para acceder a servizos que teñen recoñecidos”.
“Se a opción do actual Goberno estatal é manter a oferta actual debe ser con todas as garantías e dereitos e atando en curto ás empresas aseguradoras. Se a opción é optar pola prestación no sistema público debe afrontalo publicamente, cun plan a medio prazo para dotar a sanidade pública de todos os recursos humanos e asistenciais necesarios para o importante incremento que suporía”, argumentan desde a CIG-Ensino, que participou na reunión extraordinaria do consello de Muface e deixou claro que o modelo que defende é o da sanidade pública.
Un "debate ideolóxico"
“Non é de recibo que o Goberno central aprobe unha medida deste calado sen antes ser dialogada e consensuada con todas as comunidades autónomas afectadas, xa que a decisión do Goberno central impacta directamente nos distintos sistemas sanitarios públicos xestionados polas autonomías”, manifestou a Consellería de Sanidade esta semana nun comunicado, a pesar de que non hai ningunha decisión tomada e feita pública sobre o futuro de Muface.
"Aínda non podemos calcular as necesidades que teríamos no caso de que se producise ese traspaso", di o conselleiro de Sanidade
Para o conselleiro de Sanidade a posible extinción do modelo de Muface trátase dun “debate ideolóxico” no Goberno de España, sobre o que non houbo ningunha “comunicación oficial”. “Mentres non aclaren se se vai facer, cando se vai facer e canto vai custar, creo que non temos que dicir nada. Independentemente diso, a Consellería está a traballar sobre ese posible suposto, pero xa digo, a día de hoxe é un debate puramente ideolóxico”, sinalou este mércores Antonio Gómez Caamaño.
“Paréceme unha frivolidade falar así de xente como se fosen números. Detrás deses números hai persoas con problemas que non coñecemos no sistema público e, polo tanto, aínda non podemos calcular as necesidades que teríamos no caso de que se producise ese traspaso”, aseverou o titular de Sanidade da Xunta.
O Secretario de Estado de Sanidade afirma que existen antecedentes de incorporacións importantes de poboación ao sistema sanitario público. “O fundamental é que, no caso de que o Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública decidise avanzar no proceso de integración, o financiamento que actualmente se destina ás aseguradoras privadas pasase ao Sistema Nacional de Saúde para garantir un financiamento adecuado do proceso”, destaca Javier Padilla.