Irimia

Texto que Xosé Vázquez Pintor lerá este sábado no Pedregal de Irimia, "onde o Miño nace e xorde amigo e paseniño"

Somos líquidos. Tamén a vida é unha liquidez de cantos, de contos e de contas. Paseniño acaroaba o carricoche na mañá de abril para saber se os soños son invento ou recalada do común. María e máis eu a contra marcha das arterias que sangran a terra dende as alturas. A mera non existe nestas horas cando un vai  de vez para saber das augas e dos ovos do titán. Medra o silencio. Cavilamos. Somos maus e somos bicos de beber a vida no colo. Sabor da infancia. Neno río. E viceversa.

Escalamos o Everest da nosa prehistoria. Cada pedra un canto. Cada paso un mundo de soñar. O afiador das nubes asubía cos apitos (os cabaliños de buxo, que nacen todos en Luintra de Auria, cando xa o río é dono e gran señor). Rubimos pola montaña co paso do boi. E o río infante xoga con nós, como se as troitas fosen a vertixe, a sombra en vertical. Paseniño vai o noso pé. Cadaquén dos dous inventa o paraíso; o misterio; o mundo; as administracións…

Non hai sabedoría humana que labre así o granito: amigo monte. E beba de xeito permanente a flor das nimbos que hai e que non hai. Cosmos. Vida. Ir de vez con todo o canto e a ledicia en medras cara o alén da Historia de Nós, que bica o océano, onde moran as citanias, os petrogligos, a Lingua Resistente coma os pelouros do granito, acó : “….o ceo foise abrindo, paseniño. Un candelo de sol moi tímido debuxou o Arco da Vella, aló, na Irimia, onde nace o Monte e o Río. Adela e Silvia abriron de primeiro os cofres. Alba e mais Ana fixéronos, felizmente, voar”. (Quen faga voar. Ed. Laiovento, 2000. Ilustracións de Aurichu Pereira)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.