Irresponsabilidade... E esperanza!

Consulta de Atención Primaria nun centro sanitario galego © Xunta

“Como a dita dun pobo depende de ser ben gobernado, a elección dos seus gobernante, pide unha reflexión profunda.” Josep Antoine René Joubert (1754-1824). Moralista e Filósofo francés.

Vivimos tempos de incerteza. E non sabemos cando acabará. A COVID-19, estase prolongando e os afectados seguen medrando. Tamén os mortos. A solución debía ser confiar nun Sistema Sanitario que fose capaz de resolver os problemas, pero a realidade é teimuda, e a enfermidade continúa!

Ultimamente vemos na Galiza unha serie de despropósitos que considero non se deberían producir. O abuso da atención telefónica na Sanidade Galega e a falta de persoal colapsan os Centros de Saúde e PACs. O acceso a Atención Primaria (AP) complícase. O señor Feijóo considera que a “sanidade do futuro será telemática e dixital” e así dá a orde de “priorizar as consultas telefónicas”, co que a relación médico-paciente queda limitada a unha chamada de teléfono. A praxe da AP baséase na accesibilidade e na confianza entre o profesional e o paciente. Se isto non ocorre “por culpa dunha decisión administrativa” e non se poñen os medios necesarios para levala a cabo de forma digna, pérdese o máis importante, que é poder dar solución o ben máis preciado que temos: a saúde

Outra decisión que considero irresponsable, é que a Consellaría de Sanidade ordeee por correo electrónico aos seus médicos de AP, que “deixen de facer PCR a contactos estreitos de positivos con COVID-19”. As razóns clínicas son difíciles de explicar, pois sen PCR negativa e sen illamento as posibilidades de que esa persoa poida contaxiar outras é moi alta. 

Esta decisión, compleméntase coa mentira máis penosa que o señor Feijóo dixo en moito tempo (e mira que di mentiras!). Pois ben: mantén a opacidade sobre o número de rastrexadores da COVID-19 cos que conta Galiza. Comezou dicindo que eran 6.108, logo que non sabía e por fin, en sede parlamentaria, di que “máis de 700”. Tamén ten unha “app” para que cada persoa faga de rastrexador/a de si mesma; puido dicir que ten 2.700.000, que somos os habitantes de Galiza. Pero á vez, acepta o despregamento de 180 militares para realizar labores de rastrexo. Aínda máis, o director xeral de asistencia sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, asegura a eldiario.es que a orde “está recollida nos protocolos, porque os médicos de cabeceira non achegan valor engadido, cando se trata de contactos que non presentan sintomatoloxía”. Ademais, afirma que lles quita “burocracia” as consultas de AP. A ignominia é tal, que non se paran a pensar na carga burocrática real que teñenos médicos: certificados de idoniedade para labores de pesca, marisqueo, apagar incendios, revisión do carné de conducir, certificados de saúde para determinado traballo, de dependencia, de incapacidade, impresos de incapacidade temporal, de baixas, de altas, etc. 

Se de verdade quixesen quitar burrocracia, que a Consellaría de Sanidade fale coas diferentes consellarías e deixen de pedir aos profesionais certificacións que só quitan tempo ás consultas de AP. E de paso, que quiten a responsabilidade das medidas, da presión aos profesionais, para non botar a xente enriba deles. 

No día a día da pandemia, ao señor Feijóo preocúpalle que a “actuación dos servizos sanitarios non se vexa desbordada”. Non lle importan nin os infectados, nin os ingresados en UCI, nin os das Residencias de Maiores, nin os mortos. Só lle preocupa que o sistema non falle, sexan cantos sexan os afectados. Pero para iso ten que investir en sanidade. Compararse con outras comunidades autónomas é patético: “Como estamos mellor, o tema é menor”. E non é así: os morts non previsibles aumentan e as medidas non chegan. Feijoo é o voceiro do seuComité Clínico… E nunca sabremos o que pensa o Comité Clínico, só sabemos o que nos conta el!

Pero non todo son malas noticias: as conclusións do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia dan solución aos problemas. Falta que Feijóo as cumpra. E a esperanza está nas vacinas, que parece que van polo bo camiño a pesar das decisións políticas irresponsables. Esperémolo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.