O contexto internacional parecía ben favorable aos partidarios de aproximarse a Bruxelas. As pretensións de Donald Trump sobre Groenlandia, as tensións con Rusia, o crecente interese de China e a apertura de novas rutas marítimas están convertendo o Ártico nun espazo de competición estratéxica
O referendo islandés do 29 de agosto deixou un resultado claro, aínda que moito menos inequívoco do que suxiren os titulares sobre o rexeitamento da cidadanía á Unión Europea. O 52,8 % votou en contra de retomar as negociacións de adhesión e o 47,2 % a favor, cunha participación do 82,6 %. Pero Islandia non decidiu se quería entrar na UE. Decidiu se volvía negociar unhas condicións que, de culminar nun pacto, terían que someterse a un segundo referendo. Tampouco estamos diante dunha especie de Brexit á islandesa. Ninguén propuxo abandonar estruturas europeas das que Reiquiavík xa forma parte. O resultado expresa outra cousa: unha maioría suficiente para frear a adhesión, unha sociedade case partida pola metade e a preferencia por manter, polo de agora, unha relación con Bruxelas que combina unha moi fonda integración coa permanencia fóra da Unión.
Esa posición intermedia é máis europea do que semella. Islandia participa no mercado único a través do Espazo Económico Europeo e forma parte de Schengen, incorpora boa parte das normas comunitarias relacionadas con ese mercado e coopera estreitamente coa UE. A cambio, permanece á marxe de políticas como a pesqueira ou a agrícola, dous ámbitos nomeadamente sensibles para o país. O modelo encerra unha particular concepción da soberanía, pero tamén un paradoxo. Reiquiavík conserva plena capacidade de decisión sobre os seus caladoiros, mais asume numerosas regras europeas sen contar con eurodeputados, ministro no Consello ou comisario que participe na súa aprobación. Non se trata, daquela, de escoller entre conservar ou ceder soberanía. Islandia decidiu que competencias quere manter baixo control e en cales acepta partillar, mesmo pagando o prezo de ter menor capacidade para influír en decisións que finalmente debe aplicar.
A pesca explica boa parte desa elección porque significa moito máis que unha actividade económica. Achega arredor do 7-8 % do PIB e máis dun terzo das exportacións de bens, pero tamén sostén comunidades costeiras e forma parte da memoria sobre a construción da independencia. As chamadas guerras do bacallau, que enfrontaron Islandia e Reino Unido durante boa parte das décadas de 1950, 1960 e 1970 polo control das augas e os caladoiros, converteron o dominio do espazo marítimo nunha cuestión de soberanía nacional. Porén, non cómpre idealizar esta narrativa. O sistema de cotas favoreceu a concentración do sector e debilitou pequenas empresas e localidades dependentes desta actividade. A soberanía sobre os caladoiros non resolve, por si mesma, como se distribúen os seus beneficios na fronte interior. Pero explica por que un eido tan particular pode pesar máis nas urnas que as moitas vantaxes da adhesión.
Adoitamos representar a integración europea como un percorrido no que a pertenza ao ente comunitario constitúe a estación final. Islandia mostra que tamén pode existir unha integración profunda concibida como destino e non como antesala
O contexto internacional parecía ben favorable aos partidarios de aproximarse a Bruxelas. As pretensións de Donald Trump sobre Groenlandia, as tensións con Rusia, o crecente interese de China e a apertura de novas rutas marítimas están convertendo o Ártico nun espazo de competición estratéxica. Para un país de apenas 400.000 habitantes, membro da OTAN pero sen exército propio, a seguridade ocupa necesariamente un lugar distinto ao de hai unha década. Ademais, Islandia e a UE asinaron en marzo unha asociación de seguridade e defensa que abrangue desde a protección das infraestruturas críticas ata a seguridade marítima e o propio Ártico. Con todo, a campaña acabou xirando moito máis arredor da pesca, a soberanía, a inflación ou o custo da vida. A xeopolítica empurrou Islandia cara a unha maior cooperación europea, pero non convenceu a unha maioría de que esta precisase da adhesión.
Quizais esa sexa a principal lección do referendo. Adoitamos representar a integración europea como un percorrido no que a pertenza ao ente comunitario constitúe a estación final. Islandia mostra que tamén pode existir unha integración profunda concibida como destino e non como antesala. Noruega comparte o Espazo Económico Europeo, Suíza desenvolveu unha complexa relación bilateral e o Reino Unido busca desde o Brexit fórmulas de cooperación que non impliquen regresar á Unión. Ao mesmo tempo, os países candidatos incorpóranse progresivamente a programas, mercados e políticas comunitarias antes dunha eventual afiliación. A chamada integración diferenciada non é, polo tanto, unha hipótese sobre a Europa futura, senón unha característica da actual. O continente xa funciona mediante círculos superpostos de pertenza, dereitos e obrigas, aínda que continuemos a pensar demasiadas veces a UE como unha fronteira que simplemente separa os que están dentro dos que permanecen fóra.
Islandia non lle dixo non a Europa. Dixo ata onde quere chegar, polo menos de momento, na súa integración europea
O resultado islandés pode considerarse un revés para Bruxelas. A Unión tería incorporado un país rico, cunha democracia consolidada e estratexicamente situado no Atlántico Norte, reforzando ademais a súa presenza no Ártico. Pero limitar a lectura a quen gañou ou perdeu o referendo deixa escapar unha cuestión maior. Unha Europa que afronta novas ampliacións, necesita reforzar a súa seguridade e quere manter estreitamente vinculadas democracias que non desexan asumir todas as políticas comúns terá que aprender a convivir con diferentes intensidades de relación. Esa flexibilidade presenta problemas, entre eles o déficit de participación de quen aplica decisións que non contribuíu plenamente a adoptar, e non ofrece un modelo imitable sen máis a outros países. Pero revela que pertenza e integración deixaron de ser conceptos equivalentes. Islandia non lle dixo non a Europa. Dixo ata onde quere chegar, polo menos de momento, na súa integración europea.