José Guerrero, pintor en New York

Guerrero. Rojo y Negro, 1964-86 Dominio Público

José Guerrero, pintor, tamén naceu en Granada, e tamén viaxou a New York. Ese mesmo periplo xa o fixera Federico García Lorca. Só coincidencias? Nestes meses de finais de 2020, de penuria cultural, a galería Mayoral fai o esforzo de presentar unha exposición monográfica do pintor José Guerrero, un granadino que traballou no New York dos enfants terribles do expresionismo abstracto. Acabou pintando como Pollock ou como Rothko?

image

Guerrero. Composición, 1959
 


 

José Guerrero. The USA influence. Works from 1959 to 1967. Galería Mayoral

En mis ojos bebían las dulces vacas de los cielos / y las brisas de largos remos / golpeaban los cenicientos cristales de Broadway. / La gota de sangre buscaba la luz de la yema del astro / para fingir una muerta semilla de manzana. / El aire de la llanura empujado por los pastores / temblaba con un miedo de molusco sin concha.

(F. García Lorca, Danza de la Muerte, en “Poeta en Nueva York”, 1930).

Tempos de pandemia. Meses de peche social, de negritude cultural. O mes de outubro deste malévolo 2020 está a pasar. E as persoas seguimos a vivir tempos que xa se deran por pretéritos; tempos que os países máis ricos –soberbios– cualificaran de medievais e irrepetibles. Non hai peor cego que o que non quere ver a realidade. Nesta perspectiva interior, doméstica e moi dura, as galerías de arte e institucións museísticas van artellando actividades coas que seguir a súa vida cultural, negándose á derrota.

Tal é o que fai tamén a galería a galería Mayoral. Seguindo a traxectoria que na última década se marcou Mayoral como prioritaria: ir presentando nas súas exposicións temporais (case sempre monográficas) a artistas españois de posguerra, tócalle agora a quenda a un artista que tomou un camiño diferente a moitos dos seus coetáneos: vivir no estranxeiro. José Guerrero (1914–1991), granadino, comezou estudando na súa cidade belas artes. Neses anos coñeceu a Federico García Lorca que lle recomendou que marchase a Madrid, cousa que acabou facendo ao rematar a Guerra Civil para seguir estudando. Logo vai a París onde coñece a Picasso, Miró e moitos outros artistas, antes de viaxar a Roma e de casarse con Roxane W. Pollock, periodista norteamericana. E nese mesmo ano, 1949, instálase en New York. Desde eses intres vivirá nesa cidade de xeito permanente ata os seus viaxes a España en 1965. A partir dese ano comeza a integrarse na vida artística española e remata por ter tres casas: unha en Madrid, outra en Frigiliana e a terceira en Cuenca. Esta última cómpraa despois de participar na inauguración e consolidación do pequeno e fermoso Museo de Arte Abstracto Español a carón de Zóbel, Torner entre outros nomes.

image

Guerrero. Black and Yellow. 1959
 


 

O que ten de novidade esta mostra de Mayoral (José Guerrero. The USA influence. Works from 1959 to 1967) fronte a outras anteriores consiste en presentar a un artista que atopou as súas liñas de expresión artística nas ribeiras do río Hudson, e ao pé dos artistas da New York School, de onde sae rapidamente o movemento artístico coñecido agora como expresionismo abstracto. Que logo conseguiron grande predicamento internacional coas obras da action painting e do dripping que tan de moda puxeron nomes como de Kooning, Rothko, Pollock, Kline, etc., moitos deles emigrados europeos fuxidos do nazismo e da II Guerra Mundial. Agora, anos despois, sábese que na promoción internacional deses artistas estivo a gadoupa da CIA, como parte do aparello de propaganda dos EEUU durante a mal chamada guerra fría fronte á URSS. En anteriores exposicións que a mesma galería Mayoral fixo de artistas coetáneos de Guerrero –xa do grupo El Paso, xa de Dau al Set–, unha das diferencias con Guerrero (máis aló de estilos persoais) é que as prácticas artísticas de persoas como Tàpies, Millares, Saura e outros tiveron lugar en terras ibéricas.

A pandemia é a metáfora dos tempos. A metáfora que se repite, contra da carreira tecnolóxica que predica a superación de calquera etapa anterior. Pandemias houbo na antigüidade, nos tempos medievais, nos modernos e mais nos contemporáneos. E a Arte sempre respondeu. A arte cómpre para vivir. Así aconteceu e acontece.

image

Guerrero. Cruce. 1962
 


 

José Guerrero: creatividade artística no Riverside Drive

El poeta, granadino, fue a Nueva York y chocó doloramente con con la gran ciudad que él sintió inhumana. De ese golpe había de surgir, espléndido, “Poeta en Nueva York”. Como Federico García Lorca, José Guerrero, de Granada, se fue allá para encontrarse a si mismo, y luchando con el monstruo ser precisamente José Guerrero, admirable Pintor en Nueva York.

(Jorge Guillén, José Guerrero, 1967).

Guerrero instálase, coa súa muller, en New York. Alí están tamén, exiliadas familias granadinas e andaluzas enteiras, como a de García Lorca, a de Fernando de los Ríos … Vai coñecendo aos que de contado serán os popes do expresionismo abstracto: Kline, de Kooning, Motherwell (que pinta daquela Elegies to the Spanish Republic), Rothko. Tamén coñece e se relaciona con mulleres artistas dese movemento, artistas das que pouco ou nada se di: Helen Frankenthaler ou Joan Mitchell. Actualmente –como espello do dito– o museo Guggenheim de Bilbao presenta unha magnífica exposición de Lee Krasner (1908-1984), unha figura fundamental desa New York School. De Krasner pouco se ten falado; iso si na súa biografía consta que foi a muller dun tal Jackson Pollock. Ou foi por iso que ata agora se lle foi negando a súa valía artística? Cómpre afirmar, con total xustiza, que a galería Mayoral (galería de arte privada) ten a honra de ser o primeiro centro cultural de España –público ou privado– onde se presentou unha mostra de mulleres artistas surrealistas. No ano 2017!  

Como xa se dixo, a galería Mayoral programa exposicións de artistas fundamentais da xeración dos anos 50, artistas de posguerra. Entre outras xa pasaron polas súas salas de Consell de Cent obras de Millares, coa súa dor e negritude, Saura exhibindo a rabia escurecida, Tàpies, obsesivo e fantasioso, Zóbel, orientalista e fundador do Museo de Arte Abstracto de Cuenca, ou a colectiva dos mesmos: Pavillón español en Venecia. E, para rematar, unha interesante mostra de Juana Francés, pintora informalista incluída no grupo El Paso que os mesmos compañeiros acabaron por reducir ao silencio!

image

Guerrero. Blue and Black, 1962
 

A peculiaridade deste artista granadino –que agora está presente en José Guerrero. The USA influence.– consiste precisamente na síntese que acaba facendo na súa pintura. Vivindo en New York e relacionándose coas e cos artistas do expresionismo abstracto, acaba por botar man das novidosas técnicas que por aquel entón comezaban a empregar na New York Scool. Técnicas como a action painting ou o dripping. Destas dúas Guerrero plasmará cores e liñas sobre os lenzos apostando pola primeira: deixar a man libre para permitir que os pinceis voen polas telas. Cómpre lembrar que o expresionismo abstracto é fillo directo, herdanza, de tantas e tantos artistas surrealistas que buscaron refuxio nos arredores da cidade do MOMA, fuxindo da II Guerra Mundial. Por alí estiveron bastantes anos Yves Tanguy (o artista preferido de André Breton. Por que lle chamaban a Tanguy o surrealista anti-Dalí?), Joan Miró, André Breton, Salvador Dalí e moitas e moitos máis, coas súas exposicións e actividades. E esa espontaneidade e confianza no subconsciente dos surrealistas agradou de contado ás novas xeracións, que procuraron reflectir en superficies os seus estados de ánimo. Neste senso pódese dicir que os Pollock, de Kooning, Rothko e compañía non se basearon na observación máis ou menos obxectiva da realidade. O outro pé do estilo de Guerrero é que nos seus traballos acaban por saír as cores, as formas que na súa Granada natal se foron fixando nos seus miolos. Por iso a súa pintura non é coma a de ningún outro. Por iso en 1966 presenta unha obra que titulou, con toda a carga dolorosa e política, La Brecha de Viznar. O lenzo presenta en tons grises e negros unha ferida da que mana unha cor vermella, a ferida mortal que –nese lugar– acabou coa vida de Federico García Lorca.

José Guerrero non foi só un artista que viviu en New York nos anos 50 e 60, anos decisivos para que esa cidade pasase a ser a capital mundial da arte, en boa medida grazas ao expresionismo abstracto; nin que, por esa estancia na gran metrópole coincidise, máis ou menos, con eses artistas en eventos culturais. Non. Guerrero participou activamente neles e con eles. En todas as exposicións máis sobranceiras dos “Pollock boys” alí estaba a firma de Guerrero tamén. No ano 1958 (considerado un dos anos fundamentais na traxectoria artística de Guerrero) participa na mostra Action Painting, celebrada no Dallas Museum for Contemporary Arts. Alí están todas e todos. (Aquí pode verse parte do catálogo, onde aparece claramente o nome de Guerrero e mais as dúas pezas que presentou na citada exposición). Noutras mostras que participou (Some Younger Names in American Painting, no Worcester Art Museum, ou American Artists of Younger Reputation, en Roma) sempre é incluído como un máis dos pintores americanos que vive e traballa integrado na xeración de artistas aparecidos despois da II Guerra Mundial. No apartado seguinte daranse máis argumentos que abundan nesta afirmación.

image

Guerrero. El paño de la Verónica, 1966 


 

José Guerrero. The USA influence. “El paño de la Verónica”, “Red and Black”

Particular individual painters have come to understand the canvas as an ‘arena in which to act’, rather than as a place to paint a picture: there is no longer an image in the painter’s mind when he comes to apply paint to canvas; the outcome of the artist’s encounter with the canvas is always a surprise. One or more sketch may be made in advance of an encounter with the canvas. This does not invalidate the work on the canvas. The continuity of a number of encounters may be a ‘prolonging of the act’.

(H. Rosenberg. American Action Painters, en Art News, 1952).  

O artigo American Action Painters, do crítico de arte e escritor H. Rosenberg, está considerado como o escrito onde se definen as trazas do que é a técnica do action painting, así como as especificidades das/dos artistas que empregaron tal técnica. E a obra de Guerrero entra perfectamente nesa catalogación.

No ano 1959 inaugúrase en na cidade dos rañaceos o novo edificio (de Frank Lloyd Wright) do Salomon R. Guggenheim Museum da V Avenue. E na Inaugural Selection, que así se chamou a exposición coa que abriron tan singular e icónico edificio, está presente unha obra de Guerrero: Signs and Portents (1956), a carón de outras de Tàpies ou de Chillida. A peza de Guerrero pasa dos dous metros e medio de longo, e sobre ese lenzo combínanse os amarelos de fondo atacados por signos e manchas de cor negro e mais branco. Unha peza singular. Como proba de que esta obra non perdeu valor nin actualidade co paso dos anos, cómpre referir que, no ano 2019 o mesmo Guggenheim Museum celebra o 60 aniversario da súa inauguración, e Signs and Portents de Guerrero volve estar presente e colgada nas salas dese fundamental centro de arte.
 

image

Guerrero. Rojo y Negro, 1964-86

 

Agora na José Guerrero. The USA influence. Works from 1959 to 1967, mostra presentada pola galería Mayoral, están presentes pezas moi importantes dentro da creación de Guerrero. Obras executadas nunha década fundamental para o artista, anos de éxitos nas mellores galerías e museos. Por citar algunhas das obras pódense salientar Black and Yellow (1959) e Blue and Black (1962). En ambas, como en moitas outras, o negro é un elemento definidor da composición. Guerrero estivo emperrado en que o negro fose considerado como unha cor; non como a negación de realidades nin como o medio para plasmar loitos, escurantismos. Deste xeito o negro non só estará no lenzo senón que é definidor da composición e consta no mesmo título da obra.

En consonancia con estas pezas Mayoral tamén presenta El paño de la Verónica (1966), unha peza xa rematada ao pouco da súa volta dos EEUU. Nesta peza, vertical, hai quen ve claras alusións á Semana Santa andaluza (as imaxes de infancia?). Boa parte da superficie está dominada por unha cor indefinida, entre gris escuro e azulado que seguramente é a referencia á iconografía do título, mentres que pola dereita amosan brancos e grises claros. Unha crítica á relixiosidade das procesións? A iconografía que cita o título sempre se presentou como unha tela branca coas pegadas dunha face. E aquí o tal pano aparece moi escurecido. Cargan aquí as referencias (subconscientes?) ás pinturas negras de Goya? E aos seus gravados  contras as supersticións (Caprichos). Por outra parte, na parte central inferior de El paño de la Verónica amosa unha curiosa combinación de vermello, amarelo e morado. A bandeira republicana? Xa se citou que o seu amigo Motherwell pinta as elexías á República Española, por influencia de Guerrero?

Por último, para comentar outra das obras presente en José Guerrero. The USA influence. Works from 1959 to 1967, escóllese Red and Black (1964-86), un cadro de 224 cm de longo e onde o negro ocupa case en exclusiva a parte esquerda da composición. Unha obra na que o artista traballou e retocou moitos anos. Tal e como ordena esas dúas cores Guerrero todo parece indicar que se está na presencia dunha obra de tauromaquia; un touro nun coso taurino. O negro que enche toda a parte esquerda é o touro, perfilado por algúns trazos de vermello. O espectador mira o touro moi de preto e de atrás a diante. Xa cara a dereita vese unha parte da cabeza e mais o corno dereito do animal. E o vermello que ocupa o resto da composición a muleta do toureiro.

O dito, José Guerrero. The USA influence. Works from 1959 to 1967 é coma sempre unha grande exposición presentada por unha moi activa galería de arte de Barcelona.


 

  • EXPOSICIÓN: José Guerrero. The USA influence. Works from 1959 to 1967
  • Galería Mayoral
  • ata o 19 de decembro de 2020

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.