JuntsxCat: o pau de palleiro do soberanismo catalán

CC-BY-SA Praza Pública

JuntsxCat pechou este domingo 27-O o seu congreso, non por casualidade sete anos despois da votación no Parlament que proclamou unilateralmente unha independencia que ficou no ámbito da mera declaración

JuntsxCat pechou este domingo 27-O o seu congreso, non por casualidade sete anos despois da votación no Parlament que proclamou unilateralmente unha independencia que ficou no ámbito da mera declaración. Unha declaración coetânea á aprobación dun insólito 155 polo Senado, cos votos do PP e do PSOE, que dun xeito desaquelado disolveu a Cámara catalá, cesou o seu Govern e encetou un ciclo represivo que continuou o 30-Ou cunha querela criminal da Fiscalía Xeral do Estado que moi poucos días despois levaría ao cárcere, con carácter preventivo, a boa parte daquel goberno (o vicepresidente Junqueras, os consellers Turull, Rull e Forn, a consellera Bassa e máis a presidenta do Parlament Carme Forcadell), mentres o presidente Puigdemont, os conselleiros Comín e Puig e a conselleira Ponsatí safaban por se ter exiliado antes de se decidir o seu prendemento.

Este introito nos fai entender como este congreso, malia decidirse unha liña anovada que vai tentar a independencia pasando polo previo afortalamento do poder local e autonómico dende a centralidade e a transversalidade, non se pode entender sen a existencia dun proceso que converxe no plebiscito do 1-O de 2017 e na votación parlamentaria do 27-O. E tampouco se pode entender sen a represión, sen ese cárcere sufrido polo reelixido secretario xeral do partido, Jordi Turull ou o actual president do Parlament, Josep Rull. Ou ese exilio de sete anos xa que sofren o eleito presidente do partido, Carles Puigdemont e o seu eurodeputado, Toni Comin, aos que o Tribunal Supremo rexeita aplicar a amnistía dende unha interpretación xurídicamente inaceptábel do delicto de malversación. Tampouco sen a grave condena de cárcere e inhabilitación que o Tribunal Superior de Catalunya pronunciou contra a anterior presidenta do partido, Laura Borràs (dende o domingo presidenta da fundación juntaire Catdem), por un suposto fraccionamento de contratos públicos que tampouco aturaría unha análise xurídico-penal acaída.

Distintos observadores presentes neste congreso coinciden en salientar i) que o liderado de Puigdemont é claro, comunmente aceptado e serve de elemento de cohesión a unha organización plural e transversal, ii) que a moral de vitoria, malia estar ausente dos principais gobernos locais e do goberno nacional catalán, é elevada, fronte á implosión de ERC e as CUP e iii) que Puigdemont e unha moi grande maioría d@s juntaires optaron por unha organización militante, dirixida á executividade e á operatividade. As candidaturas aos órganos de dirección desbotaron, neste senso, as listaxes abertas.

JuntsxCat, dramaticamente ausente do Govern da Generalitat e do poder local das Deputacións todas e dos principais gobernos locais do país mediterráneo, ha transitar un longo camiño até a reconquista destes poderes local e autonómico

Mais este superior grao de cohesión non arrombou a pluralidade que é esencial a esta forza catalanista e que mesmo se potencia agora. Por unha banda, inserindo no conxunto organizativo importantes forzas municipalistas (Impulsem Lleida, Impulsem Penedès, JuntsxIgualada ou JuntsMartorell) co obxectivo de ser primeira forza en poder local despois das vindeiras municipais de 2027. Por outra banda combinando a integración do espazo humanista e personalista dos Demòcrates de Catalunya de Antoni Castellà, sucesores da UDC fundada por Carrasco Formiguera no 1931, coa continuidade dos tres sectores recoñecidos (de esquerdas, liberal e socialdemócrata) que teñen acceso directo á Executiva. Este pluralismo ideolóxico determinou unha transacción que impediu a proposta de derrogación dos impostos de sucesións e patrimonio. 

Alén deste carácter militante e operativo, desta organización baixo un liderado e unha dirección fortes e definidores e desta pluralidade transversal na percura da centralidade, de ser o core ou o pal de paller do país, Puigdemont enunciou a necesidade de que Junts compita directamente co goberno do PSC de Illa e tente construír pontes e estruturas de sociedade civil comúns con ERC, probábelmente ben certo que a competitividade entre nacionalistas fíxolle moito dano ao soberanismo e que existen ducias de milleiros de votantes e simpatizantes de ERC que poden transitar ao voto e á simpatía juntaire.

Sen dúbida JuntsxCat, dramáticamente ausente do Govern da Generalitat e do poder local das Deputacións todas e dos principais gobernos locais do país mediterráneo, ha transitar un longo camiño até a reconquista destes poderes local e autonómico. Haberá demostrar que ten solucións acaídas para os principais problemas de Catalunya, entre eles a coexistencia entre a inmigración e a integración social entre cataláns de orixe e de residencia. E haberá saber usar das ferramentas institucionais, mais sen esquecer o obxectivo que lle da sentido á súa existencia e ao liderado de Carles Puigdemont, que non é outro que o recoñecemento do dereito a decidir da cidadanía catalá e a posibilidade de exercelo libremente. Illa xa ten enfronte unha proposta que semella competitiva. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.