Estase a tramitar o proxecto de Lei de Rehabilitación, rexeneración e renovación de Galiza. Un debate que se presenta como eminentemente técnico e afastado de claves políticas. Nada máis lonxe da realidade. Nese complicado e opaco código normativo plásmase sen complexos a posición política do Partido Popular respecto da vivenda e da economía de Galiza.
O proxecto de lei está está escriturado como unha receita neoliberal e articula as ferramentas lexislativas necesarias para a mobilización patrimonio construído, mesmo con medidas forzosas, en beneficio da especulación dos promotores privados. Paradoxalmente, a maximización do beneficio dos grandes investidores privados pretende levarse a cabo promovendo unha forte intervención pública para poñer en primeiro plano a expropiación ou a venda forzosa de vivendas xa construídas, mesmo con rebaixas do 50% do valor. Desvalorización como requerimento para estimular os apetitos lucrativos dos operadores inmobiliarios privados.
Tamén se procura a maximización do beneficio diminuíndo os estándares de protección, poñendo en perigo a conservación dos valores patrimoniais e culturais, liberalizando a función ordenadora ou accedendo a peticións reiteradas polos lobbies dos promotores inmobiliarios como son a segregación do subsolo para uso privado en solo público ou a recuperación da nefasta técnica da transferencia de aproveitamento da que aínda, en cidades como na Coruña, se están a pagar a desorbitadas indemnizacións con diñeiro público (por suposto).
Santifícanse normas de aplicación directa por riba de plans xerais e de plans especiais de protección. Multiplícanse as posibilidades de alterar as aliñacións, as rasantes..., é dicir, as tipoloxías dos núcleos. Elimínase nas modificacións non substancias a avaliación ambiental estratéxica simplificada como manda a lei 21/2013 de avaliación ambiental. Ábrese a porta á unión funcional de edificios ou á ocupación do dominio público xeneralizada para dotar de elementos de accesibilidade ou eficiencia enerxética… Desregulación de medidas protectoras á medida do que os investidores privados queren.
A Lei de Rehabilitación, rexeneración e renovación de Galiza é o marco operativo do Partido Popular para supeditar a intervención pública á axenda depredadora dos lobbies da construción. Non é logo casual a ausencia clamorosa do concepto de Patrimonio Público da Vivenda e do Solo como elemento regulador do mercado e como solución ao drama de miles de persoas que non teñen garantido o dereito (disque constitucional) a unha vivenda digna.
Non sorprende tampouco que nos se gastase tinta en plasmar tan sequera unha medida para mobilizar a vivenda baleira ou para fomentar o alugueiro social. Tampouco atoparemos unha afirmación sen dobreces de directrices para facer efectivo o dereito á participación cidadá no proceso de rehabilitación e rexeneración ou para garantir o dereito ao realoxo, que aparece regulado potestativamente e banalizado a base de repetir que se «poderá». Poder se pode, pero o Partido Popular e os poderosos nunca queren. Letra morta na lei.
Máis ausencias. Non se contemplan medidas efectivas para evitar os procesos de xentrificación que se converteron nos últimos anos nunha das estratexias máis gorentosas para engordar os beneficios inmobiliarios.
Unha vez logrados os obxectivos que rexeron as políticas do PP durante décadas: abandono e envellecemento das comarcas agrarias, a solución que nos propón a Xunta para os núcleos rurais é a creación de rexistros municipais para a venda de núcleos abandonados ou o que é o mesmo: converter os concellos en axentes inmobiliarios para vender o noso patrimonio a prezo de saldo. A aposta do Partido Popular polo mercado da desertización é un infame exercicio de irresponsabilidade política.
Quen vai mercar esas vivendas se non mudan as políticas estruturais, se non se crea emprego, se non se dinamiza a economía aproveitando o potencial endóxeno ou se non se dotan de servizos públicos? Os axentes da especulación inmobiliaria e da depredación ambiental. Trátase de aumentar exponencialmente a marxe de extracción de beneficios por medio do espolio dos bens comúns. Nova oportunidades para a nova e a vella especulación.
Dúas cuestións máis
Unha. A inseguridade xurídica que crea a coexistencia desta nova lei con contidos contraditorios cos Lei do solo de Galiza aprobada en 2016, modificada xa catro veces, e baseada no modelo de expansión incontrolada típico dos anos de boom inmobiliario, ou en conflito coa Lei 5/2016 de Patrimonio de Galiza que xa rebaixaba a protección, aínda que non tanto coma o que se pretende aprobar. Un cóctel lexislativo perfecto para permitir a barra libre e seguir desaproveitando posibilidades reais de rehabilitación e rexeneración habitacional.
Dúas. O reforzo do papel da Xunta de Galicia en detrimento da autonomía municipal no tocante ás delimitacións dos ámbitos e áreas de actuación (ARI/Rexurbe/ZER…) e, en xeral, sobre a potestade competencial sobre os instrumentos específicos que crea a nova lei.
En resumo, ausencias, cancelación de garantías, rebaixe da protección e incremento da discrecionalidade para a maior gloria dos negocios das grandes, e nada escrupulosas, empresas inmobiliarias.
Podería e debería facerse posible outro modelo baseado na intervención pública. Unha lei para incrementar o parque público de vivenda, para penalizar a especulación con vivenda desocupada, para vincular as subvencións á posta en aluguer das vivendas con prezos sociais. Unha lei deseñada para involucrar á cidadanía na definición das actuacións de rexeneración e rehabilitación e que, apostando por dotar con medios, permita axilizar os trámites en Patrimonio sen rebaixar a protección. Unha lei para conectar as actuacións de rehabilitación do rural con políticas económicas, sociais e ambientais que garantan un rural vivo e con futuro. Unha lei de rehabilitación, renovación e rexeneración real e non un cheque en branco para os axentes da especulación inmobiliaria e urbanística.
Non hai rehabilitación se non hai emprego, non hai renovación se se pechan escolas, non hai rexeneración se minguan os orzamento para a atención da dependencia. Redactaron un proxecto de lei para habilitar e rehabilitar malas políticas inmobiliarias e a especulación irresponsable á procura de beneficios inmediatos a costa da destrución de posibilidades de futuro. Coas leis do Partido Popular, Galiza é un territorio de usar e tirar e as persoas tan só unha reserva de man de obra precarizada abocada á emigración.