Ler e vivir. Ler e facer da propia vida un libro. Ler para vivir un cento de veces
Ler e vivir. Ler e facer da propia vida un libro. Ler para vivir un cento de veces. Ler e ser papel, aventura, drama, festa, melancolía. Ler e entenderme. Léndome. Ler e ser inmortal porque eu morrerei e alguén que aínda non naceu, ao lerme, proclamará a miña resurrección. Ler para deixar de ser illa e ser patria de lectoras e lectores acubillados no parapeto común da mesma semántica descifrada e feliz. Ler para aprender. Ler para desaprender e beneducarse. Ler para ser quen de chorar por cousas que son mentira pero que de fermosas, arrincan a tristura da alma. Ou a fan máis grande. Ler para defendernos da mediocridade, para darlles armas de supervivencia aos fillos e as fillas. Ler para que vivan de novo os personaxes que foron nados pola obra e graza divina daqueles que crean e viven creando. Ler para que Borges saia do labirinto, para que Celso Emilio volva namorar a Moraima. Ler para ser mundo, instante supremo, para ser, para amar, para ser agasallo, enviar sentimentos ao futuro ou entender o pasado. Ler para pensar, agocharse da miseria, tocar o absoluto esencial.
Ler, si. Para todo iso. Ler.