Por unha vez, por unha única vez e sen que sirva de precedente: vou empezar polo principio. Pero, tranquilidade, non para seguir en orde lineal. Comezarei a comentar o novo libro da artista Luz Darriba polo substantivo inicial do título: encaixe. O encaixe.
Tras declararse, lectora total- “Lectora con todas as partes do meu corpo, con cada unha delas”- Luz desprega ante os ollos de quen se asoma ao labor artesanal un libro de libros
O encaixe de Bruxelas é un libro confeccionado coa dialéctica do palillar. Nel, o encaixe textual vai trenzando unha trama bibliográfica que se bifurca constantemente con certos fíos comúns, como o firme parecer de Kate Millett de que “O persoal é político” ou a poética imaxe tomada de Olga Tokarczuk: “o mundo está a perder os pétalos”.
Tras declararse, lectora total- “Lectora con todas as partes do meu corpo, con cada unha delas”- Luz desprega ante os ollos de quen se asoma ao labor artesanal un libro de libros. Como as “espigadoras” de Agnès Varda, recolle e resemantiza fragmentos, xéneros e tons do máis diverso.
O periplo que Luz expón en O encaixe de Bruxelas é, así, un ser biface: a medida que a autora se despraza polo terreo, experimenta cambios dentro de si, feito que apreciamos a través das continuas reflexións, autoconciencia e perspectiva crítica do que acontece, movéndose do individual ao universal
A puntilla resultante trenza así, a resiliencia do Bildungsroman coa tenrura do epistolar amosando unha admirable memoria, digna do Adriano de Youcenar. Desde o afecto dunha carta á nai desprega Darriba a aprendizaxe das “fortunas e adversidades” da súa vida como se da de Holden Caulfield ou Lázaro de Tormes se tratara. En especial conecta con este último na actitude de sobrepoñerse á vida e na de criticar os abusos das clases dominantes. Da experiencia, como os protagonistas citados, sae a autora sempre transformada.
Isto último enlaza coa modalidade tamén presente da literatura de viaxes, xénero que nos remite de novo aos clásicos e ao contemporáneo. Sen ir máis lonxe, a propia Chantall Maillard, precisamente no seu libro Bélxica expresa que toda viaxe exterior implica necesariamente unha viaxe interior: “Ítaca, cualquier Ítaca, es un lugar interior” (...) “no es un lugar geográfico, ni tampoco metafísico, sino un estado”. O periplo que Luz expón en O encaixe de Bruxelas é, así, un ser biface: a medida que a autora se despraza polo terreo, experimenta cambios dentro de si, feito que apreciamos a través das continuas reflexións, autoconciencia e perspectiva crítica do que acontece, movéndose do individual ao universal.
Este palillar en verso inza de referencias e impregna o ton do encaixe, sendo especialmente relevante a cita na que a admiradísima Pizarnik declara que o feito de ser muller a une e conecta coas demais mulleres
Outra ramificación da lenzaría bibliográfica é a autobiografía vinculada á vida artística, que lembran ás de Patti Smith. Desde o Just kids ata o M Train, que cheira a café con leite e a poesía como a reiteración lírica dese olor que establece unha complicidade entre Luz Darriba e a súa nai.As autobiografías de Luz, como as de Patti, non exercen unha forza centrípeta, senón centrífuga, espallando o que senten, do “persoal ao político”, como Millett. A corrente de conciencia do Joyce máis experimental esperta, por tanto, continuamente coa potencia dunha oralidade poderosa e feminista.
Este palillar en verso inza de referencias e impregna o ton do encaixe, sendo especialmente relevante a cita na que a admiradísima Pizarnik declara que o feito de ser muller a une e conecta coas demais mulleres e iso lle outorga calor e forza no contexto dun mundo ao que, como sabemos lle “están a caer os pétalos”.
Esa transcendencia foi a que nos levou a unirnos fisicamente, máis alá da literatura, na presentación deste libro-encaixe neste fin de ano 2022 en Carballo, no espazo Espiral Maior Foro, rexentado por Miguel Anxo Fernán Vello, onde compartimos reflexións palilladas ao calor da poesía
Precisamente o encaixe érguese tamén do libro, que diría Lorca, e humanízanos alén das súas páxinas, primeiro no propio oficio profesional da autora, pois crear e sobre todo comisariar proxectos artísticos equipárase, literalmente, a unha “peza de encaixe de bolillos”. Pero logo, na vida real, tecendo amizade e sororidade desde unha conciencia social antipatriarcal.
Son constantes xa que logo as alusións e os agradecemento ás amigas mais tamén o abrigo das mulleres do mundo polo feito de selo desde unha conciencia comunitaria e igualitaria. Esa transcendencia foi a que nos levou a unirnos fisicamente, máis alá da literatura, na presentación deste libro-encaixe neste fin de ano 2022 en Carballo, no espazo Espiral Maior Foro, rexentado por Miguel Anxo Fernán Vello, onde compartimos reflexións palilladas ao calor da poesía, que é quen, en palabras de Luz Darriba, de vencer os límites e fronteiras e “borrar calquera indicio de bordo fonético”. Porque como a autora cita por boca de Marguerite Yourcenar:
“Alí, como noutras cousas, o pracer e a arte consisten en abandonarse conscientemente a esa benefeitora inconsciencia, en aceptar ser máis débil, máis pesado, máis livián e máis confuso que un mesmo”.
Que así sexa e que Luz nos axude co seu “encaixe” a habitar un mundo “que está a perder os pétalos”.