No ano 2008 Luz Darriba levou a cabo unha intervención artística na Praza de Maio de Bos Aires consistente na instalación de 500 prendas femininas para representar o secuestro polas redes de explotación sexual e tráfico de persoas de 500 nenas e mulleres ao ano
O 7 de xuño do ano 2008 Luz Darriba (nacida en Montevideo en 1954 e residente en Lugo dende o ano 1990) levou a cabo unha intervención artística na emblemática Praza de Maio de Bos Aires consistente na instalación de 500 prendas femininas en todo o perímetro da praza para representar o secuestro polas redes de explotación sexual e tráfico de persoas de 500 nenas e mulleres ao ano.
A intervención, baixo o título de Cuestión de Xénero, contou coa colaboración da Xunta de Galicia, a revista virtual Foeminas da Casa da Muller do Concello de Lugo e mais de grupos de investigación sobre a trata de mulleres. A instalación realizouse como peche do I Congreso Latinoamericano sobre Trata e Tráfico de Persoas organizado pola Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Bos Aires. Unha vez desinstaladas, as prendas foron entregadas a persoas sen recursos que durmían nos arredores da céntrica praza.
Luz Darriba vai repetir este sábado aquela experiencia, desta volta na Alameda de Santiago de Compostela
Luz Darriba vai repetir este sábado aquela experiencia, desta volta na Alameda de Santiago de Compostela, onde quere pendurar entre as 9 da mañá e as 7 da tarde un gran número de prendas de roupa, de novo para denunciar a trata e a explotación sexual que sofren milleiros de mulleres e nenas en todo o planeta. A instalación coincide ademais coa semana “Se trata de no + trata” organizada pola Rede de artistas, docentes, activistas feministas da Arxentina do 23 ao 30 de setembro. Este xoves 23 de setembro celébrase ademais o Día Internacional contra o tráfico de mulleres e nenas para a súa explotación sexual, impulsado pola UNESCO.
A artista fai un chamamento a todas as persoas que queiran participar na iniciativa a que deixen prendas de roupa na Libraría de Mulleres Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7, Compostela) ou a que colaboren na propia montaxe da instalación.
A artista fai un chamamento a todas as persoas que queiran participar na iniciativa a que deixen prendas de roupa na Libraría de Mulleres Lila de Lilith ou a que colaboren na propia montaxe da instalación
Darriba, Premio da Cultura Galega na modalidade de artes plásticas, leva décadas traballando distintas disciplinas artísticas pero dende hai anos destaca polas súas intervencións de gran formato no espazo público. Un bo exemplo foi a intervención dos semáforos do centro de Bos Aires, cambiando as iconas empregadas por outras femininas, ou a CUMULUM, Muralla de Libros, formada por máis de 600.000 libros, coa que cubriu a Muralla de Lugo, que nese momento pelexaba para acadar a súa declaración como patrimonio da Humanidade pola Unesco.
Nos últimos meses realizou tamén unha impactante instalación no edificio da Deputación Provincial de Pontevedra en Vigo co gallo do 8 de marzo para chamar a atención sobre os invisibles traballos de coidados, realizados maioritariamente polas mulleres, e que durante a pandemia se tiveron que multiplicar.