As vacacións son ese período do ano que, as persoas que temos a sorte de traballar e de recibir un salario digno (algo que nestes tempos que corren é case imposible), dedicamos a desconectar ou, polo menos, a tentalo. Porque desconectar da realidade cando esta móstrache tozudamente, un día si e outro tamén, a dureza da violencia e o terrorismo machista, resulta difícil, cando non imposible. A lista de mulleres asasinadas crece case cada día porque, por desgraza, o machismo non entende de vacacións. Nin de vacacións nin de Gobernos en funcións ou, mellor dito, en disfuncións e que segue mirando, como fixo ao longo dos catro anos anteriores, para outro lado coma se nada ocorrese.
Tamén as vacacións serven para reflexionar. Hai uns días, chamábame a atención un comentario que facía unha guía -muller, 28 anos, para máis datos- nunha excursión por Kotor, unha magnífica cidade montenegrina. Argumentaba ela, á hora de explicarnos a forma de ser da poboación do seu país que, “eu non son feminista, pero aquí os homes fan o que lles dá a gana e as mulleres son a que coidan a casa e aos nenos. E iso eu non o comparto”. “Eu non son feminista, pero…”, unha frase que, polo que veño observando dende hai tempo, é mundialmente utilizada ou, creo, mal utilizada. Vexamos:
“Eu non son feminista, pero”… rexeito e combato calquera tipo de violencia contra as mulleres.
“Eu non son feminista, pero”… quero ter dereito sobre a miña maternidade e o meu corpo.
“Eu non son feminista, pero”… quero traballar, acceder ao mercado laboral en igualdade de condicións e recibir o mesmo salario que un home polo mesmo posto.
“Eu non son feminista, pero”… aposto pola corresponsabilidade, por implicar aos homes no coidado de dependentes e dos seus fillos e fillas.
En definitiva, “eu non son feminista, pero” defendo e reivindico a igualdade entre homes e mulleres, os mesmos dereitos e liberdades.
Pois ben, todas estas mulleres que aseguran non ser feministas, o son. Porque o feminismo non é outra cousa que defender a igualdade entre mulleres e homes e rexeitar calquera forma de conduta machista. Evidentemente, o compromiso con estes obxectivos pode ser maior ou menor, pero considerar o feminismo a priori como o contrario ao machismo é, sen dúbida, un dos maiores erros nos que podemos caer, especialmente cando as que realizamos afirmacións como a que estamos a analizar somos nós, as mulleres.
Talvez o problema radique, unha vez máis, na educación ou, máis ben, na súa ausencia. Evidentemente, é necesario -e, ante os datos que imos coñecendo sobre desigualdades en diferentes ámbitos, e dunha forma especial, no que se refire á violencia, tamén urxente- investir recursos na educación en igualdade. Pero esta tarefa debe comezar polo principio e, así, o “Tema 1” –por dicilo dalgún xeito- debe ser o da explicación de conceptos fundamentais, como a definición de feminismo. Estou segura de que dariamos un paso adiante e moitas máis mulleres evitarían o ter que utilizar esa coletilla que parece fuxir dun rexeitamento social totalmente inxustificado. E moitas máis mulleres entoarían o “Eu son feminista. Sen peros”.