Léxico patrimonial non recuperado

CC-BY-SA Praza Pública

En lingüística denomínase “léxico patrimonial” dun idioma a todo o vocabulario autóctono desa lingua, é dicir, o xerado de seu e non o tomado doutros idiomas aínda que teña pleno uso. Nas linguas romances é o que presenta a evolución, coas transformacións fonéticas e/ou semánticas propias de cada lingua, dende o seu étimo latino (Ex.: auga, beleza, ceo, dúbida, fariña, herba, lúa, morea, noite, ovo, pau, roda, soidade, táboa, voda, xeo etc.) e tamén as palabras non latinas incorporadas ao idioma en época antiga ou de orixe latina pro incorporadas dende outras linguas romances (Ex.: alfaia, amorodo, azucre, berce, branco, burato, carballo, esquerdo, frecha, gándara, helmo, homenaxe, roupa, veiga, xardín, xarope etc.).

O noso idioma, por mor da secular situación de diglosia en que vive, foi perdendo parte do seu léxico patrimonial, substituíndoo polo léxico castelán

As verbas incorporadas posteriormente, ben dende o latín e mailo grego antigo, ben dende outras linguas contemporáneas, reciben o nome de cultismos e semicultismos, dependendo do grao de transformación do étimo orixinal na lingua romance, no primeiro caso, e neoloxismos no segundo.

O noso idioma, por mor da secular situación de diglosia en que vive, foi perdendo parte do seu léxico patrimonial, substituíndoo polo léxico castelán, ora adoptando as palabras castelás (Ex.: escoba por vasoira, nudo por nó, pizarra por lousa, pulpo por polbo, tiza por xiz etc.), ora adaptándoas á nosa pronuncia ou trazos característicos (Ex.: conexo por coello, desaiuno por almorzo, sonaxeiro por axóuxere, tearaña por arañeira, verxa por enreixado etc.), mais en ámbolos casos asumindo estes castelanismos como léxico propio. Por isto a estandarización esixe unha recuperación dese vocabulario de noso substituído na fala polas formas castelás, que ameazan converter a nosa lingua nunha sorte de dialecto diferenciado do idioma hexemónico, etapa necesaria previa á súa desaparición como lingua viva. Por isto é fundamental a recuperación do léxico patrimonial prá supervivencia dun idioma sometido a un proceso de “minorización” lingüística e posterior “glotocidio” –termos ambos non incluídos no dicionario da RAG– como é o noso.

Nun texto anterior facía fincapé en todo un gran número de palabras que se estaban a perder por as non usarmos polo simple feito de non teren correspondencia con outras do léxico castelán, mais todas elas si estaban recolleitas polo dicionario da RAG; xa que logo, era un problema que se xeraba nos falantes e non unha carencia dos lexicólogos galegos. Porén agora quero incidir na lexicografía da RAG e os seus incoherentes e, pra min, ignotos criterios á hora de recuperar o noso léxico patrimonial.

Quero incidir na lexicografía da RAG e os seus incoherentes e, pra min, ignotos criterios á hora de recuperar o noso léxico patrimonial

O proceso de estandarización do noso idioma foi, e aínda é, tamén un proceso simultáneo de recuperación das características morfosintácticas e do léxico perdidos ou esmorecentes da nosa lingua. O grao de degradación do galego esixía tal procedemento se se quería unha lingua estándar cun mínimo de pureza e idiosincrasia fronte á mestiza fala oral maioritaria nos finais do século XX. A desavinza lingüística entre os partidarios dun estándar baseado na fala e os defensores dun galego depurado de castelanismos fixo que o proceso fose lento nun constante tira e puxa na aceptación de palabras patrimoniais recuperadas pró galego estándar en substitución dos castelanismos usados ata a altura. Baste lembrar como palabras como: alemana, amplio, anque, bretona, comenzo/comenzar –aínda admitidas pro desaconselladas polo dicionario da RAG–, diccionario, entonces, leona, precio, victoria, xuício, xusticia etc., recuperaron a súa forma galega, a miúdo adaptada á ortografía vixente: alemá, amplo, aínda que, comezo/comezar, dicionario, entón, leoa, prezo, vitoria, xuízo, xustiza etc. Mais houbo que agardar ata 2003 pra recuperar un significativo grupo de palabras patrimoniais como: alén, aquén, após, diferenza, espazo, estudo/estudar, Galiza, graza, licenza, nacenza, novizo, porén, presenza, querenza, reitor, seita, sentenza, servizo, terzo, vogal etc., por mor dun acordo entre reintegracionistas de mínimos e a RAG.

Así e todo, aínda restan palabras patrimoniais sen restaurar, descoñendo o motivo que as relega ao limbo dos arcaísmos ou lusismos, como denantes estiveron outras semellantes por iguais motivos e acusacións. É o caso de:

Houbo que agardar ata 2003 pra recuperar un significativo grupo de palabras patrimoniais. Así e todo, aínda restan palabras patrimoniais sen restaurar, descoñendo o motivo que as relega ao limbo dos arcaísmos ou lusismos

Defeito e defeituoso pro defección, defectíbel e defectivo coma en portugués: defeito, defeituoso, defeção, defetível e defetivo fronte ao castelán: defecto, defectuoso, defección, defectible e defectivo. O galego medieval rexistra ámbalas formas: “defeito/defeytos” e “defecto/defectos”, mais unicamente a primeira se usa nos s. XIV e XV fronte á segunda que aparece soamente no s. XV. Os séculos posteriores consagran as formas coincidentes co castelán, conforme amosa o TILG (Tesouro Informatizado da Lingua galega) –ordenadas de maior a menor uso e co ano da primeira aparición–: defecto(s) (1863) e defectuoso(s)/-a(s) (1897) e mesmo “defectosa” (D.X. Cabana – O cervo na torre, 1994), defeuto(s) (1746) e defeutuoso(s)/-a (1895), defeito(s) (1897) e defeituoso/-a(s) (1897) ou defeitoso/-a (1921), e defeto(s) (1972) e defetuosa e defetosa (1983, texto dialectal).

Leitura, leitor e lición pro lectivo e leccionar (= dar licións a) e os seus derivados: leccionista, leccionando, leccionamento e leccionación, palabras que o galego non ten porque tampouco as ten o castelán. O portugués usa: leitura, leitor, lição pro letivo, lecionar, lecionista, lecionando, lecionamento e lecionação; seica un modelo máis acorde coa nosa tradición fronte á copia castelá en uso: lectura, lector, lección e lectivo. Porque non se debe esquecer que na lingua medieval se rexistra dúas veces “leitura/leytura” fronte a unha “lectura”, nun texto moi castelanizado ademais, e unha “letura”, todas no s. XV; de certo soamente aparece a forma “lector” nun texto do s. XV pro tamén só se recolle a forma “lyções” nun texto do s. XIV. Aínda que nos séculos posteriores se impuxeron os castelanismos non por isto deixou de haber tentativas pra recuperar ou adaptar as formas patrimoniais segundo comprobamos no TILG, así a maioritaria “lectura(s)” comparte escritura coas formas vulgares “leutura(s)” e “letura(s)” e a patrimonial “leitura(s)”, a forma minoritaria máis frecuente e empregada por escritores como: A. López Ferreiro, Rafael Dieste, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, A. Cunqueiro, A. Fole, Martínez Oca, Méndez Ferrín etc.; a maioritaria “lector(es)/-a(s)” e as menos usadas “leutor(es)/-a(s)”, “letor(es)/-a(s)” e “leitor(es)/-a(s)”, de novo a forma patrimonial é a minoritaria máis rexistrada; e xunto á maioritaria “lección(s)” as minoritarias “leución(s)/leuciós/leuciois”, “leción(s)”, “leizón(s)” e tamén “lición(s)”, esta en escritores como M. García Barros (As aventuras de Alberte Quiñoi, 1972) ou X.L. Méndez Ferrín (Crónica de nós, 1980), e “lizón(s)”.

Perfeito, perfeición e perfeicionar pro perfeccinismo, perfectíbel e perfectivo; e incluíndo tamén os seus derivados: imperfeito, imperfeición pro imperfectíbel, imperfectivo e pluscuamperfeito (coma en pt.: perfeito, perfeição, perfeiçoar, imperfeito, imperfeição, imperfeiçoar e mais-que-perfeito pro perfecionismo, perfetível, perfetivo, imperfetível, imperfetivo, imperfetibilidade); no canto de copiar o modelo castelán: perfecto, perfección, imperfecto, pluscuamperfecto etc. Pois non hai que esquecer que “perfeito/perfeyto” (coa súa variación de xénero e número) é a única forma rexistrada no galego medieval xunto a “perfeyçõ”, polo que parecería máis coherente adaptar a solución portuguesa en vez da castelá. No galego moderno as formas máis usadas de máis a menos son, segundo o TILG –e co ano da primeira aparición–: perfecto(s)/-a(s) (1853), perfeito(s)/-a(s) (1746), perfeuto(s)/-a(s) (1861) e perfeto/-a (1975, cun par de rexistros só); e perfección (1861)/perfeccións (1926)/perfecciós (1926), perfeición (1895)/perfeiciós (1889)/ perfeicións (1928), perfeución (1877)/ perfeuciós (1886)/ perfeucións (1889), perfeizón (1977) e perfeción (1901). Como se pode comprobar no galego moderno sempre houbo unha tentativa de recuperar as formas antigas.

Respeito, respeitar, respeitoso, respeitábel, respeitabilidade pro respectivo (coma en pt.: respeito, respeitar, respeitoso, respeitável, respeitabilidade e respetivo) fronte aos normativos: respecto, respectar, respectuoso, respectable, respectabilidade e respectivo (cuxa pronuncia coincide cos casteláns: respeto, respetar, respetuoso, respetable, respetabilidad e respectivo). Convén lembrar que “respeito/respeyto” é a forma máis usual no galego medieval (15 rexistros) fronte a “respecto” (5 rexistros), mentres que “respeitar” aparece con 2 rexistros (escrito como “rrespeitar”) por ningún de “respectar”. Dentro desta familia de palabras o galego normativo ten “irrespectuoso”, coma en castelán (irrespetuoso), mentres que o portugués pró mesmo significado usa “desrespeitoso” e amais as palabras “desrespeito” e “desrespeitar” cos significados de “falta de respecto” e “faltar ao respecto”. Todo un exemplo irrefutábel de cal é o modelo dos nosos lexicólogos. Na escrita moderna, consultando o TILG, as formas empregadas de máis a menos uso e coa data da primeira aparición son: respecto(s) (1863), respeto(s) (1826), respeito(s) (1697) e respeuto(s) (1746); e respetar (1810), respectar (1912) –que tras esta primeira data desaparece pra non volver aparecer ata 1991– e respeitar (1889), pois non se rexistra “respeutar” como forma en infinitivo. Parece significativo o emprego de “respeito”, suposto lusismo prá RAG, aínda no s. XVII, continuando o uso medieval, non? Coido que “respecto” é un cultismo tanto no s. XV, século onde se rexistran moitas grafías latinizantes, coma agora, mais un cultismo innecesario.

Pro amais, outras palabras entrarían dentro do que sería seguir a nosa tradición patrimonial asumindo o punto cuarto dos principios das NOMIG (Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego) que di: “[…]. Para o arrequecemento do léxico culto, nomeadamente no referido aos ámbitos científico e técnico, o portugués será considerado recurso fundamental, sempre que esta adopción non for contraria ás características estruturais do galego. […]”, como sería o caso de: 

Conceito, conceitual, conceituar, conceituoso e conceición (< pt. conceito, conceitual, conceituar, conceituoso e conceição fronte ao es. concepto, conceptual, conceptuar, conceptuoso e concepción). Na escrita moderna as formas usadas consultando o TILG, de máis a menos e co ano da primeira aparición son: “concepto(s)” (1901), “conceito(s)” (1889), “conceuto(s)” (1862) e “conceto(s)” (1930). E “concepción(s)” (1884), cos plurais dialectais moi minoritarios “concepciós (1917) e “concepciois (2006); “conceición(s)” (1895), onde o plural dialectal “conceiciós” foi máis frecuente entre 1917 e 1963, e houbo un pequeno uso de “conceizón(s)” entre 1917 e 1934; “conceución(s)” (de 1883 ata 1998), destacando máis plurais “conceuciós” ca “conceucións” e un mínimo “conceuzón”; e “conceción” (1930), utilizada escasamente en textos dialectais. Como se comproba “conceito” e “conceición” son as formas descastelanizadas máis empregadas polo galego contemporáneo.

Efeito pro efectuar, efectíbel e efectuoso (< pt. efeito, efetuar, efetível e efetuoso fronte ao es. efecto, efectuar, efectista e efectivo). No galego moderno, conforme o TILG, o lusismo “efeito” é a forma máis usada entre as minoritarias (dende 1895 ata 1999) fronte aos vulgarismos “efeuto” (dende 1746 a 1993) e o moi esporádico “efeto” pro a distancia do moi maioritario castelanismo “efecto” (dende 1810 ata hoxe).

Elixir, eleición, eleito, eleitor, eleitoral e eleitorado (< pt. eleger, eleição, eleito, eleitor, eleitoral e eleitorado fronte ao es. elegir, elección, electo, elector, electoral e electorado). No galego moderno, consultando o TILG, hai clara maioría de uso da forma verbal escolleita pola RAG: “elixir” (dende 1886 ata hoxe), fronte ao castelanismo “elexir” (dende 1877 ata 2007) e á adaptación do portugués: “eleger”> “elexer” (usado só moi recentemente entre 1985 e 1993). Tamén hai incuestionábel maioría do substantivo castelán “elección(s)” (dende 1812), cun uso mínimo dos plurais dialectais: “elecciós” e “elecciois”, fronte ás formas vulgares: eleución (1853), cuxo plural máis usado é “eleuciós” no canto de “eleucións”, e “eleción” (1972); e ao lusismo adaptado “eleición” (1897), a forma minoritaria máis empregada, mesmo por escritores como X.L. Méndez Ferrín (Dosinda Areses, 1998). Mais a forma máis empregada do actual adxectivo/participio “electo” (dende 1905) é “eleito” (dende 1886 ata 1996, en D.X. Cabana – Morte de Rei), co un uso reducido do vulgarismo “eleuto” (entre 1883 e 1919).

Preceito, preceituar e preceituoso pro precector e preceptivo (< pt. preceito, preceituar, preceituoso, precetor, precetivo fronte ao es. precepto, preceptuar, preceptivo e preceptor). Segundo o TILG as formas máis usadas, co ano da súa primeira aparición, no galego moderno son: precepto(s) (1836), preceuto(s) (1853), preceito(s) (1918) e preceto (1986, nun só texto dialectal). Neste caso o castelanismo e o vulgarismo están diante da forma máis semellante ao noso léxico patrimonial.

Á vista está que o noso modelo de vocabulario culto segue a proceder do castelán e non do portugués, contravindo o punto cuarto das NOMIG

Ou Prefeito e prefeitura (< pt. prefeito, prefeitura e prefeitoral en fronte de es. prefecto e prefectura). Ámbalas palabras con non moito uso, como se ve no TILG, pro destacando lixeiramente sempre as formas castelás: “prefecto(s)” (dende 1917) e “prefectura(s)” (dende 1990); sobor do lusismos: “prefeito” (de 1963 a 1984) e “prefeitura” (1958, X.L. Méndez Ferrín – Percival e outras historias); e os vulgarismos: “prefeuto(s)” (de 1877 a 1930, pro tamén como metátese de “perfeuto(s)”) e “prefeto” (1910), sen rexistro de “prefeutura” nin “prefetura”.

E por último, unha comparación das verbas acabadas en “–feito” en galego e portugués e as súas correspondentes en castelán dá como resultado que soamente coinciden aquelas que se corresponden coa terminación “–hecho/–fecho” en castelán (pt. e gl. afeito e es. afecho [desus.], pt. e gl. feito e es. hecho, pt. e gl. satisfeito e es. satisfecho etc.) mentres que o resto coinciden sempre entre galego e castelán (pt. defeito e gl. e es. defecto, pt. perfeito e gl. e es. perfecto, pt. rarefeito/rarefato e gl. e es. rarefacto etc.). Curiosamente o portugués ten as palabras “malfeito” e “benfeito” dos verbos “malfazer” e “benfazer”, pro o galego só “malfeito” de “malfacer” coma o castelán “malhecho”, que non ten verbos “malhacer” –aínda que consta un antigo “malfacer”– nin “benhacer” senón “hacer mal” ou “hacer bien”.

Recentemente (Praza Pública, 10-01-2019), co gallo dun acordo de colaboración coa Academia Brasileira de Letras, o actual presidente da RAG, o señor Víctor Freixanes, afirmaba que “o galego non é unha lingua local, é unha lingua que forma parte dun proxecto internacional” e tamén que “a lingua galega forma parte dunha familia onde están os irmáns de Portugal, do Brasil, de Angola, Cabo Verde, Mozambique…”, mais á vista está que o noso modelo de vocabulario culto segue a proceder do castelán e non do portugués, contravindo o punto cuarto das NOMIG, polo que tales declaracións semellan un acto de cinismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.