Libros para a infancia

Dominio Público

Os libros, tal e como os coñecemos, de papel, están chamados a desaparecer. O dixital está acaparando o mercado e moita xente está lendo dese modo, nun mal chamado book : libro en inglés. Nese pequeno libro - obxecto temos acceso a centos de libros. Ocupan pouco no bolso e se nos entra o sono lendo, non perdemos a páxina. 

Hai xente maior que non le, porén quere que lean as súas criaturas. Isto que quere dicir? Que consideran importante a lectura, e por iso queren inculcarlla aos seus, e cómpranlles libros

Aínda se venden moitos libros, máis que nada libros para a infancia, algúns con excelentes debuxos e moita prestancia. Libros preciosos e caros. Hai xente maior que non le, porén quere que lean as súas criaturas. Isto que quere dicir? Que consideran importante a lectura, e por iso queren inculcarlla aos seus, e cómpranlles libros. Pero os proxenitores pouco len. Non todos. Evidentemente hai moitas persoas, principalmente mulleres, que teñen hábito de lectura. 

A influencia agora vai en sentido contrario. Chegan as netas con libros a casa e os avós len. Acostuman ser libros que lles propoñen os profesores como lectura. O outro día unha señora que descansaba nun banco público, á sombra, interpeloume: “Non é vostede a autora dese libro que fala de Vigo, de antes da guerra e … Díxenlle, Amor de tango. Ese! Dixo. Eu lino, e sabía cousas.”.. 

A maioría de libros que se venden na actualidade, xa dixen, son para a infancia. Tanto é así que moitas e moitos escritores se están pasando a ese xénero, que noutros tempos era considerado de menor rango. E, sen embargo, non é fácil introducirse na mentalidade das criaturas, segundo a idade, captar a atención infantil, a curiosidade para que sigan lendo, e, sobre todo, competir cos contos tradicionais. 

Sempre se relataron contos e historias, en todas partes. En tempos foron de tradición oral e despois comezaron a escribirse e a publicarse. Parece que os contos de tradición oral para infancia tiñan un fin didáctico ou un modelo de conduta, como a Carrapuchiña vermella que alertaba ás nenas do perigo de iren soas polo bosque. Son universais con varias versións. En cada lugar engádense os aditamentos propios da flora e a fauna, dos costumes, as crenzas, as tradicións, os medos… Os personaxes acostuman ser adolescentes, e os animais teñen certos valores. A raposa representa a cobiza e o disimulo. Así sucede na fábula de A raposa e as uvas. Quere comer as uvas pero non lle chega ao cacho. Para non recoñecelo, di que están verdes … 

A conservación dos contos populares en diferentes países debémosllo a persoas que recorreron pobos, aldeas, lugares para escoitar contos narrados pola xente e despois escribilos e dalos a coñecer. Así fixo Charles Perrault en Francia e nos deixou a Pulgarcito, Barba azul, Carrapuchiña vermella, o Gato con botas… En Alemaña foron os irmáns Jacob e Wilhem Grimm, filólogos, que nos transmitiron Hansel e Gretel, o Príncipe ra, e moito máis do folclore popular. Na primeira edición, respectando a versión oral, eran moi violentos e crueis. Advertidos, moderaron as historias no futuro. 

Houbo compiladores en todo o mundo. En Arxentina foi unha muller, Berta Vidal, a que fixo as viaxes e o labor. 

Nos meus tempos, os libros viñan editados co nome dos compiladores na portada. “Contos de Grimm”. Agora separan cada conto, póñenlle debuxos e fano atractivo para as criaturas. 

Son lectores diferentes dependendo da idade. De pequenos teñen gusto pola reiteración, e, cando aínda non len, piden que lles lean un conto, unha e outra vez. Poden chegar a aprendelo de memoria, a corrixir á lectora se salta algunha pasaxe, ou a asombrar á xente collendo o conto e léndoo enteiriño cando aínda non saben ler. A memoria suple o coñecemento. Xa na infancia teñen unha ampla biblioteca. 

Mesmo se moitas nenas queren ser princesas e a moda lles favorece o gusto, hai criaturas que xa len contos con outros asuntos. Ledicia Costas, unha gran escritora galega de temática infantil, non escatima asuntos, mesmo se son considerados procaces ou mesmo escatolóxicos. A morte móvese polos seus relatos sen alarmar as criaturas actuais, tanto porque non son tan inocentes como antes, como, e sobre todo, porque a autora sabe narrar, presentar os motivos adecuadamente e ter sentido do humor.

Unha frase propia di: Leme, toma a miña conciencia e déixame a túa. Indica a relación íntima e profunda que se estabelece entre a escritora, neste caso, e os lectores

Alédanos esta moda da lectura infantil e dá para pensar e desexar que non perdan o hábito e continúen lendo de maiores. Non se pode asegurar porque serán moitas as ofertas que as novas tecnoloxías lles van ofrecer. Con darlle a un botón, simplemente, póñenlle diante dos ollos historias variadas, ben enfiadas, ou textos que respondan ás súas curiosidades ou aspiracións.

Pero nada suplirá o que significa a lectura, o que se gaña lendo un libro. Unha frase propia di: Leme, toma a miña conciencia e déixame a túa. Indica a relación íntima e profunda que se estabelece entre a escritora, neste caso, e os lectores. Así é. A relación a través dun libro é moi íntima. Nos libros aparecen temas dos que ninguén fala, e, en ocasións, encontran neles pensamentos ou comportamentos que ignoraban que tivesen outras persoas, e que, tal vez, os inquietasen ou torturasen. Nos libros está a vida. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.