Un candidato de Vox preguntouse nun mitin que Europa querían. “A de Carlos Primeiro!”, respondeu outro. Coas bebedelas ideolóxicas saen engados así de guapos. Este de entrada permitiríanos eludir Madrid, un artefacto estraño, sen parangón no mundo, fundado polo fillo do anterior só para cazar, sen función estratéxica nin económica, no medio da nada. Todas as capitais de Europa tiveron porto comercial menos esa.
Pero sería aínda mellor; como daquela aínda non inventaran Covadonga, libraríamos de reconquistar Granada outra vez, que parece o pesadelo dun conto para imbéciles.
E sobre todo, deixarían de adaptar ao longo dos séculos o principio da indivisibilidade de España con cada perda territorial. Todos, non só Vox. Abondaría con que aplicasen o artigo 10 da Constitución de Cádiz, sen ir máis atrás. Delimita o territorio da nación española e enumera as súas provincias, entre elas as chamadas Internas, con California, Texas... E a reconquistar Houston. A por ellos oeé!