Lusitanismos innecesarios e necesarios

CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o dicionario da RAG un lusitanismo, tamén chamado portuguesismo ou lusismo, é “un trazo idiomático ou vocábulo propio do portugués”, e, por tanto, é un préstamo lingüístico do portugués. Mais como ocorre cos préstamos lingüísticos que tódalas linguas posúen, poden ser considerados necesarios ou innecesarios consonte ocupen un espazo baleiro dentro da lingua de recepción, destarte “cóndor”, “hamaca”, “puma” ou “tomate” son americanismos necesarios chegados a través do castelán porque serviron pra denominar conceptos inexistentes no galego patrimonial, en tanto que os anglicismos “boom” (auxe/expansión), “casting” (audición/proba de selección), “jeans” (pantalón vaqueiro), “sponsor” (patrocinador) ou “tícket” (billete) –este admitido pola RAG–, son claramente innecesarios porque se poden substituír por palabras galegas sen problema ningún. Estes préstamos innecesarios son tamén denominados “de luxo”, porque como este indican máis status ca necesidade.

Xa que logo, os lusitanismos de luxo son todos aqueles que usamos na nosa lingua, fundamentalmente no galego estándar, no canto das formas propias xeradas polo galego. Algúns son portuguesismos absolutos, porque nunca denantes da época contemporánea se documentaran en galego, como: a locución no entanto (con todo, emporiso), que se documenta a partir da década dos vinte do século pasado; ou xanela, palabra inexistente na Idade Media que só rexistra “feestra/fiestra”, a primeira forma dominando no s. XIII e a segunda nos séculos seguintes, e que tampouco rexistra o vocábulo hoxe maioritario “ventá”, castelanismo evidente documentado dende o s. XIX, mentres que “xanela” comeza a usarse no s. XX; etc.

Mentres que outros, formas minoritarias pro si documentadas en galego, posibelmente deben o seu suceso actual no galego estándar a seren as formas usadas polo portugués normativo, e mesmo substituíron as nosas palabras maioritarias patrimoniais, como: até, forma moi minoritaria na Idade media que reaparece a comezos do século pasado pra competir con “ata”, forma maioritaria medieval, substituída na Idade Moderna pola palabra castelán; coñecer, forma apenas documentada na Idade Media (3 rexistros na lírica do s. XIII) fronte á maioritaria “coñocer/coñoscer”, que sucumbiu ante a forma castelá, reaparece con forza a finais do s. XIX pra combater o castelanismo; milagre, que na Idade Media soamente aparece rexistrada unha única vez no s. XIV fronte a “miragre”, a forma predominante, convértese na forma maioritaria dende o inicios do s. XIX fronte a “miragre” e o castelanismo “milagro”; néboa, rexistrada unha soa vez no s. XIV (neuoa) fronte á máis usual “nebla/nebra”, reaparece a comezos do s. XVII e despois xa con forza a partir do último cuarto do s. XIX, namentres que “nebra” tivo moito menos emprego; raíña, forma minoritaria medieval fronte a “reíña”, escrita como reyna, reinna… e mesmo reinha en 4 rexistros líricos, volve usarse dende finais do s. XIX pra desterrar o dominante castelanismo, sorte que non correu “reíña”, moi pouco utilizada; testemuño, forma moi minoritaria na Idade Media fronte á maioritaria “testemoio” e outras menos usadas como: testimonio, testimoio, testemuio, testemonio ou testimuio, que volve ser usada no galego contemporáneo a partir da década dos 30 do pasado século pra substituír o hexemónico castelanismo, en pugna coa forma maioritaria medieval que non tivo éxito malia ser usada na Revista Nós e por autores como Castelao, Vicente Risco ou Ramón Piñeiro; etc.

Porén, alén dos citados, todos eles asumidos polo galego estándar, hai unha gran cantidade de lusitanismos innecesarios, non aceptados pola lingua estándar, que amais moitos deles son contraproducentes, ben porque xa o galego ten a súa palabra axeitada ou un castelanismo plenamente asumido, ben porque é maior a confusión que crean cá solución que proporcionan. Son do primeiro tipo: barata (cascuda), beco (rúa cega), berma (beiravía), caneta (bolígrafo), comboio (tren), envelope (sobre), frango (polo), gafañoto (saltón), greve (folga) –e “dia de folga” (día festivo)–, lenzol (saba), louva-a-deus (barbantesa), maca (padiola), morango (amorodo, morote), omelete (tortilla), pirilampo (vagalume), sande (bocadillo), torneira (billa), travón (freo), urso (oso), ventoíña (ventilador), vereador (concelleiro), xirino (cágado) etc. E do segundo tipo: asa (á), banco “dun coche” (asento), bengala (caxato), carriña (furgoneta), carro (coche), chifres (cornos), corrente (cadea), cravo (caravel), deseño (debuxo) –e “design” (deseño)–, eléctrico (tranvía), farol (faro), fregués (seareiro), garrafa (botella), macaco (mono), mariposa (avelaíña, velairiña), nota (billete monetario), oficina (taller), paseo (beirarrúa), pasta (carpeta), plano (plan), prego (cravo), presunto (xamón), reforma (xubilación), romance (novela), salsa (perexil), sinal (lunar), sotao (faiado) –e “cave (soto)–, taller (cuberto de mesa) etc. 

Tamén podemos incluír aquí os lusitanismos morfolóxicos, que son as variantes portuguesas de palabras comúns preferidas ás usadas polo galego estándar. Aínda que moitas destas variantes teñan presenza no galego dialectal, o seu emprego vén motivado unicamente por seren as formas utilizadas polo portugués estándar, como as que engaden -E final: mole (mol), pele (pel) ou vale (val); as que suplimen algunha consoante: baú (baúl) ou feto (fento); ou suplimen algunha vogal: funcho (fiuncho) ou teto (teito); as que levan algún L máis: esquilo (esquío), floresta (foresta) ou gelo (xeo); ou algún E máis: carregar (cargar), fevereiro (febreiro), oferenda (ofrenda) ou úbere (ubre); as que engaden un A- inicial: alaúde (laúde), apresentar (presentar) ou aquecer (quecer); ou o suplimen no inicio: cá (acá/acó), lacrau (alacrán) ou vespa (avespa); ou no final: avó (avoa), maré (marea), mó (moa) ou só (soa); as que trocan o A polo E: enguia (anguía), rebanho (rabaño) ou selvagem (salvaxe); ou mesmo polo O: engodo (engado) ou fome (fame) –mais “famelgo” (famento)–; ou o E polo I: direito (dereito), dívida (débeda), inveja (envexa), inteiro (enteiro), tépido (tépedo) ou vizinho (veciño); ou o U polo O: comprido (cumprido), cobrir (cubrir), colher (culler), coruja (curuxa) ou tossir (tusir); ou o U polo ditongo OI: fruta (froita), luta (loita) ou truta (troita); ou o ditongo OI polo OU: açoite (azoute), coice (couce) ou foice (fouce); ou ao revés o OU polo OI: couro (coiro), tesoura (tesoira) ou vassoura (vasoira); ou o ditongo UI polo OI: entruido (entroido), cuidar (coidar) ou muito (moito); ou o EI polo E: brejo (breixo), carqueja (carqueixa), cereja (cereixa) ou texugo (teixugo); ou o OU polo O: aposento (apousento) ou mocho (moucho); as que teñen iode antihiático: baleia (balea), cheio (cheo), ideia (idea) ou seio (seo); as que teñen ditongo no canto de hiato: céu (ceo), troféu (trofeo), vau (vao) ou véu (veo); as que preferen o D ao T: bigode (bigote), faculdade (facultade) ou fadiga (fatiga); ou o T ao D: natal (nadal) ou potro (poldro); ou o L ao R: flauta (frauta), flecha (frecha) ou javali (xabaril); ou o S/SS ao X: asinha (axiña), pássaro (paxaro) pêssego (pexego), sabom (xabón) ou seringa (xiringa); ou o S ao Z: sapato (zapato), soco (zoco), sugar (zugar) ou sumo (zume); as que engaden unha sílaba inicial: alçapão (zapón), enxaqueca (xaqueca) ou enxofre (xofre); ou as que a perden: cânfora (alcanfor) ou cipreste (alcipreste); as que presentan metátese consonántica: borboleta (bolboreta), disfarce (disfrace), grinalda (grilanda) ou melro (merlo); ou mesmo vocal: joelho (xeonllo); etc.

Un lusitanismo xamais debería substituír ningún xenuíno vocábulo galego pro si unha gran parte dos castelanismos que usamos no noso idioma

En verdade, todos estes portuguesismos aparecen fundamentalmente nos textos reintegracionistas, moitos deles escritos directamente en portugués, polo que inciden moi pouco no galego estándar.

Con todo, tamén hai ou pode haber lusitanismos necesarios, que nunca son ou serían “de luxo”, na nosa lingua porque chegan pra substituír os moitos castelanismos que, por motivos históricos e diglósicos, inzan o galego. Moitos deles xa admitidos na lingua estándar, por veces compartindo sinonimia coa palabra que nos entrou a través do castelán, como: altofalante (*altavoz), ananás (piña), andar (piso, planta), atol (*atolón), axuda de custo (*dieta), bixutería (*bisutería), bolsista (*bursátil), cachimba (pipa), caixa do correo (*buzón), cervexa (*cerveza), chinés (*chino), citania (castro grande), colete (chaleco), crioulo (*criollo), despedimento (despido), espinafre (espinaca), investir (*invertir), ferro de pasar (*plancha), garfo (*tenedor), gravata (*corbata), materia (*asignatura), miraxe (espellismo), nicaraguano (*nicaraguense), orquestra (*orquesta), orzar (presupostar), pagode [m.] (*pagoda [f.]), papagaio (*loro), parágrafo e alínea (*párrafo), paralama (gardalama), patibular (*patibulario), peúgo (calcetín), rañaceos (*rascaceos), tartaruga (*tortuga), til (acento de nasalidade), tucano (*tucán), varredor (*varrendeiro), vertixe (*vértigo), vírgula (coma), vocábulo (*vocablo), xuro (rédito) etc.

Mais tamén hai aínda unha gran posibilidade de incorporación de lusitanismos pra seguir na senda de descastelanizar o noso vocabulario, excesivamente influído pola lingua estatal. Así poderiamos incorporar palabras como: abacate e abacateiro (aguacate), aceite – só pró de oliva e “óleo” pró resto–, amendoín (cacahuete), arame farpado (arame de espiño/de pugas), baixel (barco), beterraba (remolacha), billeteira (despacho de billetes), búsola (compás), cientista (científico [s.]), ciúmes (celos), diplomata (diplomático [s.]), embondeiro (baobab), lexenda (lenda) –nas acepcións de pé explicativo e inscrición–, magrebino/marroquino etc. (magrebí/marroquí etc.) –seguindo os xentilicios tradicionais: monfortino, fonsagradino etc.–, melancía (sandía), orgullar(se) (sentir orgullo), osga (Tarentola mauritanica) –usada xa en textos de herpetoloxía–, parlamentar (adx.), percurso (percorrido), poboación/populación –lugar poboado/conxunto de persoas dun lugar–, predio (edificio), recife (arrecife), retábulo (retablo), salada (ensalada) –do fr. “salade”–, saldos (rebaixas), seiva (zume), sotaque (pronuncia dun lugar), tatú –no dRAG só admitido prá especie Dasypus novemcinctus– (armadillo), tourada (corrida de touros), tubarón (tiburón), vocabular (adx.), xiboa (serpe boa) etc.

Aínda que a inmensa maioría dos lusitanismos son léxicos, como ocorre cos demais préstamos lingüísticos doutras linguas, tamén existe algún morfolóxico como o sufixo “-bel/-beis” na súa forma plural. O estudo do profesor R. Mariño Paz: “Forma e función do sufixo -uel no galego medieval” publicado en Cadernos de Lingua nº 27 (2005) non deixa marxe á dúbida verbo da galeguidade do sufixo “-bel” < lat. “-bilis”, maioritariamente escrito con V na Idade Media e forma dominante ata mesmo a metade do s.XV, fronte ao sufixo castelán hoxe dominante “-ble/-bre”, mais á súa vez tamén documenta como o plural patrimonial era predominantemente “-veles” e minoritariamente “-viles” e “-vi(i)s” pro nunca “-veis”. Esta forma plural portuguesa principiou a usarse en galego a comezos do s. XX pra ao cabo ser a única utilizada neste sufixo. Con todo, é moi preferíbel empregar este sufixo parcialmente portugués –só na súa forma plural–, admitido pola RAG, có dominante e preferido “-ble(s)”, puro castelanismo na súa totalidade.

En definitiva, un lusitanismo xamais debería substituír ningún xenuíno vocábulo galego pro si unha gran parte dos castelanismos que usamos no noso idioma, posibilitando que este estea máis próximo da nosa lingua irmá e á vez sirvan pra poñermos máis unha barreira contra o proceso de asimilación que sofremos pola lingua hexemónica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.