Luz e taquígrafos

A gravidade do sucedido coas caixas galegas non está en discusión. Ademais da perda dunhas ferramentas básicas no funcionamento do sistema financeiro, a nómina de vítimas causadas pola desastrosa xestión realizada nestas entidades exemplificase, dramaticamente, na ampla cifra de persoas que subscribiron preferentes e subordinadas ignorando o verdadeiro alcance do produto que estaban adquirindo.

Estamos, sen dúbida, ante unha desfeita económica de primeira magnitude. A desaparición das caixas –e a simultánea venda do Banco Pastor- deixa o tecido empresarial galego sen un complemento financeiro que permita sustentar os necesarios proxectos de investimento endóxeno

Estamos, sen dúbida, ante unha desfeita económica de primeira magnitude. A desaparición das caixas –e a simultánea venda do Banco Pastor- deixa ao tecido empresarial galego sen un complemento financeiro que permita sustentar os necesarios proxectos de investimento endóxeno que sexan quen de propiciar unha nova dinámica expansiva. Pero temos, tamén, un serio problema político que atinxe ao núcleo mesmo da relación entre o corpo social e os seus representantes institucionais. Non se pode esquecer o carácter social destas entidades –non eran empresas bancarias propiedade dos seus accionistas- e o labor de control legalmente atribuído ao Banco de España e ao goberno da Xunta. A resultante de ambas circunstancias semella clara: non só existiu unha ruptura da confianza das persoas aforradoras nos administradores das Caixas senón que tamén se rexistrou un espectacular fracaso na acción preventiva e nas tarefas de vixilancia dos gobernantes e xestores públicos de Madrid e Santiago.

Non se pode esquecer o carácter social destas entidades –non eran empresas bancarias propiedade dos seus accionistas- e o labor de control legalmente atribuído ao Banco de España e ao goberno da Xunta

A Comisión de investigación creada no Parlamento do Hórreo constituía a derradeira oportunidade para dar conta, con total transparencia, do desastre financeiro vivido nestes anos e tiña o valor engadido do propio escenario -a sede da máxima representación da sociedade galega- elixido para acometer tal función. A esperanza durou pouco tempo. A declaración de confidencialidade dunha parte relevante da información subministrada polo goberno da Xunta e a total negativa manifestada polo Banco de España e pola Comisión Europea ante a solicitude de documentación realizada dende a sede parlamentaria, hipoteca seriamente a virtualidade duns traballos que deberían ser exercitados baixo o mais estrito cumprimento do principio de luz e taquígrafos. A remisión argumental á normativa actualmente vixente non resulta convincente. Atravesamos por unha situación crítica extraordinaria que non admite a utilización de vellas fórmulas pensadas e aprobadas noutro contexto. O descrédito notábel que padecen as institucións democráticas requiren novas leis ou interpretacións diferentes das xa existentes. Invocar o segredo ou a confidencialidade das prácticas realizadas no sistema financeiro despois do espectáculo ofrecido polos principais xestores do mesmo, é un insulto á intelixencia e unha moción de censura á rexeneración democrática masivamente demandada pola opinión pública.

Invocar o segredo ou a confidencialidade das prácticas realizadas no sistema financeiro despois do espectáculo ofrecido polos principais xestores do mesmo, é un insulto á intelixencia e unha moción de censura á rexeneración democrática

Se a opacidade non se corrixe nas vindeiras semanas e os directivos que deben comparecer no Hórreo (Méndez, Gayoso, Pego…) non ofrecen a información esixida polas súas anteriores e decisivas responsabilidades en Caixagalicia e Caixanova, só ficarán as instancias xudiciais e os libros de historia para establecer o relato final dunha morte que nunca debeu acontecer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.