A cuestión mais relevante destas eleccións europeas é, sen dúbida, o medre das formacións de orientación fascista ou neonazi
Os recentes comicios ao Parlamento europeo pechan o circuíto electoral que comezou ao remate do mes de Maio de 2023 coa cita relativa aos concellos e aos Parlamentos dalgunhas CC.AA. e que transitou por diversas "estacións" relevantes (Cortes Xerais do Estado e Cámaras lexislativas de Galiza, Euskadi e Cataluña). Neste momento non sabemos se existirá unha engádega no vindeiro outono por mor dunha eventual repetición da consulta ao Parlamento catalán.
O sucedido neste 9 de Xuño admite tres dimensións analíticas en función do marco territorial que se utilice como referencia: o impacto dos resultados nos distintos Estados da UE sobre a dinámica da propia construción da alianza comunitaria; as consecuencias que se poden derivar para a situación política estatal e o alcance dos cambios rexistrados no mapa político galego.
A cuestión mais relevante destas eleccións europeas é, sen dúbida, o medre das formacións de orientación fascista ou neonazi. Existían inqueritos que anunciaban esta posibilidade que foi confirmada nas urnas. Especialmente grave é a constatación de que en Italia, Francia e Austria, os partidos da ultradereita ocuparon o primeiro posto nas preferencias dos votantes e que en Alemaña os que xustifican ás SS do réxime de Hitler obtiveron a segundo posto nos resultados do pasado domingo (sendo a forza mais votada nos Estados da vella RDA). Aínda que é certo que o número de eurodeputados acadados polos partidos de ultradereita non altera as maiorías aritméticas que até agora desfrutaron da hexemonía no Parlamento europeo (Partido Popular, Socialdemócratas e Liberais), o resultado rexistrado alimenta seriamente as dúbidas sobre o modelo futuro da construción da UE. Moito mais se temos en conta que en Italia xa está gobernando Meloni, que nos Países Baixos vai existir un executivo de orientación ultradereitista e que no vindeiro mes de Xullo poderiamos asistir ao nacemento -por primeira vez dende o remate da II Guerra Mundial- dun goberno francés presidido polo candidato do partido de Marine Le Pen. Esta acumulación de forzas abertamente fascistas no espazo parlamentario e na arquitectura institucional onde se toman as decisións mais relevantes no club comunitario, muda substantivamente o campo de xogo que tiñan establecido, dende hai moitas décadas, as dúas grandes familias políticas do occidente europeo (dereita conservadora tradicional e partidos socialdemócratas) e que condicionaron as dinámicas internas dos sucesivos Estados membros da Unión.
A pesar de que a suma das tres dereitas (PP, Vox e SAF) obtiveron 31 escanos fronte aos 30 que sumaron as forzas que apoiaron a investidura do actual presidente do goberno do Estado, Alberto Núñez non conseguiu o obxectivo que buscaba
No ámbito do Estado español, a recente campaña electoral tivo un déficit evidente no esixíbel debate público a respecto dos modelos e das propostas referidas á construción do que hoxe é a UE e padeceu un esaxerado tratamento das cuestións conxunturais presentes na vida política española. Esta circunstancia foi atribuíbel, primordialmente, á obsesiva pretensión de Feijoo de converter calquera cita coas urnas nun plebiscito sobre Pedro Sánchez e a súa eventual continuidade na Moncloa. A pesar de que a suma das tres dereitas (PP, Vox e SAF) obtiveron 31 escanos fronte aos 30 que sumaron as forzas que apoiaron a investidura do actual presidente do goberno do Estado, Alberto Núñez non conseguiu o obxectivo que buscaba e non foi quen de xestionar a evidente contradición de apoiar o achegamento do partido de Meloni ao universo do PPE e ao mesmo tempo reclamar -por supostas razóns de maior utilidade- o apoio dos votantes de Vox.
As novidades principais dos resultados estatais do pasado día 9 foron dúas. Unha: a constatación de que o espazo situado á esquerda do PSOE (o que, hai 4 anos, conformaba Unidas Podemos) presenta síntomas evidentes de división e de prácticas autodestrutivas que poden erosionar seriamente as posibilidades dunha futura reedición da actual maioría parlamentar no Congreso. Outra: a aparición, no territorio da ultradereita, dunha nova sigla (SAF) que é algo así como a versión celtibérica dalgunhas das esencias mais destacadas do "modus operandi" trumpista. Veremos se este fenómeno ten continuidade nas vindeiras eleccións xerais e afecta ao reparto dos escanos nas circunscricións provinciais.
No escenario galego, certificouse a prolongada persistencia do chamado voto dual: aquelas persoas que votan ao BNG nos comicios ao Parlamento do Hórreo -e tamén nos que se desenvolven no eido municipal- e que mudan o seu apoio cando se trata de elixir representantes en Madrid ou en Bruxelas. En calquera caso, a continuidade da presenza de Ana Miranda na institución parlamentaria é un sinal inequívoco da fortaleza da organización nacionalista
No escenario galego, certificouse a prolongada persistencia do chamado voto dual: aquelas persoas que votan ao BNG nos comicios ao Parlamento do Hórreo -e tamén nos que se desenvolven no eido municipal- e que mudan o seu apoio cando se trata de elixir representantes en Madrid ou en Bruxelas. O pouco tempo transcorrido dende a cita do 18 de Febreiro (cando as candidaturas nacionalistas encabezadas por Ana Pontón acadaron o mellor resultado da historia en número de escanos e porcentaxe de votos) representaba un bo test para medir a consistencia dese comportamento electoral. A conclusión está servida: a pesar dun contexto teoricamente moi favorábel, o BNG non foi quen de superar o teito acadado no ano 1999 (335.000 votos, o 22% do total galego) cando Camilo Nogueira encabezou unha candidatura en solitario, sen alianzas con forzas vascas e catalás. En calquera caso, a continuidade da presenza de Ana Miranda na institución parlamentaria é un sinal inequívoco da fortaleza da organización nacionalista.
O PSdG recuperou unha segunda posición no ranking que non asegura a resolución dos importantes problemas que afectan ao partido presidido por Besteiro. E, no caso do PPdG, a confirmación da súa acreditada fortaleza nas urnas presenta un contrapunto relevante: nas dúas últimas citas electorais -nas galegas e nas europeas- o partido de Rueda foi desprazado, no concello de Vigo, primeiro polo BNG e e despois polo PSdG. Na cidade mais poboada da Galiza, o PP ten un grande "burato negro".