Hai unha certeza que compartimos todas as persoas, por moi diferentes que sexan as nosas vidas. Nalgún momento coidaremos de alguén ou necesitaremos que alguén nos coide. É unha das poucas experiencias verdadeiramente universais. Durante demasiado tempo actuamos como se os coidados fosen unha cuestión privada, unha responsabilidade asumida polas familias e, moi especialmente, polas mulleres. Pero cando unha necesidade é universal, tamén debe selo a resposta.
Non se trata simplemente vivir máis anos. Trátase de garantir que eses anos poidan vivirse con autonomía, con dignidade e coa capacidade de decidir sobre a propia vida
Nun país como Galicia, unha das sociedades máis envellecidas de Europa, isto supón un dos principais retos para abordar o futuro máis inmediato. Porque non se trata simplemente vivir máis anos. Trátase de garantir que eses anos poidan vivirse con autonomía, con dignidade e coa capacidade de decidir sobre a propia vida.
Levamos anos defendendo que os coidados son un piar fundamental do Estado do Benestar, unha idea central na nosa forma de entender o país que queremos construír. Hoxe esa proposta empeza a converterse nun dereito efectivo. A reforma da lei de discapacidade e do sistema de dependencia impulsada polo Ministerio de Dereitos Sociais dá un paso decisivo nesa dirección. É unha das reformas sociais máis importantes desde a Lei de Dependencia de 2006 e demostra que gobernar vale para ampliar dereitos e mellorar a vida da xente.
Pero o máis importante é que cambia a maneira de entender a discapacidade e a dependencia. Durante demasiado tempo o sistema preguntou ás persoas que necesitaban. Esta reforma empeza tamén a preguntarlles como queren vivir. E esa diferenza múdao todo: xa non se trata só de atender situacións de necesidade, senón de garantir a autonomía persoal e a vida independente, aliñándonos coa Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade. Porque o mellor sistema de coidados non é o que decide polas persoas. É o que lles dá os apoios para que poidan seguir decidindo por si mesmas.
Xa non se trata só de atender situacións de necesidade, senón de garantir a autonomía persoal e a vida independente, aliñándonos coa Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade
Ese cambio de modelo tradúcese en melloras moi concretas. As persoas con dependencia recoñecida accederán automaticamente a un 33 % de discapacidade, evitando duplicar trámites. Refórzase a protección das mulleres e da infancia con discapacidade e a accesibilidade universal convértese en dereito.
A teleasistencia pasa a ser un dereito garantido e a asistencia persoal incorpórase ao catálogo de servizos. E o Servizo de Axuda no Fogar deixa de entenderse como algo limitado ao interior da vivenda: poderá estenderse tamén á contorna comunitaria, porque a vida non remata na porta da casa. Nun país tan disperso e envellecido como Galicia, esta mudanza pode marcar a diferenza entre permanecer no propio fogar ou verse obrigada a abandonalo.
A lei recoñece ademais unha realidade que milleiros de familias galegas coñecen ben: quen coida non sempre é un familiar directo. Ás veces é unha irmá, unha sobriña, unha veciña ou unha amiga, e amplía o recoñecemento dese entorno relacional. Desaparece tamén unha situación difícil de explicar: que unha persoa tivese xa recoñecido un dereito, pero tivese que esperar para comezar a percibilo. Cando un dereito se recoñece, o que corresponde é facelo efectivo.
A lei chega cun compromiso histórico de financiamento: 6.200 millóns de euros máis para o sistema de dependencia ata 2027, avanzando cara a que o Estado financie o 50 % do sistema
Todo isto chega, ademais, cun compromiso histórico de financiamento: 6.200 millóns de euros máis para o sistema de dependencia ata 2027, avanzando cara a que o Estado financie o 50 % do sistema. Non era unha obriga legal. Era un compromiso do acordo de Goberno entre PSOE e Sumar. E hoxe é unha realidade. Por iso resulta difícil comprender que o Partido Popular decidise non votar a favor dunha reforma que amplía dereitos, reforza o sistema público de coidados e conta co respaldo do movemento asociativo da discapacidade. Unha reforma desta relevancia merecía un consenso político moito máis amplo.
Pero esta reforma tamén interpela directamente a Galicia.
As leis estatais establecen un marco común de dereitos para toda a cidadanía, pero son as comunidades autónomas as responsables de desenvolvelos e de garantir que eses dereitos se convertan en servizos públicos de calidade. A capacidade de autogoberno tamén se mide así: na maneira en que cada país decide exercer as súas competencias para ampliar oportunidades e mellorar a vida da súa xente.
Durante anos escoitamos que o principal problema da dependencia era a falta de recursos. Esa escusa xa non vale: hai máis dereitos e máis financiamento. Agora corresponde á Xunta decidir se quere aproveitar este novo marco para fortalecer o sistema galego de coidados.
Agora corresponde á Xunta decidir se quere aproveitar este novo marco para fortalecer o sistema galego de coidados.
Os datos amosan que queda moito por facer. Segundo o XXV Ditame do Observatorio Estatal para a Dependencia, Galicia é a comunidade que menos investe por persoa potencialmente dependente: 1.490 euros, fronte aos 2.034 de media estatal. O investimento por persoa atendida rolda os 7.900 euros anuais, uns 500 menos ca media. E o mesmo informe advirte de que Galicia deixou sen executar parte dos fondos extraordinarios que o Estado transferiu para reforzar o sistema, mentres milleiros de persoas seguían esperando unha prestación ou un servizo.
A cuestión xa non é se hai recursos. É se haberá vontade política para convertelos en máis servizos, máis profesionais e menos listas de espera. España precisará arredor de 900.000 profesionais dos coidados nos próximos anos, e Galicia ten aí tamén unha oportunidade: crear emprego de calidade, dignificar un sector altamente feminizado, marcado pola precariedade e pola excesiva privatización, e fortalecer un modelo socioeconómico ligado aos servizos públicos de calidade.
As leis amplían dereitos. Os servizos públicos convértenos en realidade. Por iso, para que esta reforma transforme realmente a vida das persoas hai un actor imprescindible: os concellos. Quen coñecemos de preto os Servizos Sociais Comunitarios sabemos que os dereitos cobran sentido cando se fan efectivos na vida cotiá. Cando unha profesional do Servizo de Axuda no Fogar chama á porta dunha persoa maior para que poida seguir vivindo no seu fogar. Cando unha traballadora social ou unha educadora social acompaña unha familia nun momento de dificultade.
Galicia leva anos trasladando unha parte crecente da responsabilidade aos concellos sen acompañala do financiamento suficiente, especialmente no Servizo de Axuda no Fogar
Pero iso tamén require que a Xunta exerza plenamente as súas competencias. Galicia leva anos trasladando unha parte crecente da responsabilidade aos concellos sen acompañala do financiamento suficiente, especialmente no Servizo de Axuda no Fogar. Se queremos que os novos dereitos que recoñece esta reforma sexan reais, cómpre reforzar os Servizos Sociais Comunitarios e garantir ás entidades locais os recursos necesarios para prestalos con calidade e en condicións de igualdade en todo o territorio.
Dicía ao comezo que todas e todos compartimos unha mesma certeza: nalgún momento da vida coidaremos de alguén ou necesitaremos ser coidadas. Galicia leva anos falando do reto do envellecemento. Esta reforma convídanos a falar tamén da oportunidade.
Porque non hai mellor maneira de construír unha Galicia que coida que ampliando dereitos.