Das eleccións galegas do 21 de outubro debemos extraer as conclusións acertadas que nos permitan rectificar e encamiñar de xeito adecuado a acción política, tanto da esquerda parlamentaria como social, para os vindeiros anos. Quizais por iso debemos salientar o contexto de crise, agudizada nos países do sur europeo, fundamentalmente polas deficiencias dos seus Estados de Benestar e nas súas democracias. Así, como o fracaso da esquerda social, que pese ás grandes mobilizacións cidadáns, non logrou traducir iso nunha maioría de esquerdas no Parlamento galego.
A globalización triunfante, neoliberal, na súa expansión a costa de todas as formas non capitalistas de produción, camiña cara á sociedade dual final, facéndose entón imposible toda nova expansión
Dende o campo socialdemócrata deberíase repensar aquelo de Rosa Luxemburgo; de que o feito consubstancial ao capitalismo é a súa necesidade de acumulación de capital. E hoxe a globalización triunfante, neoliberal, na súa expansión a costa de todas as formas non capitalistas de produción, camiña cara á sociedade dual final, facéndose entón imposible toda nova expansión e polo tanto, a propia acumulación, xunto cos feroces antagonismos de clase e unha crise social permanente.
Os socialistas basean a súa forza na xestión do crecemento económico e na capacidade para redistribuír a riqueza; na súa capacidade de pór en marcha un pacto social (abolido pola dereita), aparentemente incapaz de entender que debe ser unha forza que combine a acción institucional e a mobilización social, coma verdadeira esquerda transformadora que é.
Hai tamén unha confusión ideolóxica socialista común no conxunto das esquerdas: non sabe realmente a quen dirixe a súa oferta electoral
Hai tamén unha confusión ideolóxica socialista común no conxunto das esquerdas: non sabe realmente a quen dirixe a súa oferta electoral. Produto dun “aparato” orgánico e institucional procedente en boa medida das clases medias (avogados, médicos, funcionarios...). Así un partido socialista que é incapaz de entender que hoxe representa unha alianza estratéxica entre unha clase maioritaria traballadora - mileurista ou fagocitada polo paro - e uns sectores democráticos da minoritaria clase media, evidencia a falta da capacidade para construír un proxecto político hexemónico.
No caso galego, debemos engadir que o papel relevante do PSdeG-PSOE no pasado vén da man, primeiro da incapacidade da dereita por entender o feito autonómico, dando lugar ao Goberno presidido polo socialista Fernando González Laxe – caido en desgracia polo apoio de Felipe González a Manuel Fraga – e posteriormente o chapapote do Prestige, doulle outra oportunidade, ao tamén socialista, Emilio Pérez Touriño, sen entender este que a mera xestión, non serven para ter o apoio popular e dos movementos sociais galegos.
O non ser consecuentes co feito nacional galego, co federalismo, xunto coa falta de capacidade de decisión propia con respecto ao PSOE, converte ao PSdeG nunha franquicia
En todo caso, non ser consecuentes co feito nacional galego, co federalismo, xunto coa falta de capacidade de decisión propia con respecto ao PSOE, converte ao PSdeG nunha franquicia, que non atrae aos sectores galegos máis dinámicos. Resulta imprescindible un Partido Socialista de Galicia que, coas súas raíces nas grandes cidades e nas comarcas, ofreza un proxecto de esquerdas e nacional, especialmente, cando a dereita está decidida a desmantelar o estado autonómico.
A derrota socialista tamén vén dada pola conflitividade interna polo control das listas, así como por escándalos na xestión de algúns concellos, que cuestionan a credibilidade social do partido e son instrumentalizados por unhas dereitas mediática e xudicial, empeñadas en tutelar a política.
O cambio galego visualiza a fin do bipartidismo imperfecto e do voto útil
O cambio galego visualiza a fin do bipartidismo imperfecto e do voto útil. O partido socialista compite xa con outras forzas, teoricamente situadas a súa esquerda, que teñen como contradición a defensa do estado socialdemócrata de benestar que a dereita, coa escusa da crise, quere tumbar definitivamente.
Só co recoñecemento e emenda dos erros, coa renuncia á complicidade co neoliberalismo, xunto cunha aposta pola unidade das esquerdas e un proxecto galego será posible crear os vimbios do novo PSdeG
Só co recoñecemento e emenda dos erros, coa renuncia á complicidade co neoliberalismo, xunto cunha aposta pola unidade das esquerdas e un proxecto galego, que teña ámbito de decisión propio e a defensa dos intereses das clases populares e da identidade nacional galega, será posible crear os vimbios do novo PSdeG, no medio e longo prazo. É dicir, máis PSdeG, máis esquerda e máis galeguismo.
Hai novas voces capaces de dirixir este proxecto socialista enraizado na esquerda e no galeguismo militante. Hai unha oportunidade histórica para superar, definitivamente, o marco político e social saído das debilidades da Transición.