O día 25 de marzo do 2022 estreouse Malencolía, película dirixida por Alfonso Zarauza. O filme, que vin no Numax, podería ser o cumio dos tópicos do rural galego: lugares perdidos e baleiros, veciños mal levados, xente rara, desconfiados, lendas de asasinos, a Santa Compaña...o delirio da Galiza profunda: a caricatura esperpéntica que amparan os medios institucionais nativos e alleos. A Galiza de espectros polos montes escuros no País excedente de enerxía eléctrica. A Galiza da lingua inservible para estudar matemáticas, a dos soños quiméricos asolagada pola morriña, pola saudade e a “Malencolía”.
Mais tamén aboia no filme outra historia: a fantasía do retorno, a ilusión do emigrante que durante anos madruga entre paisaxes sempre máis frías ou máis quentes, e vai engordando a base de salchichas, pancakes ou pan tumaca o mito da terra idealizada. Eu tamén soñei, amparada nas iconas da miña vida, co regreso a Matria: caldo, ovos da casa, portas abertas, Rosalía nos beizos da miña tía que quixen tanto, veciñas agarimosas e centos de historias na lareira. Enriba do carro a herba, enriba da herba o trono perfecto da infancia, a ritmo da Perica e a Gallarda.
Os tempos son chegados, e inocentes, os emigrantes viñemos polo noso trofeo, o paraíso. Aterramos cun golpe, no medio do dramático trebón, o aplauso ao piloto novato: “LANDING ON TIME in Lavacolla” ...agora coller o coche e andar polo camiño dos rumorosos eucaliptos, dos céntricos tanatorios, dos campos sementados de ladrillo, despois outro camiño, agora xa sen luz...Unha muller vestida co uniforme das heroínas de Davila, aparece no medio de ningures: “A que vindes?, vindes para ter familia?, pois a Escola pechou”. “Malo será!”, pensamos indulxentes, finalmente a casiña de pedra, “aí está, coa fonte, co regato pequeno, a casiña do noso contento” en pe a estrutura granítica, mais “hai que restaurarala...e o permiso para arranxala?. “Ide facendo...ata que vos denuncie o veciño”: a resposta institucional converte ao veciño no perito urbanístico e no aparellador afeccionado que asexando detrás das curtinas, resulta lixeiro no movemento de marcos, pesado e ambivalente no trato. A traxicomedia de Zarauza, ten para min os momentos máis sublimes, precisamente, na ilusión da parelliña protagonista que tras anos en Alemaña sofre o shock cultural que lles devolve o espello da realidade telúrica: ese transo primeiro de ilusión, logo de perplexidade e ao cabo de medo que expresan tan ben Melania Cruz e Xulio Abonjo.
A miña propia experiencia do rural alterna paisaxes marítimos e de interior con igual perplexidade. Rebozada na fariña da idiosincrasia xeográfica, non dou procesado aínda, perdoade a miña lentitude, un camposanto inexplicabelmente ateigado de beirarrúas e perfecto electrificado. Fáixeme raro o boato dos cemiterios brillantes que contrastan coa escuridade das inacabadas aceiras nas que tropezamos os vivos. Non dou entendido a éxtase que proporciona aparcar na praia asfaltada do Porto, nin a espasmódica condución obrigada “polos nenos soltos” que leva a encaixar o coche na primeira liña marítima, a douscentos metros da casa. A Fotografía de “Malencolía” é ruidosa, a textura irreal colle presenza de personaxe para levar a historia ata o absurdo.
Teño que dar grazas as Meigas que inspiraron “Malencolía” e coa naturalidade do Supermercado que me da a escoller entre dúas bolsas sostibles “somos desconfiados como galegos” ou “son un toxo galego”, camiño con moita elegancia polos buracos das corredoiras da retranca, sabendo que a derradeira promete estar ben iluminada.