Mañá sempre é demasiado tarde

Nos últimos meses, os tambores de guerra, en Oriente Medio, non paran de soar. A verdade é que naquela rexión (parece unha maldición bíblica), a violencia, a morte e a tortura, forman parte da paisaxe. Acostumarse é o primeiro paso para desentenderse.

Palestina, eternamente violentada, singularmente a franxa de Gaza, soporta -con cruel intensidade- os ataques da aviación israelí, os asasinatos selectivos, a destrución de vivendas, o bloqueo, o acoso, a humillación constante, a morte ¡que espanto! de nenos e anciáns inocentes, cada día...

Siria, que soñou liberarse dun réxime ditatorial, sofre as consecuencias dunha guerra civil non declarada e sinte, en carne propia, como as potencias internacionais xogan, no seu territorio, unha partida de dominación e terror

Siria, que soñou liberarse dun réxime ditatorial, sofre as consecuencias dunha guerra civil non declarada e sinte, en carne propia, como as potencias internacionais xogan, no seu territorio, unha partida de dominación e terror, a lume e sangue, aínda que os mortos, o sufrimento e os fuxidos, os poñe os sirios. Dunha parte, Occidente e algúns países árabes, a CIA, os servizos secretos alimentan, con milicianos e armas, ós rebeldes violentos das cidades. Pola outra, o exército regular de Bashar al Assad, e os seus paramilitares, co apoio de Irán (e o veto de Rusia e China no Consello de Seguridade), bombardean sen piedade a todo o que se move no país.

Logo dun ano de constante violencia, os mortos superan os 9.000. As Nacións Unidas non son quen de garantir a mediación de Koffi Annan, nin sequera de abrir corredores humanitarios ou unha limitada tregua. Niso están. Mentres, Europa está desaparecida. Amnistía Internacional e Human Rights Watch denuncian espantosas torturas, violacións masivas e crimes contra da Humanidade.

Irán, a punto de converterse nunha teocracia nuclear, desperta en Israel, única potencia atómica na rexión, desexos irrefreables de intervención militar, con ou sen o apoio dos EE.UU. Obama resiste as presións do seu propio lobby xudeu. Netanyahu impaciéntase. Todo parece indicar que a decisión está tomada. Bastaría escoller o día e a hora máis conveniente.

Por último, Afganistán e Iraq, lonxe de acadar a paz e a estabilidade prometidas polas forzas intervencionistas occidentais, logo de décadas de inxerencia militar, sofren a violencia sectaria, os atentados, e o descontrol máis absoluto. A retirada dos exércitos de ocupación, cunha sensación de fracaso evidente, deixa aberta a porta a profundas convulsións internas.

Esta situación pode converterse nunha auténtica bomba incendiaria para a paz e a seguridade non só na rexión senón para todo o Mediterráneo

Esta situación, así brevemente descrita, pode converterse nunha auténtica bomba incendiaria para a paz e a seguridade non só na rexión senón para todo o Mediterráneo. E o previsible ataque a Irán, ademais de fortalecer ó réxime teocrático, abrirá un novo conflito bélico de imprevisibles consecuencias.

As Nacións Unidas vense cada día máis necesitadas dunha profunda reforma para facer realidade o fin para o que se crearon

As Nacións Unidas vense cada día máis necesitadas dunha profunda reforma para facer realidade o fin para o que se crearon, “evitar ós nosos fillos o horror da guerra”,  para ser quen de despregar todo o seu potencial diplomático, económico, político e de intermediación militar, para deter tanto derramamento de sangue inocente e para frear as tentacións belicistas do goberno israelí, así como para facer cumprir o dereito internacional e as súas propias resolucións. Corresponde á comunidade internacional e de maneira moi especial á Unión Europea, recuperar o protagonismo e actuar diplomática e politicamente, impoñendo as sancións que fosen necesarias, para asegurar a paz e a estabilidade na rexión.

A cidadanía global, a sociedade civil organizada, os homes e mulleres de ben, en todo o mundo, temos que interpelar con firmeza ós nosos respectivos gobernos

A cidadanía global, a sociedade civil organizada, os homes e mulleres de ben, en todo o mundo, temos que interpelar con firmeza ós nosos respectivos gobernos, aínda que sexa por egoísmo lúcido, para que aseguren o cumprimento das normas internacionais, para que deteñan as ameazas á paz, reclamando a resolución pacífica dos conflitos, o diálogo e o entendemento, a negociación política, a primacía da palabra e da diplomacia fronte da violencia e o terror.

Parafraseando a Federico Mayor Zaragoza, mañá sempre, sempre, é demasiado tarde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.