Marcho, que teño que marchar

Na lea ésta do Emérito, dos Borbóns e da Coroa haberán concordar comigo que todo está moi mal organizado. O xefe do estado e o presidente do goberno central sabían dende marzo de 2019 o da comisión dos 100 M€ do rei saudí e ninguén reaccionou até a pandemia, cando Borbón e Grecia lle quitou ao seu pai a súa participación no orzamento da Casa Real e renunciou a unha herdanza aínda xuridicamente irrenunciábel. Despois, o 18 de marzo último, o xefe do estado declamou un discurso difuso e baleiro, onde nada dicía da conduta do seu pai.

Pasou o peor da pandemia e Pedro Sánchez pediulle un aceno á Casa Real sen facer, pola súa banda, o que lle cumpría, que era modificar o Real Decreto 368/1987 suprimindo o tratamento vitalicio de Rei (non Rei Emérito) do Borbón e Borbón. Borbón e Grecia executou despois unha tournee territorial deseñada polo seu peor inimigo e, rematada esta, Borbón e Borbón escríbelle dicindo, en síntese “Filipe, maxestade: marcho que teño que marchar”. Nin pagou o que adebedaba ao Fisco, nin nos escrebiu, desculpándose, á cidadanía nin aos representantes parlamentarios. Despois lisca, porque seica é o que lle cómpre arestora e aterra en Abu Dhabi (Emiratos Árabes Unidos), famoso polo seu respecto á democracia e ao Estado de Dereito e pertencente ao ámbito territorial de onde-disque- viñeron boa parte das achegas á fortuna presuntamente ilegal do Emérito.

Pregúntolle aos que saben de política se todo este balbordo non será un gravísimo erro dos que dirixen a Casa Real e a Moncloa e un referente galeguista e moderado, con moi importantes responsabilidades pasadas na Xunta respóstame “ Xoán, a fuxida do Borbón , máis que un erro político da Coroa é unha evidencia da incapacidade do Estado español para evolucionar cara fórmulas máis democráticas. É a mafia madrileña. Si o Emérito quixera salvar á Monarquía permitiría que o seu fillo o matara politicamente con honra. Mais dí que non, convencido de que as súas trapalladas eran coñecidas por todos. Velaí que lisque cos honores todos e os demais a calar, mentres o propio Pedro Sánchez di que non sabe onde está…incríbel!”.

Resólvense deste xeito as diferenzas entre o xefe do estado, o xefe da Casa Real e o presidente do goberno do estado. Mentres, o Tribunal Supremo paralisa a pescuda xudicial a respecto do Borbón e Borbón e usurpa as funcións dos xulgados de vixilancia penitenciaria deixando sen efecto permisos, traballos exteriores e terceiros graos dos presos políticos soberanistas cataláns e a Audiencia Nacional investiga á líder do BNG, Ana Pontón por inxurias á Coroa.

Xa que logo, haberán convir comigo na falla absoluta de transparencia e exemplaridade na Coroa e nas Institucións centrais do Estado español. Unha falla de transparencia e exemplaridade que haberán condenar á Monarquía, máis cedo ca tarde, ao ostracismo. Mais, polo de agora, o Goberno central vai no lote, polo menos da falla de transparencia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.