A Executiva Nacional do BNG reafirmouse este luns nas declaracións de Ana Pontón sobre a familia real do pasado 25 de xullo, durante a visita dos reis a Galicia, cando afirmou "queremos que xulguen os Borbóns por ladróns".
A Fiscalía da Audiencia Nacional estuda as denuncias presentadas por un colectivo monárquico que lle pide actuar contra a portavoz nacional do BNG e mais contra Pere Aragonés (ERC) e Teresa Rodríguez (Adelante Andalucía)
A asociación monárquica Concordia Real Española, creada no pasado mes de xullo, acusa á líder do Bloque de ter manifestado "inxurias" sobre a Coroa, nunha denuncia presentada diante da Fiscalía da Audiencia Nacional.
Este colectivo tamén presentou outras dúas denuncias na mesma liña contra o vicepresidente da Generalitat catalana Pere Aragonés (ERC) e contra a líder de Adelante Andalucía, Teresa Rodríguez.
Agora, a Asociación Profesional da Garda Civil Jucil vén de presentar outra denuncia que se complementa coa anterior. A Fiscalía está a examinar as acusacións para dirimir se as estima e inicia unha investigación.
Segundo adianta o ABC, a denuncia de Jucil recolle que a gravidade das expresións empregadas por estes representates políticos é "moi alta", pois "non só atacan á figura do Rei, senón a unha institución monárquica enteira, e altera así toda a familia real".
A formación nacionalista asegura non ter constancia "por vías oficiais" da "suposta abertura de dilixencias previas pola Fiscalía da Audiencia Nacional española". "Para o BNG é hora de investigar a fondo toda a corrupción da Casa Real e xulgar os Borbóns polas súas actuacións, con todas as consecuencias penais e políticas", recollen nun comunicado emitido este luns
Concordia Real Española e Jucil consideran que se "atacou" a figura do rei emérito
As palabras de Ana Pontón sobre a Coroa, así como as declaracións recollidas do político catalán e da andaluza nestas denuncias, prodúcense nun momento no que é coñecida a investigación dos escándalos financeiros de Juan Carlos I, que levaron ao rei Felipe VI a retirarlle a súa asignación do orzamento da Casa Real.
A raíz destes feitos, o rei emérito comunicou por carta a Felipe VI o pasado 3 de agosto a súa decisión de abandonar España para "contribuír a facilitar" que o seu fillo poida reinar con "tranquilidade". O avogado de Juan Carlos I tivo que aclarar que, a pesar da súa marcha, estaría dispoñible para colaborar coa xustiza.