Martirios kurdos

O Kurdistán Dominio Público Praza Pública

A táctica anuencia de Washington e Moscova á ofensiva militar turca no Norte de Siria, particularmente enfocada na rexión de Rojavá, controlada polos kurdos sirios, denota intereses estratéxicos, moitos deles contrapostos, enfocados na futura reconstrución de Siria e dos prolíficos proxectos de desenvolvemento que se agardan instaurar no país árabe. Nesta dinámica de intereses de diversos actores, o obxectivo de Washington enfócase en desequilibrar o eixe ruso-turco-iraniano instaurado en Siria dende o cumio de Sochi de 2017. Para Moscova, significa manter en pe ese “eixe de Sochi” a través do seu aliado turco, cuxo presidente Recep Tayyip Erdogan busca consolidar as súas esferas de influencia rexional mantendo un equilibrio entre dous eixes polarizadores como Trump e Putin. Na recámara está o drama kurdo, un pobo historicamente sometido a intereses alleos posibilitados polos silencio da comunidade internacional.

Na recámara está o drama kurdo, un pobo historicamente sometido a intereses alleos posibilitados polos silencio da comunidade internacional

O momento é particularmente crítico para os kurdos sirios. A Federación Democrática do Norte de Siria, coloquialmente coñecida como “república de Rojavá”, practicamente independente de feito de Damasco, lograra converterse nun sistema democrático social e de autoxestión, de carácter libertario, socialista e feminista, factores que podían constituírse nun referente non só para os obxectivos soberanistas dos kurdos en Oriente Próximo senón tamén para movementos sociais a nivel mundial. 

Un aspecto relevante tomando en conta que a crise económica global segue provocando unha erosión de lexitimidade política no mundo desenvolvido, con visos de intensificarse ante as expectativas de recesión económica que se albiscan. Toda vez, a capacidade combativa das milicias de Rojavá, no seu momento contando co apoio estadounidense hoxe en retirada, tamén lograran repeler ao Estado Islámico ata practicamente confinalo ao anonimato.

O reparto de Rojavá

Para Turquía, Rojavá é un símbolo da resistencia kurda que debe aplacarse en aras de “preservar os seus intereses de seguridade”. E para Erdogan, contrariado polas recentes derrotas en comicios locais en Turquía que amortecen a hexemonía política do seu partido AKP, a ofensiva militar é interpretada como unha decisión orientada a recuperar a iniciativa política vía intereses de seguridade, coa finalidade de reducir unha posible caída de popularidade no seu país e seguir a manter o táctico apoio do estamento militar turco. 

Toda vez, e a pesar das friccións tradicionalmente entre Ankara e Damasco, a ofensiva militar en Rojavá permitiría reducir a preponderancia étnica kurda a favor dunha especie de “arabización” e incluso “turquifización” desas rexións. Isto foi particularmente visible coa ocupación conxunta turca e siria en 2018 da poboación de Afrin, no noroeste sirio. A ocupación de Afrin foi interpretada tacitamente con beneplácito por parte da Unión Europea e EUA, como parte do pacto entre Turquía e a UE para a contención de refuxiados sirios a través dunha “zona tapón” fronteiriza entre Turquía e Siria. Precisamente, o territorio onde os kurdos sirios seguen sendo preponderantes.

A priori, Rusia comprendeu inmediatamente as intencións turcas, velaí a súa tácita aprobación da ofensiva militar iniciada este 9 de outubro. Para Putin, a súa “pax Siria”, ese equilibrio de poder, pasa polo mantemento da conxunción de intereses e a continuidade do “eixe de Sochi” con Ankara e Teherán. Pero precisamente ese eixe é o que busca alterar Trump, sen necesidade de intervir directamente nun conflito sirio pouco estimado para a administración de Washington. E utilizando así a Turquía, membro da OTAN, como aliciente para crear un dique no seo deste “eixe de Sochi”. Con flexibilidade a pesar da calculada retórica acusativa lanzada por Trump contra Erdogan por mor desta ofensiva militar, tendente a eximir a Washington de calquera culpabilidade ante unha posible masacre de kurdos en Rojavá.

Turquía non só busca sepultar calquera atisbo de irredentismo kurdo a nivel rexional próximo ás súas fronteiras, senón que ocupa posicións estratéxicas ante os proxectos de desenvolvemento económico que se agardan para a reconstrución siria

Para Trump, o tema prioritario en Oriente Próximo é Irán, actor nuclear con fortes intereses xeopolíticos pero entrampado nun “diktat” no Golfo Pérsico e no conflito iemenita, ante a constante presión saudita e israelí, apoiados ámbolos dous dende Washington. O réxime sirio de Bashar al Asad foi sempre o aliado estratéxico iraniano en Oriente Próximo, toda vez a eficacia rusa vía “eixe de Sochi” acicalado por Putin permitiu ao réxime sirio manterse no poder e recuperar posicións. 

Nesta dinámica de perspectivas sobre o previsible reparto de esferas de influencia en Siria, Ankara aproveitou esta conxuntura de certa parálise para asestar o seu golpe estratéxico vía ofensiva militar en Rojavá. Con iso non só busca sepultar calquera atisbo de irredentismo kurdo a nivel rexional próximo ás súas fronteiras, senón que ocupa posicións estratéxicas ante os proxectos de desenvolvemento económico que se agardan para a reconstrución siria. 

Turquía segue mantendo o seu enfoque de ampliación de proxectos hidráulicos dende os Ríos Tigris e Éufrates ata o Mediterráneo, coincidindo igualmente coas expectativas de Beijing de extensión por Siria das Rutas da Seda chinesas, que teñen espazo de irradiación pola contorna euroasiática, con Turquía, Siria e Iraq como socios, ata os marxes do Mediterráneo. Para Ankara, Siria é unha peza estratéxica do seu proxecto de “hidrohexemonía” en Oriente Próximo. 

Contemporizar estes intereses e proxectos é outro dos obxectivos de Putin. No Kremlin saben que Siria constitúe un terreo estratéxico para os negocios rusos de reconstrución económica, particularmente en infraestruturas. Pero Putin non quere quedar fora de xogo ante unha posible vertebración dun eixe Ankara-Damasco-Beijing vía Rutas da Seda e reconstrución siria, que alteren os plans de Moscova para Oriente Próximo, escenario extensivo da súa renqueante Unión Euroasiática.

Non se debe esquecer outro factor colateral dentro desta ofensiva militar turca: o terrorismo xihadista. A contención das milicias kurdas do Estado Islámico altera intereses que van dende Turquía e Rusia ata China, vía espazo euroasíatico, extensión territorial da fase inicial de proxectos estratéxicos como os mencionados Rutas da Seda e Unión Euroasiática.

O factor Idlib

A cidade siria de Idlib, escenario dunha forte ofensiva siria e turca contra o Estado Islámico desde 2017, foi epicentro de actuación internacional do xihadismo vía Estado Islámico e outros grupos afíns como o Movemento Islámico do Turquestán Occidental (ETIM). Beijing ten acusado que en Idlib se adestraban militantes uigures con vínculos con ETIM para realizar posibles atentados tanto na provincia chinesa de Xinjiang (epicentro do irredentismo uigur contra China) como en outros países centroasiáticos depositarios dos proxectos das Rutas da Seda. 

Para Rusia, o espectro do xihadismo islamita tamén ten incidencia no Cáucaso ruso e Asia Central, razón pola que o control de Idlib e o norte sirio a favor dun aliado como Turquía facíase necesario. Outras fontes aseguran que Turquía utilizou sen escrúpulos esta “arma terrorista xihadista” vía ETIM e con epicentro Idlib, como manobra de presión e negociación cara China e Rusia, a fin de alcanzar intereses estratéxicos en Siria. Non se debe esquecer que a desfeita do Estado Islámico deixou ao movemento xihadista Hayat Tahrir al-Sham (HTS), ex afiliado a Al Qaeda, como o último bastión islamita en Idlib. Velaí que Putin e Erdogan acordaran impulsar unha especie de zona desmilitarizada en Idlib, baixo vixilancia rusa e turca.

Para Trump, o seu prudente distanciamento da ofensiva militar turca no Norte de Siria tamén ten outro obxectivo colateral, toda vez o seu aliado irrestrito, o primeiro ministro israelí ultradereitista Benjamín Netanyahu, non alcanzou a maioría absoluta nos comicios de setembro pasado, e agora afírmase unha “gran coalición” en Tel Aviv con sectores opositores. Un revés político para Trump en Israel que busca agora aminorar pola vía turca da ofensiva militar en Siria.

Os kurdos e as trampas da xeopolítica

E os kurdos? De novo, a xeopolítica e a historia xogan en contra das súas lexítimas aspiracións de consolidar un espazo de soberanía propio, un Estado kurdo plenamente autónomo. O maior pobo do mundo sen representación estatal, unhas 40 millóns de persoas repartidas entre Turquía, Siria, Iraq e Irán, xógase moito do seu futuro nesta ofensiva turca en Rojavá. E as potencias exteriores toman nota tamén da polarización de intereses existentes entre os distintos pobos kurdos en Oriente Próximo. 

A paralización de feito na proclamación da independencia do Kurdistán iraquí (2017) foi un aviso importante para os kurdos sirios de Rojavá, toda vez o goberno da Rexión Autónoma do Kurdistán iraquí (RAK) observa con receo a posibilidade de consolidación dun “modelo Rojavá” que tamén poda ter incidencia entre os kurdos iraquís e lle reste marxe operativo de manobra á RAK como referencia do soberanismo kurdo. 

Con Erdogan apostando forte ante a indiferenza internacional, volvemos a observar impasibles un novo episodio do interminable martirio kurdo

Turquía coñece estes complexos labirintos kurdos, determinados moitas veces polas irreconciliables diferenzas entre clans políticos e familiares. Ankara mantén unha relación de feito coas autoridades do Kurdistán iraquí, que lle permite amortecer calquera expresión de irredentismo entre os kurdos de Turquía. Unha estratexia que Ankara “lexitima” agora coa súa ofensiva militar no Norte de Siria, que pode ser observada con certo nivel de beneplácito en Irbil, a capital do Kurdistán iraquí. 

Precisamente, Iraq está sumido desde varios días en violentas protestas sociais contra as autoridades gobernamentais por mor da crise económica e da corrupción. Este descontento in crescendo no mundo árabe, ampliado cara outros países como Exipto, Sudán e Alxeria, sen esquecer o entrampado conflito libio, pode gravitar como elemento de atención (e de contención) para os actores involucrados no contexto xeopolítico da ofensiva militar turca en Siria.

Pero hoxe, con Erdogan apostando forte ante a indiferenza internacional, volvemos a observar impasibles un novo episodio do interminable martirio kurdo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.