Matanza

Trincheira durante a Primeira Guerra Mundial Dominio Público

As novas que chegan da invadida Ucrania son, cada día, máis horrorosas

As novas que chegan da invadida Ucrania son, cada día, máis horrorosas. Coñecemos con detalle as consecuencias dos ataques rusos sobre a poboación civil ucraína, o principal obxectivo militar ruso xunto coas infraestructuras. Descoñecemos, e non é casualidade, os efectos e as consecuencias dos ataques do exército de Ucrania nos territorios ocupados pola Federación Rusa. Contan distintas fontes que a guerra na fronte está a provocar unha auténtica carnicería por un palmo de terreo, enfrentamentos como os da IGM, Paths of Glory, corpo a corpo, casa por casa, cun balance que ningún dos bandos quere recoñecer.

Parece mentira. Ben entrado o século XXI, no corazón de Europa, rusos e ucranios, ucranios e rusos, matándose por miles, para avanzar ou retroceder uns metros nunha liña de fronte que cambia moi pouco. Até cando van seguir así destrozándose mutuamente? Non queda ninguén sensato nas Nacións Unidas, na UE, no mundo, na diplomacia internacional, os líderes relixiosos, alguén que medie, que pare esta matanza?

As guerras rematan todas nun Armisticio, cun alto o fogo, nunha Mesa de Negociación entre as partes, con ou sen mediadores. Canto antes o comprendan e o acepten, mellor

Ou imos seguir outro ano máis con Leopards ou sen eles, con misís e drons, con Azov e Wagner, como dous boxeadores sonados, machacándose mutua e indefinidamente?

As guerras rematan todas nun Armisticio, cun alto o fogo, nunha Mesa de Negociación entre as partes, con ou sen mediadores. Canto antes o comprendan e o acepten, mellor. Menos destrozo, menos sangría, máis mozos poderán ter un futuro, e a poboación civil, anciáns, mulleres, nenas e nenos, respirarán aliviados.

Merecemos unha orde internacional xusta, cunhas Nacións Unidas renovadas, sen dereito de veto, con participación das sociedades civís e as súas organizacións, con capacidade de mediación, intervención e sanción

Ucrania, Rusia, Europa e o mundo non merecen, non merecemos, estas carnicerías, aquí, en Iemen, en Siria, en Birmania, Sáhara ou Palestina, merecemos unha orde internacional xusta, cunhas Nacións Unidas renovadas, sen dereito de veto, con participación das sociedades civís e as súas organizacións, con capacidade de mediación, intervención e sanción. Merecemos abolir as guerras como un imperativo ético neste século.

Non podemos soportar máis tanta matanza inútil.

Basta xa!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.