Medio Rural: Seguimos sen cobrar

A cantidade non vos é tan avultada como para pór en risco un orzamento da Administración Pública, nin para desencaixarlle a contabilidade. Pero a Xunta segue sen pagala. E é nosa. Porque a gañamos co noso esforzo, co noso traballo.

Vivimos nunha sociedade onde o xeito de desenvolver a vida é establecer un valor de cambio entre a forza de traballo que exercemos e o efecto que produce nas ganancias do sistema. Chámase salario e non pagalo significa conculcar o dereito á supervivencia. Non pagalo equivale a precarizar, a someter, a violentar a quen se lle adebeda.

As monitoras/es que no 2016 impartimos cursos para a Consellaría do Medio Rural seguimos sen cobrar. Para moitas de nós vai aló máis dun ano desde que se realizou a primeira acción formativa e aínda agardamos por unha cantidade que para a Xunta de Galiza ten carácter pouco menos ca irrelevante. Que máis podiamos facer máis que agardar. Agardar a que esta Administración que leva demasiado tempo con reviravoltas, adiando o pagamento, decida solventalo. E soportámolo pacientemente durante moitos, demasiados meses.

No medio ano longo que vai do 2017, nin unha soa palabra, nin unha comunicación sobre o atraso, nin unha simple nota que nos recoñeza a débeda, que nos explique por que e canto máis teremos que agardar. Silencio. Un silencio que nos condena e a promesa permanentemente incumprida de “cobrar ides cobrar, seguro” coa que algún/ha xefe/a de servizo nos tenta apacentar. Contestacións por voz, desas que no Procedemento Administrativo non outorgan garantía algunha, nin recoñecemento explícito de nada. Mesmo nos chegan a pedir confianza. Unha confianza cuxa demostración empírica radica no mesmo principio ca os milagres do Corpiño (ou calquera outro que propoñades). E se fora a primeira vez...

Algunhas de nós, cansas desta inmobilidade, solicitamos por escrito a primeiros de maio, o recoñecemento da débeda e o saldado da conta. Porén continuamos co mesmo resultado: A calada por resposta. O silencio que na práctica significa seguir xogando connosco a escondela, a ver se co aburrimento deixamos dar a murga e o esquecemos. Como fan coa dependencia, ou co emprego, ou coas listas da atención sanitaria; e tantas outras cuestións públicas que desantenden!

Pero non, non esquecemos. E saímos publicamente a verbalizalo, a dicir que a Xunta debe e non paga, que a xestión deste asunto é escura e que nos sentimos estafados, violentados, roubados no único que podiamos aportar, a nosa forza de traballo. Que xa cansamos de quedar caladas/os.

Que mentres vemos como a diario se gastan milleiros de euros en publicidade institucional seguen a dar voltas para que cobremos unha cantidade ridícula se o comparamos co orzamento da propia Consellaría. Que non ten xustificación agás apelando a infravaloración do traballo e, por extensión, a minusvaloración de todas nós. Que ao goberno da Xunta de Galiza tráelle sen coidado a formación, o emprego e o benestar das persoas e con esta desvergoña demóstrano a diario. Que mentres se empoleiran deixando que o tempo pase, seguen convencidos de que, chova de onde chova, permanecerán catro anos máis desfacéndose deste e doutros servizos públicos, abandonando traballadores/as, sen que lles custe un chavo politicamente.

Pero nós dicimos que xa non hai escusa, nin prazos nin farrapos de gaitas. Que tiveron tempo de sobra para arranxar isto. Que non sigan xogando a pita cega. Calquera desculpa que se poña xa non a cremos, por máis que se nos insista, por máis que a conselleira veña en persoa a rogarnos máis tempo. Que isto vai das necesidades da xente, aínda que ás veces non sexamos máis ca peóns na partida que xogan día tras día connosco, co traballo, coa economía, coa educación. E aburren. Fartan. Abonda de mentiras, de estafas, de aproveitarse de nós. Seguramente a fin de mes, todas e cada unha das persoas que forman o goberno teñen garantido un salario que din que merecen. Pois nós tamén. E o traballo cumpriuse. Agora pagade. É o noso pan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.