Melancolía polos cinemas perdidos

Sinto unha profunda melancolía cando un cinema se pecha. Hai uns días, a última cámara de proxección que resistía, fundiuse a negro, definitivamente, en Pontevedra. Agora son os Cinemas Valle Inclán en Santiago. Antes baixaran a persiana os Compostela. E moito antes... todos os cines que coñecín na miña infancia e mocidade.

Hai uns días, a última cámara de proxección que resistía, fundiuse a negro, definitivamente, en Pontevedra. Agora son os Cinemas Valle Inclán en Santiago

Cando entrei por primeira vez nun cinema foi no Teatro Principal. Estaba moi preto da miña casa, formaba parte da paisaxe máis próxima, e os meus pais tiñan a sabia costume de “ir ó cine”, sempre os venres, á sesión da noite. Moitas veces levábanme. Sempre pensei que para deixar á miña tía Pilar máis tranquila arroupando ós irmáns pequenos no 15 da Rúa da Troia. Debo recoñecer que eu era, daquela, iso que coñecemos como un “tralla”, bastante insoportable. Alguén dirá que, como agora...

Quedei fascinado co Teatro Principal. Era enorme, precioso, un palacio, cunha decoración que nunca vira, e a pantalla, monumental. Tería 8 ou 9 anos. Proxectaban Lawrence de Arabia, a extraordinaria película de David Lean (1962) cos maxestosos, Peter O'Toole, Omar Sharif, Anthony Quinn e Alec Guinness que saían da pantalla, como na Rosa Púrpura do Cairo de Woody Allen. Aquelas imaxes, a música, facían sentir o deserto, o golfo de Aqaba, a aventura toda nas entrañas. Iamos ó cine, diso se trataba, e tomabamos algo. Para min un medio bocata de xamón e un “jerez con sel”, gotas de Sanson nun vaso cheo de sifón, reconstituínte, sei que daba gañas de comer... por todo iso, para min, os venres, eran unha festa agardada.

Iamos ó cine, diso se trataba, e tomabamos algo. Para min un medio bocata de xamón e un “jerez con sel”, gotas de Sanson nun vaso cheo de sifón, reconstituínte, sei que daba gañas de comer... por todo iso, para min, os venres, eran unha festa agardada

Logo coñecín o Salón Teatro nas longas sesións continuas, naquel galiñeiro corrido de bancos de madeira, toleando ó acomodador toda a peli, algúns tirando furtivamente dun celtas, catro na peseta... Sempre tiven metido na cabeza que alí enfermara gravemente. Foi no Salón onde empecei a atoparme mal, cunha febre moi alta. Poñían unha do Oeste, Apache, de Robert Aldrich (1954), aquel rebelde indio, Burt Lancaster, de ollos azuis. Confeso que, desde aquela, xa non quería ser vaqueiro, mellor un apache chiricahua...

Anos despois, na transición democrática, o Salón foi o espazo de liberdade do Cineclub, en sesións nocturnas, pelexa cos pais, para atopar as orixes do cinema e aprender: os pioneiros, Porter, Griffith, expresionismo alemán, O gabinete do Dr. Caligari, simbolismo, Nosferatu, o cinema soviético, Eisenstein, as vangardas artísticas, El perro andaluz, o clasicismo, Lubitsch, Wilder, Curtiz, Bergman, Hitchcock… o neorrealismo, Rossellini, De Sica, Visconti… a Nouvelle Vague, Godard, Truffaut… os novos cinemas, Glober Rocha… cantas horas de cine magnífico, canta aprendizaxe, que extraordinarios momentos...

Do Metropol, no ensanche, lembro que era un cinema grandioso, cunha pantalla xigantesca. De cativos todo parece inmenso

Tamén o Yago formou parte da miña veciñanza cinematográfica xuvenil. Cos seus baños no hall superior. Sempre ía para arriba. Mellor apoiado na balaustrada.

Do Metropol, no ensanche, lembro que era un cinema grandioso, cunha pantalla xigantesca. De cativos todo parece inmenso. Alí quedei pasmado diante de O planeta dos simios, de Franklin J. Schaffner (1968), case que en primeira fila, botábase a un. Aquela escena final, co Charlton Heston sorprendente, deixoume perplexo e pensativo, desconcertado. Malditas guerras!!!.

O Capitol foi –probablemente- o cinema que máis frecuentei ó longo da miña adolescencia, mesmo onde, en varias ocasións, non podía entrar nalgunha das pelis cualificadas para maiores de 14 con reparos. Censura política, censura moral. Censura total. Tempos escuros. Berros de liberdade. As historias e os mundos que viamos no cine eran moi diferentes do que aquí acontecía. Pateabamos o NODO con forza, xa resultaba insufrible. E o novo cinema español, contra todo, abríase paso. Bardem, Berlanga, Saura, Aranda, Camino, Colomo...

Pateabamos o NODO con forza, xa resultaba insufrible. E o novo cinema español, contra todo, abríase paso. Bardem, Berlanga, Saura, Aranda, Camino, Colomo...

O Avenida, hoxe derruído e daquela moi nas aforas, era un cine de reestreno, certamente algo cutre. Alí podiamos recuperar algunhas películas que perdemos na súa estrea. Tamén foi Cineclub nalgún tempo. Máis adiante foi escola de pornografía cando chegaron as X. Tempos de destape e represión. Cos anos languideceu como un vagalume, ate apagarse.

E os Valle Inclán, que agora pechan definitivamente, foron os primeiros multicines de Santiago de Compostela. Unha novidade, moi lonxe das vellas salas, con menos encanto, máis funcionais, buscando a rendibilidade, e nin así.

Os Valle Inclán, que agora pechan definitivamente, foron os primeiros multicines de Santiago de Compostela. Unha novidade, moi lonxe das vellas salas, con menos encanto, máis funcionais, buscando a rendibilidade, e nin así

Os Compostela, máis recentemente, tamén foron multisalas, algunha case que como o salón da casa, con pantalla cativa, chamáballe o “ferrobús”. E os de Area Central, no centro comercial de Fontiñas, trouxeron novos formatos, máis comerciais, aínda que mantiñan un certo cine de autor, como os Valle Inclán ou os Compostela.

Aqueles espazos que alegraron e formaron a nosa vida teremos que buscalos noutros lugares e formatos, aqueles xa non volverán. Melancolía polos cinemas mortos

E chegamos a hoxe, só o Centro Comercial As Cancelas proxecta películas, na súa gran maioría son as que distribúen as grandes cadeas multinacionais, o cinema espectáculo, o que forma parte do lecer universal, ese que podemos ver en calquera país occidental do mundo, uniformidade, boas salas, arume a coche recen comprado, plástico fino, pantallas enormes, son de estremecer... pero non é o mesmo, tristura de pensionista... O cinema do que gosto, o que fascina, aquel que descubrín de cativo no Teatro Principal e que mamei no Salón Teatro, Yago, Metropol, Capitol, Avenida, Valle Inclán, Compostela, ata os nomes son outra cousa !!!, Aqueles espazos que alegraron e formaron a nosa vida teremos que buscalos noutros lugares e formatos, aqueles xa non volverán. Melancolía polos cinemas mortos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.