Con este titular, a toda páxina, abrían os xornais de México cun anuncio do poderoso Grupo Cervecería Cuauhtémoc. A ocorrencia do publicista pretendía contrapór as supostas escasas habilidades dos galegos, alimentadas pola longa tradición de chistes que circulan por boa parte de América
Con este titular, a toda páxina, abrían os xornais de México cun anuncio do poderoso Grupo Cervecería Cuauhtémoc. A euforia desatárase no país azteca tras o histórico pase da súa selección aos oitavos de final da Copa do Mundo. O artífice da fazaña era Javier Aguirre, coñecido polo alcume de El Vasco Aguirre. Precisamente o mesmo técnico que, vinte e catro anos despois, volvería clasificar México para os oitavos de final no Mundial de 2026.
A ocorrencia do publicista pretendía contrapór as supostas escasas habilidades dos galegos, alimentadas pola longa tradición de chistes que circulan por boa parte de América, coas excelencias e capacidades atribuídas a outro recuncho da Península Ibérica.
O que aspiraba a ser unha simple chanza a costa dos galegos acabou provocando unha descomunal tormenta étnico-económica que ninguén previra. Unha vaga de indignación percorreu a colonia galega de México, que axiña respondeu de maneira organizada a aquela afronta.
Unha vaga de indignación percorreu a colonia galega de México
A diáspora galega mantén unha presenza moi sólida no sector da hostalaría: cantinas, restaurantes, hoteis familiares, hoteis de paso —como alí denominan os moteis—... A consigna foi tan sinxela como contundente: mentres o Grupo Cuauhtémoc non se retractase da ofensa nin pedise desculpas públicas, ningún establecemento rexentado por galegos volvería mercar ningunha das moitas marcas que distribuía.
O acordo final, alcanzado na máis absoluta discreción, case no secretismo, consistiu en regar os negocios galegos de hostalaría con abundante cervexa de balde, cortesía do Grupo Cuauhtémoc e, se non me falla a memoria, nunha xenerosa achega para a remodelación do fermoso Centro Galego de México
O grupo cervexeiro nunca retirou o anuncio nin pediu desculpas publicamente. Porén, consciente do importante impacto económico que podía ter o boicot promovido polos empresarios galegos da hostalaría, comezou discretos contactos desde as máis altas instancias directivas na procura dunha saída ao conflito.
Polo que me contaron aqueles empresarios, as negociacións foron longas e duras. A indignación era fonda e a rabia pola inxuria non daba pasado. O acordo final, alcanzado na máis absoluta discreción, case no secretismo, consistiu en regar os negocios galegos de hostalaría con abundante cervexa de balde, cortesía do Grupo Cuauhtémoc e, se non me falla a memoria, nunha xenerosa achega para a remodelación do fermoso Centro Galego de México.
Digo «se non me falla a memoria» porque esta historia, que escoitei hai case dúas décadas dos propios empresarios galegos en México, con evidente intensidade emocional, tentei documentala para confirmar os datos que conservaba apenas no recordo. Procurei información, busquei algunha reprodución do anuncio e tratei de atopar referencias daquela polémica. Non apareceu absolutamente nada.
Chistes de galegos existen en case todos os países onde foi dar a nosa emigración. Quizais o caso máis coñecido sexa o do xornalista arxentino Ricardo Parrotta, agochado tras o alcume de Pepe Muleiro, quen fixo un bo negocio publicando oito libros sobre a mesma temática.
Aquel episodio mexicano acabou por demostrar que non toda afronta sae gratis. Ás veces, a dignidade tamén ten un prezo.