Xa se está a falar de novo da proba PISA, pois neste 2015 sairán uns novos resultados (faise cada tres anos e a última vez foi no 2012). Apórtanse unhas breves reflexións con datos da última proba, a sinalada de 2012, que, pensamos, mostran a realidade dun máis dos múltiples “contos” que nos contan, que nos queren “vender” (e moi interesadamente, claro).
1. Quen elabora PISA?: A OCDE.
Para que nos fagamos unha idea; para a OCDE a crise débese afrontar baixando os salarios, baixando as pensións, favorecendo o despido libre, privatizando os servizos sociais, reducindo os gastos sociais e gastando todo o que faga falta para que os bancos. e as grandes empresas non teñan problemas. Xa podemos ver cal é a ideoloxía da OCDE.
2. Así que é doado imaxinar para que “vale” a educación segundo a OCDE: A educación para a OCDE é o mesmo que para o ministro Wert. A educación só conta en canto sexa funcional á economía; iso do fomento do espírito crítico, de formar cidadáns, persoas que comprenden o seu mundo ... Iso tráelles sen coidado ao ministro e á OCDE. E ese é o modelo educativo que nos queren vender cando presentan PISA como o “modelo”.
3. Que mide PISA?: “competencias”, non coñecementos. Ou sexa, mide só a capacidade de utilización, a capacidade instrumental, non os coñecementos, non o saber; só se son útiles para resolver os problemas que eles propoñen. E as “competencias” son moi dependentes do contexto cultural; isto é, de que sexan competentes en situacións máis ou menos próximas ou cotiás. Se as situacións que se lles presenta aos alumnos están “afastadas culturalmente”, aínda posuíndo un moi bo nivel de coñecemento, “non saberán” responder ao problema adecuadamente. Foi moi significativo o caso en que se lles propuxo ao alumnado unha situación “Típica”, relacionada co uso do metro. Os alumnos españois deron, en xeral, resultados moi pobres, e non digamos os galegos. Normal, se temos en conta que ese “problema” só “aparece” na “vida” de moi poucos españois. Resultados malos? NON: DESEÑO PÉSIMO do control de medida. Pero iso é algo asociado a toda medida de competencias: é moi “sensíbel” ao contexto cultural do alumno. Resultaría moito máis útil medir “coñecementos” (que logo terían que aplicar ás diferentes situacións “culturais” coas que se atopasen). Por que PISA mide competencias e non coñecementos? Por que esa “preocupación polas competencias? Probabelmente terá moito que ver co que lles preocupa da educación: que resolvan problemas, non que saiban. E non é casual nas últimas lexislacións educativas españolas tamén esa centralidade das competencias. As coincidencias non son casuais.
4. PISA mide só as “competencias” en matemáticas, comprensión escrita e coñecemento científico (chámanlle así ao coñecemento en Bioloxía, Xeoloxía, Física, Química e Tecnoloxía. As Ciencias Sociais non deben ser Ciencias para a OCDE). O que se estuda na ESO é moito máis que iso, son moitas máis materias; pero PISA non mide máis, polo que é FALSO que mida o sistema educativo.
5. Que din os datos de PISA?: as probas PISA son moi complexas, así como a súa cualificación, chegando a puntuar os máximos nas tres competencias con 554, 538 e 547 (dun máximo de 560 puntos posíbeis), nada que ver coa escala habitual de 1 a 10.
6. Se convertemos os resultados PISA nunha escala de 1 a 10, dándolle 10 ao máximo posíbel indicado, vexamos que resultados obtemos. Tomaremos como referencia os seguintes casos: o primeiro país, a primeira comunidade española, Galiza, España, a peor comunidade española; e, para comparar aínda mellor, dous dos primeiros países no coeficiente de Gini, que mide a igualdade e tamén dos primeiros nos índices de cualidade de vida, ou sexa, países envexábeis (Noruega e Suecia); ao mesmo tempo, son países cunha alta renda per capita e desenvolvemento económico, polo tanto; e suponse que a educación debería ter “algo que ver” coa súa situación social e económica. E, para rematar, a media da UE. A ver que datos obtemos.
6.1. Competencia matemática: Corea do Sur (o “mellor”): 9,89; Nafarroa (a “mellor” comunidade autónoma): 9,23; Galiza: 8,73; España; 8,64; Extremadura (a “peor” comunidade autónoma): 8,23; Noruega: 8,73 (o mesmo que Galiza e pouco por riba de España); Suecia: 8,54 (por baixo de Galiza e España); México (o “peor”): 7,38; media da UE: 8,73 (como Noruega e Galiza). Resulta que en “competencia matemática” España globalmente está por riba de Estados Unidos e Suecia, por exemplo; e Galiza entre Noruega, Portugal e Italia.
6.2. Competencia lectora: Xapón (o “mellor”): 9,61; Madrid (a “mellor” comunidade autónoma): 9,13; Galiza: 8,91; España: 8,71; Extremadura (a “peor” comunidade autónoma): 8,16; Noruega: 9 (case “unha décima” máis que Galiza e case tres que España, pero algo menos que Madrid); Suecia: 8,63 (só cinco décimas máis que Extremadura e por baixo de Galiza e España); México (o “peor”): 7,57; media UE: 8,73 (por baixo de Galiza e “dúas centésimas” máis que España). Resumindo, para o caso, en “competencia lectora” están por baixo de España, por exemplo, Luxemburgo, Israel, Islandia e, de novo, Suecia.
6.3. Competencia “científica”: Xapón (o “mellor”): 9,77; Castela-León (a “mellor” comunidade autónoma): 9,27; Galiza: 9,14; España: 8,86; Murcia (a “peor” comunidade autónoma): 8,55; Noruega: 8,84 (“peor” que Galiza e España); Suecia: 8,66 (tamén “peor” que Galiza e España); México (o “peor”): 7,57; media UE: 8,88 (por baixo de Galiza e case igual que España). En fin, en “competencia científica” España supera a países como Noruega, Italia, Islandia, Israel e, como non, a Suecia.
6.4. España tería globalmente un 8,64, un 8,71 e un 8,86 nas tres competencias. A que non parecen tan malos resultados como nos vende a propaganda interesada da sofistería mediática e do ministerio? Por que esa insistencia no “mal que nos vai”? . Ademais, décima máis, décima menos, España está na media da UE; Galiza un pelín por riba en dúas e igual na outra; e as “mellores” comunidades autónomas, por riba.
7. Pero se vemos os resultados por comunidades autónomas, entón damos cunha gran variabilidade (pero en ningún caso para botarse as mans á cabeza: non temos máis que ver as diferenzas que hai). Pero ao mellor o que si resulta significativo é que entre as “mellores” soen estar as do norte (Madrid, Nafarroa, Asturias, Castela León, País Vasco ... cambiando a orde, segundo a competencia); e as “peores” tamén son as mesmas (Andalucía, Extremadura, Murcia e Illes Baleares, tamén cambiando a orde, segundo a competencia medida). Hai algunha significatividade nestes datos?
8. A conclusión está clara: CO MESMO SISTEMA EDUCATIVO (non hai diferenzas lexislativas significativas entre comunidades autónomas; as leis educativas españolas son leis orgánicas) hai unha dispersión de resultados, uns bastante por riba da media da UE e outros por baixo. Hai, pois, interese en MENTIR descaradamente e en sacar conclusións DEMAGÓXICAS sobre uns resultados que nin son malos para o conxunto de España, nin son homoxéneos, nin miden o sistema educativo.
9. Faise DEMAGOXIA (e ben barata) cando se apela a PISA para xustificar as necesidades de cambios lexislativos. E máis aínda cando non se dá ningunha razón para esperar que os resultados vaian ser mellores coa nova lexislación.
Pero, ademais, habería que xustificar POR QUE INTERESA TER MELLORES RESULTADOS NUNHA PROBA CON ESES NESGOS IDEOLÓXICOS REACCIONARIOS TAN CLAROS, que responden a un modelo educativo contra o que tanto o profesorado como o alumnado nos temos manifestado e oposto reiteradamente: o modelo da lei Wert.