"Mira que te digo"

O título alude a unha das frases que José Luis Muruzábal Arlegui, o Muru, máis repetía. Era unha maneira de tomar impulso, a panca necesaria para convencer. No momento en que escoitabas "Mira que te digo" a cousa estaba xa revirada.

Foi un dos líderes da creación dos chamados sindicatos "unitarios", alternativa sindical que promovía o Partido do Traballo. Tratábase de construír, no final da ditadura, sindicatos asemblearios

Tiña seis anos máis ca min. Sen embargo, cando o coñecín persoalmente, nos últimos anos do franquismo, levaba ás súas costas un enorme caudal de experiencia acumulada, en mil batallas sindicais, cando aínda non existían máis sindicatos que o Vertical. A confianza e seguridade que lles transmitía ós seus interlocutores era máxima. Poucas persoas atopei que gozaran desa característica tan singular. E a súa fama precedíao. Era un sindicalista de raza. Forxado a si mesmo. Curtido. Teimudo, como bo navarro, firme e flexible a un tempo, na procura do acordo máis satisfactorio.

Rompeu coas CC.OO, o sindicato clandestino que pretendía colonizar o Vertical, desde dentro e desde fora. Desconfiaba da política de pacto social, de ruptura pactada, e do pensamento político que as sustentaba. E fíxoo pola esquerda. Foi un dos líderes da creación dos chamados sindicatos "unitarios", alternativa sindical que promovía o Partido do Traballo. Tratábase de construír, no final da ditadura, sindicatos asemblearios. Deste proceso naceu a CSUT(Confederación de Sindicatos Unitarios de Traballadores) e, en Galicia, a Confederación Xeral de Traballadores Galegos, a CXTG. E Muru foi o seu principal impulsor. Era unha delicia velo en acción. Para os máis mozos, os que tiñamos arredor dos 20 anos, o Navarro era unha máquina de facer sindicalismo. Así naceron o sindicato da construción, o do transporte, en asembleas masivas de traballadores, con Muruzábal de mestre de cerimonias.

En 1975, con varios compañeiros, encaramouse á cheminea máis alta e contaminante do Estado, a da Térmica das Pontes. Como dicía Manolo Lago hai un ano, o Muru, aínda segue alí...

En 1975, con varios compañeiros, encaramouse á cheminea máis alta e contaminante do Estado, a da Térmica das Pontes. Como dicía Manolo Lago hai un ano, o Muru, aínda segue alí... e seguro que, para moitas persoas que o coñeceron, o nome de Muruzábal está inscrito xa no máis alto dos seus ladrillos. Aquel acto heroico marcouno para sempre. Desde alí tivo tempo de ver un panorama desolador. Foi un desafío. Aquel xesto correu como un regueiro de pólvora polas factorías de Ferrol e de Galicia enteira. Dounos o perfil dun home recio, firme, valente como poucos, que foi quen de denunciar unha ditadura cruel ata o final, a un mes da morte de Franco. Poñía, de novo, o sindicalismo galego no centro da confrontación política, como estivera en 1972, con Amador e Daniel. 

Nunca deixou de ser un comunista, honesto, humilde, coherente, un fin de época, a dos homes que o deron todo na defensa dos traballadores, a xustiza, a democracia e as liberdades, a do sindicalismo revolucionario e transformador, asembleario, construído desde abaixo

A súa militancia política foi no Partido do Traballo. Por iso quixo envolver o seu propio cadaleito coa bandeira roxa, a fouce, o martelo, e a estrela de cinco puntas, ó son da Internacional tocada a violín, diante dos centos de persoas, de Navarra e de Galicia, que quixemos acompañalo no adeus final, porque nunca deixou de ser un comunista, honesto, humilde, coherente, un fin de época, a dos homes que o deron todo na defensa dos traballadores, a xustiza, a democracia e as liberdades, a do sindicalismo revolucionario e transformador, asembleario, construído desde abaixo, en ágora pública, polo que tanto loitou. Era un adiantado.

Coincidimos na despedida moitas das persoas que estivemos na súa homenaxe hai un ano. Probablemente a máis grande concentración de dirixentes sindicais e políticos do tardofranquismo que eu lembre. Xuntos, unidos, porque si algo representaba José Luis Muruzábal, en carne viva, era a unidade sindical e política.

Coincidimos na despedida moitas das persoas que estivemos na súa homenaxe hai un ano. Probablemente a máis grande concentración de dirixentes sindicais e políticos do tardofranquismo que eu lembre

Pero sobre todo, estabamos os seus alumnos, os que aprendiamos co seu exemplo, coa súa experiencia, os que o tivemos, durante tantos anos, como unha referencia persoal e tamén profesional, cando se fixo avogado. Ou cando decidiu promover unha asociación para a defensa das persoas afectadas por enfermidade mental na Coruña. Compromiso social a mans cheas, con total desprendemento.

Muru, mira que te digo, nun país normal, con dirixentes normais, habería rúas ou prazas co teu nome, ou chemineas Muruzábal. E persoas como ti dirixíndonos. Mentres tanto, desde o alto da Térmica das Pontes, seguirás a recibir o cariño e o agradecemento de tantos, porque fuches, ti si, dos imprescindibles.

Adeus, camarada.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.