Mongolia, imperio de area

Deserto de Gobi © Moncho Iglesias Míguez

Mongolia é un lugar que leva séculos habitado por diversas culturas e que persiste na súa idiosincrasia. Unha realidade que choca cos obxectivos nacionais de China: unha autoridade local promulgou unha norma que impón o ensino en mandarín en detrimento do mongol na rexión mongola da China

Entre tótems de pedra que enarboran bandeiras de cor azul, xamáns hipnotizados por unha mestura de vodka e espíritos errantes, cabalos salvaxes extintos no resto do mundo, templos e monxes budistas unidos nunha fe sincretista única, mandas de ovellas e iacs en pastos próximos ás casas nómades dos seus donos, crece un deserto de xentes que acubillaron imperios. Alicerce da globalización e da indignación, o seu vasto territorio faino un dos países menos densamente poboados do mundo e os coidados á súa poboación que sexa un dos menos atacados pola covid-19. Mongolia é un lugar que leva séculos habitado por diversas culturas e que persiste na súa idiosincrasia. Unha realidade que choca cos obxectivos nacionais de China, que vén por iso de provocar un conflito coincidindo coa volta dos rapaces e das rapazas á escola: unha autoridade local promulgou unha norma que impón o ensino en mandarín en detrimento do mongol na rexión mongola da China.

Mongolia, imperio de area, auga, montañas e proverbios  mantén as raíces dun pobo que se estendeu por gran parte do mundo, malia os séculos transcorridos despois dese esplendor como potencia terrestre. Dende a China do mar Amarelo ata Armenia, o imperio mongol conseguiu establecer contactos entre poboacións moi distantes e ser así pioneiro en intercambios e trazados de liñas de comunicación. Grazas a eses intercambios e viaxes conservan as leis da hospitalidade, nas que o té, fervido en leite e manteiga, e salgado, está sempre presente.

Parlamento mongol © Moncho Iglesias Míguez

Malia a enorme extensión illada do resto do mundo, este arquipélago de terra rodeado de area por todos lados, soubo exportarse noutrora e conservar, a día de hoxe, ideas e costumes que chegaron a asentar en todas as latitudes. De feito, grazas ás rutas establecidas polos mongois, o compás, o papel e a pólvora chegaron a Europa, e con eles o «hurra!», un grito de guerra propio. Foi quizais ese berro o que lles deu a fama de ariscos e que provocou que se esquecesen outras calidades que cruzaron fronteiras que logo formaron parte do seu imperio.

Malia a enorme extensión illada do resto do mundo, este arquipélago de terra rodeado de area por todos lados, soubo exportarse noutrora e conservar, a día de hoxe, ideas e costumes que chegaron a asentar en todas as latitudes

O continuo peregrinar mongol serviu para que, grazas ás conquistas e a un excelente servizo postal, se estendese o uso de mapas e calendarios,  que se creasen colexios de primaria, que se espallase o cristianismo en China e o budismo en Persia, que comezase a usarse o papel-moeda e as barallas de cartas, e que entrasen palabras como café, iogur, asasino ou algoritmo nas linguas latinas. Alén diso, Genghis Kan, icona do imperio e da memoria actual do seu pobo, logrou abolir o secuestro de mulleres, declarou a lexitimidade de calquera cativo e promulgou unha lei que prohibía a venda da muller en casamento. Mais non todo o que promulgou o imperio mongol chegou a asentar no mundo e así quedaron fóra as ideas a prol dun alfabeto universal, a aceptación da liberdade relixiosa ou a regularización da secularidade política.

Desa Mongolia globalizadora aínda quedan pegadas no país actual. Roubar animais, incluso os perdidos, segue a ser unha grande ofensa, e a caza continúa a estar regulada, o cal permite unha repartición equitativa de beneficios. Dese imperio aínda se conserva o nomadismo, que permanece como forma habitual de vida, incluso en boa parte de Ulán Bator, a capital, onde só certas luces de neon e algún centro comercial achegan o lugar a outras esferas máis propias do actual mundo globalizado.

En Ulán Bator concéntrase a metade da poboación total do país, estimada en pouco máis de tres millóns. A máis de mil metros de altura, atravesada por un río, construída coa mestura de edificios de corte comunista e enormes tendas de campaña, ghers, e rodeada de mosteiros e templos, a capital mongola renace a diario das pegadas budistas que a pariron.

Parque nacional Saikhan, Gobi sur © Moncho Iglesias Míguez

Ulán Bator naceu como berce dun mosteiro que devagar gañou fama non só pola situación estratéxica, na ruta do té, entre San Petersburgo e Pequín, senón tamén por ser a residencia de Zanabazar. Urga, tal e como se coñecía a actual capital mongola en 1639, estaba na beira do río Tuul, nun val arroupado por catro montañas, e que era o lar do Miguel Anxo asiático, Zanabazar. Este líder espiritual do budismo tibetano mongol fundou escolas de arte e innovou en campos tan diversos como a astronomía, a lingua e a medicina. Alén disto, creou o que máis tarde sería o símbolo nacional: o soyombo.

O soyombo é a insignia da independencia mongola e o emblema da nación. É o primeiro símbolo dun alfabeto xa en desuso e que combina a identidade histórica e cultural do seu pobo

O soyombo é a insignia da independencia mongola e o emblema da nación. É o primeiro símbolo dun alfabeto xa en desuso e que combina a identidade histórica e cultural do seu pobo. A lingua de lume da cabeza encarna o florecemento da súa xente no pasado, presente e futuro. O sol e a lúa, baixo o lume, representan o ceo eterno e a indestrutibilidade do país. O triángulo, cabeza de lanza, vale de protección contra o inimigo. O rectángulo fai referencia á honestidade e lealdade. O yin-yan remite a dous peixes, macho e femia, que nunca pechan os ollos e que amais diso teñen unha gran descendencia. Os rectángulos verticais son o muro que simboliza a fortaleza dun pobo unido á terra. En conxunto, o soyombo exemplifica o pobo mongol, que florecerá como o lume, brillará como o sol e a lúa, será recto como unha lanza e seguro como unha armadura, permanecerá alerta e cheo coma os peixes, e forte como un muro de ferro.

En 1990 orixináronse en Ulán Bator as manifestacións que provocaron a revolución democrática do país. A praza Skhbaatar foi o escenario dunhas manifestacións aínda presentes tanto no imaxinario da poboación como no da propia cidade

Até chegar ao nome actual, que significa heroe vermello, en honor a Sukhe Bator, que logrou vencer ao exército chinés, a capital mongola mudou de nome e de localización en máis de vinte ocasións. A comezos do século xx, nesta cidade de mosteiros mesturábanse as casas de estilo chinés coas rusas, que pouco a pouco foron dominando a urbe. A instauración do socialismo e o financiamento soviético provocou un cambio importante na arquitectura, mais tamén na vida social e cultural, pois chegou o ferrocarril, abríronse novos museos, cines e teatros, e destruíronse os símbolos relixiosos, revitalizados a partir da década de 1990.

En 1990 orixináronse en Ulán Bator as manifestacións que provocaron a revolución democrática do país. A praza Skhbaatar foi o escenario dunhas manifestacións aínda presentes tanto no imaxinario da poboación como no da propia cidade. No centro da praza sitúase a estatua de Damdin Skhbaatar, no lugar exacto onde ouriñara o seu cabalo, en 1921, durante unha reunión do exército vermello. Na beira sur está a avenida da Paz, que atravesa a urbe, e na norte o edificio do parlamento mongol, cunha gran estatua de Gengis Khan na parte superior da escaleira de entrada.

Ovoo, ofrenda © Moncho Iglesias Míguez

A area do deserto confúndese co pasto das estepas e as imaxes de Gengis Khan mestúranse con ovoos; o takhi, a última especie de cabalo salvaxe no mundo, pódese ver preto de iacs, e a poboación nómade enseguida muda de fogar e ten os seus adolescentes a estudar na cidade

Na Mongolia de 1990 convocáronse as primeiras eleccións democráticas e comezou un período de revitalización das súas tradicións. Os mosteiros volveron encherse de monxes e os que quedaran desfeitos reconstruíronse, como o de Ganda, no que hai unha estatua de 25 metros dun budista iluminado, ou o de Amarbayasgalant, onde está a estatua pedestre de Buda máis alta de Asia, con case 25 metros de altura. Neses anos finais do século xx reapareceu o xamanismo como culto e nos cruces de camiños plantáronse ovoos. Estes son túmulos feitos de paus e pedras que adoitan colocarse nos pasos entre camiños e nas montañas e onde se acumulan ofrendas en forma de doces, cartos, leite ou vodka.

Mongolia repítese a si mesma na súa vasta extensión. A area do deserto confúndese co pasto das estepas e as imaxes de Gengis Khan mestúranse con ovoos; o takhi, a última especie de cabalo salvaxe no mundo, pódese ver preto de iacs, e a poboación nómade enseguida muda de fogar e ten os seus adolescentes a estudar na cidade. Esta, a cidade, adoita ser unha rúa ampla de voaxa ao redor da cal hai un banco, un colexio, un parque e máis dunha tenda de ultramarinos e de comidas.

Karakorum, ás beiras do río Orjón, é a antiga capital do imperio mongol, e o lugar dende onde Gengis Khan invadiu China. Centro comercial e cultural, de visita obrigada para os comerciantes da ruta da seda, entre a area da urbe aínda se aprecia a cerámica e a identidade nacional. Por iso, en Karakorum celébrase o festival máis importante do país: o Naadam. Esta é a festa por excelencia, na que se mesturan carreiras de cabalos con probas de tiro con arco e competicións de loita. Este ano, por mor da covid-19 só un número limitado de persoas puideron presenciar o evento, que conta con 800 anos de historia.

Karakorum, ás beiras do río Orjón, é a antiga capital do imperio mongol, e o lugar dende onde Gengis Khan invadiu China

Igual que o Orjón, os outros ríos e mais os lagos representan a vida e son frecuentes as ofrendas neles. Familias enteiras congréganse con pratos de arroz e cuncas de alcohol para entregalas á pureza das correntes, para pescar ou para pasear e patinar cando as augas se conxelan. Porque o nomadismo mongol permite que as andainas sexan tamén parte dos seus quefaceres e, dependendo da zona, unha montaña, un río ou o amplo deserto poden ser camiños para calquera descanso.

Dunas en Mongolia © Moncho Iglesias Míguez

O deserto do Gobi, famoso por albergar os fósiles dos primeiros ovos de dinosauro, ocupa un 30% do total do país. Entre dunas que se esquecen no medio de estepas e mesetas, representa un imperio en si mesmo

O deserto do Gobi, famoso por albergar os fósiles dos primeiros ovos de dinosauro, ocupa un 30% do total do país. Entre dunas que se esquecen no medio de estepas e mesetas, representa un imperio en si mesmo. É un novo conquistador que avanza por terras ceibes que estenden o seu dominio até a China e traspasan así esa fronteira que fixo a natureza e que ela mesma trata de derrubar.

Mongolia segue a ser un país tolerante espallado polo mundo, unha nación descansada que viaxa máis alá do seu territorio grazas á curiosidade por explorar. Unha combinación de estados naturais no que o xamanismo aínda é un costume arraigado e un xeito de comunicación habitual entre o ceo e o universo predestinados a toparse. De contrastes extremos mínimos, a beleza dun espazo e un tempo contrapostos son os atractivos desta grande aldea de pobos fosilizada en si mesma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.