Monte Medulio, mito e realidade

Grazas ás inescusables fontes narrativas  podemos dar por probados os feitos que deron celebridade á xesta do Monte Medulio, no contexto das chamadas “guerras cántabras” (29-19 a. C.), na fase final de conquista do territorio noroccidental

Grazas ás inescusables fontes narrativas  podemos dar por probados os feitos que deron celebridade á xesta do Monte Medulio, no contexto das chamadas “guerras cántabras” (29-19 a. C.), na fase final de conquista do territorio noroccidental que logo, no século III  d. C, dará lugar á provincia romana de Gallaecia. Estamos a falar das crónicas romanas de Lucio Floro (séculos I-II d. C.), nacido en Turquía, de Dión Casio (séculos II-III d. C.), nacido en Túnez, e Paulo Orosio (século IV-V d. C.), nacido en Braga , o mellor coñecedor da xeografía da antiga Gallaecia. Independentemente do tempo transcorrido, Floro e Orosio seguen no tema que nos ocupa, sen contradicións entre eles, os libros perdidos -contemporáneos da invasión imperial da antiga Gallaecia- das Décadas de Tito Livio (séculos I a. C-I d. C.) que chegara co seu relato ata trece anos despois dos feitos que estamos a analizar. Nacido e morto en Padua, corenta e un anos despois do fito do Medulio, Tito Livio debeu dispoñer de testemuños directos, probablemente militares das “guerras cántabras”.

O primeiro emperador romano, Octavio César Augusto, iniciara o seu longo reinado enviando, baixo a súa dirección persoal, tres columnas contra as belicosas tribos montañesas do NO peninsular, os “pueblos más fuertes de Hispania” -diranos Orosio- galaicos, cántabros e astures, que “forman una parte de la provincia de Gallaecia” (no tempo de Orosio): “Augusto puso su campamento en Segisama [Burgos], y con tres columnas trató de envolver casi toda la Cantabria” ,  ofensiva á que se sumou de seguido unha escuadra con tropas vindas de Aquitania. A guerra unha década, desprazándose paseniñamente na cornixa cantábrica do Leste ó  Oeste , conforme se suceden as batallas e van alcanzando as tropas romanas vitorias contra cántabros, astures e galaicos, por esta orde:  Vellica, Monte Vindio, Aracillum, Lancia e á fin -no ano 22 a. C. -  Monte Medulio. O proceso foi lento porque a resistencia indíxena foi efectiva, feroz e prolongada, obrigando a Roma a desprazar varias tropas e instalar campamentos estables : o desenlace político-militar terá lugar ó cabo no Monte Medulio.

O proceso foi lento porque a resistencia indíxena foi efectiva, feroz e prolongada, obrigando a Roma a desprazar varias tropas e instalar campamentos estables : o desenlace político-militar terá lugar ó cabo no Monte Medulio

O relato de Paulo Orosio considérase o máis próximo ós feitos, a través da fonte contemporánea de Tito Livio:  “los legados Antistio y Firmio sometieron, después de largos y duros combates, las regiones más extremas de Gallaecia, que plagadas de montes y de selvas, se internan en el Océano. Pues tuvieron que poner cerco al monte Medulio, que se levanta proyectándose sobre el Miño [Minio flumini inminentem], en el cual se habían refugiado una gran multitud de hombres; el cerco consistió en un foso de quince mil pasos, parte de otras operaciones de sitio... comprendieron que, ni eran capaces de aguantar el cerco, ni de atacar al enemigo por medio de la lucha, se decidieron al suicidio por miedo a caer en la servidumbre... se quitaron la vida por el fuego, el hierro y el veneno” (Historia 6, 21, 6), como en Numancia . Tamén é a fonte más clara á hora de situar o Medulio ,  preto do río Miño, nas partes máis occidental e atlántica do que, no tempo de Orosio, é Gallaecia, é dicir, a Galicia lucense e bracarense. 

Evidenciase con todo en Osorio o prexuízo da elite romana cara ós bárbaros e “crueis” montañeses (“por naturaleza torvas y feroces”), aínda que tenta comprender coa razón a súa falta de opcións ante a superioridade militar romana. Floro tamén os alcuma como “gente salvaje” e conta algo parecido (tiraban da mesma fonte coetánea): “tuvo lugar por último el asedio del monte Medulo... avanzaron los romanos por todas partes a un mismo tiempo, y aquellos bárbaros, al ver llegado el fin de su resistencia, a porfia se dan la muerte con el fuego y con el hierro, en medio de una comida, con un veneno que allí se extrae comúnmente del tejo , librándose así la mayor parte de la esclavitud que a una gente hasta entonces indómita parece más intolerable que la muerte” (Epítome 2, 33, 46). Dión Casio, menos sabido, fai referencia ós tres xeitos de suicidarse, atribuíndoos xenericamente ós cántabros, en tan innobre derrota, sen dicir que tivera lugar no Monte Medulio: “no se cogieron muchos prisioneros... de modo que la mayor y más belicosa parte de ellos pereció”  (Historia 54, 5, 1). Xeito de heroísmo ou martirio, segundo se mire, que tivera un século antes o seu precedente como sabemos en Numancia .

Dada a inferioridade militar na que tanto insisten as fontes, os celto-castrexos do Medulio escolleron en realidade entre dúas formas de morrer . A represión dos romanos contra as tribos rebeldes setentrionais fora, de costume, cruel e sistemática

Roma puido xa que logo controlar manu militari a Gallaecia atlántica. A batalla do Medulio foi decisiva para completar a campaña iniciada sete anos antes, que terá no ano 19 a. C. un epílogo sanguento protagonizado polos cántabros en solitario. Informa Dión Casio : “hechos prisioneros en la guerra y vendidos como esclavos, asesinaron a sus dueños y se fueron a sus casas, convenciendo a muchos, tomaron y fortificaron unas posiciones y se prepararon a asaltar las guarniciones romanas”. A resistencia rematou cando o xeneral Agripa “exterminó a todos los enemigos de edad militar” (Historia 56, 43, 3). Dándolle a razón ós galegos que non quixeran renderse no Medulio.
Dada a inferioridade militar na que tanto insisten as fontes, os celto-castrexos do Medulio escolleron en realidade entre dúas formas de morrer . A represión dos romanos contra as tribos rebeldes setentrionais fora, de costume, cruel e sistemática. A derradeira revolta dos cántabros no ano 19 a. C., que porá fin á longa campaña do emperador Cesar Augusto polo control completo da Península Ibérica, remata con prisioneiros axustizados, crucificados, castros destruídos e queimados e deportación masiva dos que non se suicidaron .

De xeito xenérico Estrabón describe como nas “guerras cántabras”: “las madres mataron a sus hijos para que no fueran hechos prisioneros; un niño, apoderándose de una espada, dió muerte a sus parientes y hermanos, cautivos y encadenados, por orden de su padre; una mujer hizo lo mismo con sus compañeros de esclavitud. Otro... se arrojó a una hoguera” e termina, deixando claro que era heroísmo non martirio: “capturados unos cuantos y crucificados, entonaron el canto de la victoria” (Xeografía 3, 4 17-18) . As elites romanas o entendían malamente, vían nese comportamento á barbarie primitiva, tampouco nós dende a mentalidade racionalista de modernidade. Cómpre procurar as respostas na mentalidade e relixións indíxenas, con humildade antropolóxica .

A conexión céltica pode axudarmos: os guerreiros non temen á morte, “por su altísima estima del prestigio personal”, status e posición social, “fueran cuales fueran las previsibles consecuencias”. Gustaban soterrar cerca deles os seus nenos, mulleres e vellos. Crían, a diferencia de gregos e romanos, nun máis alá luminoso, soleado, de xeito que a morte viña sendo a metade do camiño dunha longa vida. Xustamente, un rito de tránsito ó alén é coma o banquete preparatorio que celebran os galaicos do Medulio antes de se dar morte uns a outros , interpretado con prexuízo por mentes máis actuais como a maneira de encherse de valor bebendo alcohol mediante (cervexa conforme Estrabón).

Como se transmitiu a xesta do Medulio nos séculos que seguiron á conquista romana? Tratándose dun feito traumático que inicia unha nova época histórica,  de seguro que se difundiu oralmente na Galicia romana , cando menos entre os séculos I a. C e I d. C., tanto nos castros como a través dos solados e oficiais romanos, paralelamente á elaboración por parte de Tito Livio da súa historia, hoxe perdida, que recolleron Floro e Orosio. Tradición culta que informará durante os séculos medievais e modernos a autores que reiterarán sen grandes cambios o que din as fontes romanas, especulando de xeito interminable e inútil -ata o día de hoxe- sobre a localización xeográfica do Monte Medulio , alén das indicacións bastantes precisas de Orosio sobre o seu emprazamento na Gallaecia atlántica, preto do río Miño .

No século XIII o fito do Medulio foi recollido na Primera Crónica General afonsina , a partir da Historiæ adversus paganos (416-417) de Paulo Orosio

No século XIII o fito do Medulio foi recollido na Primera Crónica General afonsina , a partir da Historiæ adversus paganos (416-417) de Paulo Orosio. Afonso X, co seu taller, contan como César Augusto enviou ós “mandaderos”, Antistio e Firmio, “a las postremeras tierras de Gallizia que es el cabo de Espanna o se acaban las Espannas en el grand mar Occeano; e los gallegos non se quisieron dar al Cesar... uencieron  aquellos mandaderos de Octauiano a los de Gallizia. E desque los gallegos fueron uençudos,   alçaronse en un monte que auie nombre Medulio, et parece del el rio Minno”. Contan os cronistas que os mandadeiros imperiais fixeran unha gran fosa “que dize Orosio que tenie quaraenta et cinco ueces mil passos” (tres veces máis do que escribiu realmente Orosio). E logo enfrontados á derrota, e non poder soportaren a servidume, matáronse “ellos mismos por su uoluntad”.

A mesma versión, fiel ás fontes romanas, repítese na Idade Moderna. O historiador xesuíta Gabriel Henao (Averiguaciones de las antigüedades de Cantabria, 1689), a finais do século XVII, reproduce literalmente o que di a Crónica General, contradicindo a identificación afonsina do Medulio con Mondoñedo xa que o Miño era “rio muy apartado de Mondoñedo; y la principal seña, que del Medulio nos ha quedado, es el Miño”. Insistindo Henao: “El Medulio, que expresamente dizo Paulo Orosio,  estaba sobre el rio Miño, y los que se acogieron a él eran de las interiores partes de Galicia”. Nega polo mesmo a identificación de Medulio coas Médulas do Bierzo ou Menduria en Guipúzcoa. Contra os que dicían que o Medulio estaba en Cantabria en lugar de en Galicia ou que os sitiados non eran galegos senón cántabros, cita Henao tamén a Marco Mesala Corvino (59 a. C.-9 d. C), coetáneo de Tito Livio  e  biógrafo do emperador Octavio, aseverando que “los Celtíberos, Cantabros, Asturianos, Lusitanos, Numancia, y toda Galicia doblegaron la cerviz”. Conclúe o profesor salmantino: “siendo parte de la guerra en Cantabria, parte en Galicia”. O que vén a confirmar a Orosio: “Quien distribuye en tres partes la guerra de Augusto, una pone en Cantabria, otra en Galicia, otra en Asturias, sin que sus palabras dexen el menor resquicio à duda alguna”. Mal sabía Henao que,  tres séculos despois, séguense procurando grechas ó protagonismo dos habitantes do territorio, que logo será Galicia, na resistencia indíxena contra a ocupación romana da parte setentrional de Península Ibérica.

Ningún outro autor dedicou tanta atención á cuestión do Medulio como Gabriel Henao, antes ou despois, a referencia histórica é Paulo Orosio -e por tanto Tito Livio- salvo no relativo á atribución local do famoso monte, suxeita á especulación (cada historiador ou escritor tiña a unha proposta). En 1733, Francisco de la Huerta y Vega (Anales del Reyno de Galicia) secunda a Henao, asegurando que “no haviendo conocido toda la Antiguedad otro Monte con el nombre de Medulio, mas que este de Galicia”. Sitúa iso si o Medulio na Limia, onde di que se retira San Paulino no ano 390 en loita contra os bispos priscilianistas, fundando “en su Desierto del Monte Medulio”, un mosteiro “aunque no ay noticia espressa de ello”, recoñece  honestamente. Primeira mitificación xa que logo do Monte Medulio, de tipo relixioso que semella non ter seguimento posterior.

No século XIX, coas primeiras historias de Galicia do Rexurdimento vaise construíndo a mitificación do Medulio en clave identitaria.

No século XIX, coas primeiras historias de Galicia do Rexurdimento vaise construíndo a mitificación do Medulio en clave identitaria. En 1849, Leopoldo Martínez Padín (Historia política, religiosa y descriptiva de Galicia), cualifica a xesta do Medulio como o máis “sublime del heroísmo y el amor a la independencia”  respecto do Imperio romano, nunha actitude compartidas por todos os pobos do Norte e Noroeste peninsulares. Inspirado nas fontes romanas, Padín narra de maneira farto florida a defensa e a morte heroicamente autoinflinxida do galegos do Medulio “para todos los que era insufrible el yugo de una nación estrangera” . Resumindo: “fue el último sacudimiento que hizo en su agonia la envidiada libertad é independencia de nuestra patria... los romanos recorrieron despues de esta jornada todo el territorio de Galicia sin obstaculo ni entorpecimiento” . A submisión  pola forza das armas das tribos celto-castrexas no Imperio de Roma interprétase agora como a perda de independencia dunha ‘patria’ perante unha ‘nación estranxeira’, tal como podían entenderse eses conceptos políticos no século XIX. Nace entón o mito galeguista do Monte Medulio. A conquista romana do Noroeste peninsular é, dende logo,  parte crucial da historia antiga de Galicia: a obriga do historiador cabal é situala no seu contexto histórico, sen anacronismos. Compartimos daquela coas restantes comunidades indíxenas do Norte peninsular un pasado común  de loita contra o Imperio de Roma, que constituíu tres séculos despois con todas elas a nova provincia romana de Gallaecia, xeneralizando a todo o Noroeste o nome da tribo dos gallaeci.

Como é sabido, na segunda metade do século XIX, defínese con máis intensidade o discurso histórico do nacionalismo galego da man de Benito Vicetto e Manuel Murguía. No caso do Medulio  conta máis o segundo que o primeiro, ó contrario do que acontece con outros fitos da historia de Galicia idealizados pola historiografía romántica. En 1866, tanto Murguía como Vicetto publican os segundos tomos das súas respectivas Historias de Galicia, as primeiras dunha longa lista, onde se concede certa atención o episodio do Monte Medulio, beneficiado a maiores polo carácter tradicional dunha historia decimononica centrada nos grandes acontecementos e batallas.

A confusión entre pasado e presente xoga a Benito Vicetto unha mala pasada, cualifica de “cobardía”  e “ignomia” ó suicidio colectivo do Medulio

A confusión entre pasado e presente xoga a Benito Vicetto unha mala pasada, cualifica de “cobardía”  e “ignomia” ó suicidio colectivo do Medulio, que coñece directamente por Floro e Orosio, coidando que os defensores deberían “renderse con tal de vivir, ó morir matando à quien los quería esclavizar”, pola contra “se suicidaron pasivamente” (Historia de Galicia, tomo II). Quere convencernos que “esto soprendió a los romanos; pero no como un hecho heróico... sino por la estremada cobardia del mismo hecho” . Non foi tan así, pese ós seus prexuízos, os romanos tiñan un certo coñecemento dos pobos “bárbaros” (que nos legaron), tamén certo respecto pola súa valentía e costumes, ó contrario que Vicetto. Chegou a escribir o ferrolán que “hay máis valor  en soportar la vida de esclavo, que en matarse”. Acepta certamente que para eles era heroicidade o que nós podemos hoxe considerar covardía, pero nega temeraria e inxustamente que o historiador deba contextualizar a historia: “no podemos ni debemos juzgarlos con su criterio, ó sea el criterio de la humanidad incivil, sinó con el criterio de la humanidad civilizada por Jesucristo” .

Vicetto non só xulga o pasado cos (seus) criterios de presente,  que parten sobre todo da súa experiencia vital como soldado voluntario na primeira guerra carlista e o seu liberalismo apaixonado. Pon de exemplo a xesta dos militares sublevados, vinte anos antes, na Revolución de 1846. “Cuando la revolución de Galicia” -escribe- o coronel Solís pechouse cos seus oficiais e soldados no Mosteiro de San Martín Pinario; defendéronse mentres tiveron pólvora, decontado “Solís y los suyos se rindieron porque ya no podían hacer mas... y al rendirse fueron fusilados los gefes” (na vila de  Carral). Vicetto os prefire mártires  antes que heroes. Remata deste xeito a súa disquisición sobre os defensores do Medulio: “no arrojemos al viento de nuestros dias las cenizas de los cobardes de ayer” . Non é, dende logo, das súas mellores páxinas como historiador.

‘Patria’, ‘independencia’ e ‘país’ que no existían, obviamente, como conceptos políticos no século I a. C . A partir de Murguía, a fazaña do Medulio entra no imaxinario mítico do noso nacionalismo contemporáneo

En cambio, Manuel Murguía (Historia de Galicia, tomo II, ed. fasc., vol. IV) interpreta a fazaña do Monte Medulio avaliando o punto de vista dos protagonistas no que concirne ó seu final: “así escaparon todos a la odiosa esclavitud, mil veces más aborrecible que la muerte” ; aínda tratando de “ceguedad”  que se refuxiaran nun alto monte para se mellor defender ante unha forza militarmente superior (algo que forá habitual nas “guerras cántabras”). Segue mellor que ninguén -despois de Henao, a quen non cita- a liña historiográfica mellor documentada e argumentada sobre os feitos e reivindica a galeguidade do Medulio , maila participación dos galaicos na guerra contra o invasor: “los últimos pueblos sometidos fueron los gallegos” . Cualificando a gran fazaña como “heróico sacrificio”, “glorioso sacrificio”, “heróica acción”, “digno de admiración”, “signo de valor y de entereza”, “indómito coraje”; mitificando “el monte que había sido testigo del ínclito valor de nuestros padres”. O que o sitúa nas mellores condicións para vindicar o fito celta do Medulio dentro dunha Historia de Galicia que principiaba a súa construción. Utiliza deste xeito Murguía a súa autoridade, seguindo a Padín, para interpretar a xesta épica do Medulio como parte esencial do novo discurso protonacionalista: “este terrible sacrificio, hecho por la libertad de la patria... hizo desde entonces célebre el nombre del monte en que tuvo lugar y el del país en que se había llevado a cabo” . Da guerra contra César Augusto dinos o historiador coruñés: “la última que sostuvo nuestra patria por su independencia”. ‘Patria’, ‘independencia’ e ‘país’ que no existían, obviamente, como conceptos políticos no século I a. C . A partir de Murguía, a fazaña do Medulio entra no imaxinario mítico do noso nacionalismo contemporáneo.

A finais do século XIX atopamos espallado en prensa e romances o feito do Medulio tanto na versión heroes como na versión mártires, que tenden a fundirse.  Durante a guerra de Cuba (1895-1898) na prensa galega a bravura dos galegos considerábase demostrada en episodios épicos como o Monte Medulio,  contra os romanos, ou a batalla de Ponte Sampaio, contra os franceses . Entre Valdeorras e O Bierzo foi recollido e publicado tamén un romance, en 1894, sobre o Medulio: “E poi o Romao / a mórrernos veu.../ queidaron os homes / toitiños mortos / E nostras mulleres / e as nostras fillas.../tooiñas cautivas”. De orixe culto e fontes romanas  temos xa que logo unha tradición oral que subliña o martirio do Medulio. Non será en calquera caso ata o século XX, a partir da fundación en 1916 das Irmandades da Fala como proxecto político-cultural, da man de Antón Villar Ponte, cando tomen corpo as ideas Murguía de fusionar o fito do Medulio co discurso galeguista.

A mitificación nacionalista do fito do Medulio entre o heroísmo  e o martirio, segundo corresponda, ten unha parte de esaxeración e outra de deformación, menos desculpable, que supón atribuírlle ós feitos calidades fóra do seu tempo, para xustificarmos o feito historicamente diferencial de Galicia

En 1917, Ramón Cabanillas en Da terra asoballada  exalta ó sacrificio heroico do Medulio como base para unha libre determinación de Galicia:  “¡O día do Medulio / con sangue quente e roxa / mercámo-lo dereito / á libre, honrada chouza!”; tamén como exemplo combativo a seguir: “Antes de ser escravos, /¡irmáns, irmáns gallegos!/ que corra a sangre a regos /dende a montana ó val” (himno feito para o movemento agrarista). En 1927, Ramón Villar Ponte, co-fundador das Irmandades da Fala, logo de mencionar a Orosio, lembra na súa Historia sintética de Galicia que os do Medulio preferiron “a morte á escravitude”, avaliando o suicidio colectivo como “un ergueiro e digno coroamento â xurdía valentía con que viñeran defendendo a independenza patria”. En 1928, noutra historia de Galicia tamén destinada á divulgación (Compendio de Historia General de Galicia) se fala do Medulio, con esaxeración, como o “sepulcro de nuestra independencia, cuya acción fué, sin duda, la que más ha influído en la  existencia de la nacionalidad gallega” . Engadindo: “colosal epopeya, que termina con el suicidio heroíco de los desventurados hijos de Galicia, los cuales enseñaron al resto de la humanidad, cómo se lucha por la libertad de la patria, prefiriendo la muerte a la esclavitud” . En 1937, Afonso Rodríguez Castelao escribe con retranca, dende o territorio controlado polo Goberno da República,  ó comezo de Sempre en Galiza: “¡Qué importa que unha grea de celtas galegos preferise morrer no Monte Medulio a deixarse domeñar pol-o poderío de Roma!”. Coa guerra civil e as novas que chegaban sobre os asasinatos de inocentes en Galicia, que Castelao inmortalizou nas estampas de Galicia Mártir, a reivindicación nacionalista do Medulio fai máis énfase no martirio . Igualmente dende Barcelona, Castelao escrebe nº 1 de Nova Galiza un artigo propoñendo un novo escudo de Galicia onde o cáliz eucarístico fora substituído por unha fouce e una estrela, co seguinte lema ó redor: “Denantes mortos que escravos”, inspirado na citada poesía agrarista inspirada na xesta do Medulio de Cabanillas . A derrota republicana da guerra civil favoreceu unha lectura máis fatalista que combativa da fazaña do Medulio que durou toda a longa noite de pedra.

Hoxe en día, o tema do Medulio desapareceu practicamente dos manuais de Historia de Galicia, nun movemento pendular que non axuda a comprendermos a nosa historia. Tratase en verdade dun episodio importante para entendermos a conquista romana

A mitificación nacionalista do fito do Medulio entre o heroísmo  e o martirio, segundo corresponda, ten unha parte de esaxeración e outra de deformación, menos desculpable, que supón atribuírlle ós feitos calidades fóra do seu tempo, para xustificarmos o feito historicamente diferencial de Galicia. Hoxe en día, o tema do Medulio desapareceu practicamente dos manuais de Historia de Galicia, nun movemento pendular que non axuda a comprendermos a nosa historia. Tratase en verdade dun episodio importante para entendermos a conquista romana  dende un punto de vista político-militar, así como as mentalidades propias da sociedade celto-castrexa, aspectos esenciais para unha historia integral da Gallaecia antiga, prehistoria dunha Galicia que non se constitúe en nacionalidade ata a Idade Media.

 

*Parte da revisión en curso do vello artigo “Mitos de la historiografía galleguista”, Manuscrits. Revista d’història moderna, nº 12, Barcelona, 1994, pp. 245-266 (http://www.h-debate.com/wp-content/old-debates/cbarros/spanish/mitos.htm).

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.