Morte lenta dun edificio

Antigo cárcere na Rúa do Progreso, en Ourense © Google

Hai edificios con bagaxe histórica e/ou arquitectónica -moita, certa ou escasa, tanto ten- que, deshumanizados, acaban morrendo coma plantas. Son, en rigor, construcións que por vontade política -motivada normalmente por un interese privado- ou como consecuencia da neglixencia se deixan morrer. É o caso do vello cárcere da rúa do Progreso, en Ourense. Qué biblioteca daba se a administración quixese!

Unha prisión é cousa que sobra en todas as vidas e lugares. Cousa da literatura, por exemplo. Da beira mesma da prisión o tempo e a neglixencia adherida coma carrachas ás sucesivas administracións levou a chamada Escola Normal de Mestras, a Casa do Pobo e o edificio do antigo Colexio Universitario. Mais sobre a vella prisión provincial de Ourense, construída no primeiro cuarto do século XIX, só proxecto do XVIII de Ferro Caaveiro, e abandonada en 1987, pasou en 2001 o proxecto dun hotel balneario que mirou o edificio cos ollos do beneficio privado e non valeu nin para tirarlle a herba que xa daquela lle enchía as engurras. 

Véñenme recordos con isto, saberán desculpar. Un garda enche a garita de verde e negro, ben á vista o tricornio e a punta da metralladora. Os compañeiros, tamén cargados de ferro, pasean pola beirarrúa co ollar revirado contra as camperas coas que petardeabamos a mantenta, de madrugada e do outro lado da rúa, contra o chan lousado, se cadra por lles dar a réplica a aqueles instrumentos da morte aos que se abrazaban. A falta doutros capitais, por aquí sempre fomos excentes en metáforas. Non é difícil pois imaxinármonos como país cercados polos muros do vello cárcere de Ourense, coma unha xoia inexplorada no medio da mediocridade que a ignora. 

O alcalde atleta de Ourense, no percurso da ruta que trazou para o propio lucimento, acaba de dicir que non ve clara a inversión, acordada por corporacións anteriores, para reformar a Praza de Abastos, outro edificio insigne. Apóianse, os del, no PP local para ocultar a exposición pública dos cambios no novo Plan Xeral (plan que Democracia Ourensana impugnou non hai moito no xulgado). Escacha así Jácome un ovo na testa desoutro predio histórico. Non faltará nun logo ben próximo unha mente de vocación empresarial -o empresario atleta: hainos suxeitos a todas as afeccións e amizades- que o vexa óptimo para outro hotel ou balneario que engorde máis o seu papo cheo. Iso ou a morte lenta das plantas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.