'Mortes con argumento'. Ou as voces que falan pola terra

Mortes con argumento (Henrique Dacosta, Belagua 2025) © Belagua

Mortes con argumento é un thriller policial ambientado en Ferrolterra que arrinca coa aparición de dous cadáveres e, a partir de aí, vai tecendo unha trama de suspense na que os personaxes e as súas relacións van revelando de fondo un ambiente cada vez más enrarecido

Mortes con argumento é un thriller policial ambientado en Ferrolterra que arrinca coa aparición de dous cadáveres e, a partir de aí, vai tecendo unha trama de suspense na que os personaxes e as súas relacións van revelando de fondo un ambiente cada vez más enrarecido. A novela apóiase en escenarios recoñecíbeis da comarca, como os arredores de Pena Molexa, onde aparecen polo medio os consabidos parques eólicos e a obra recupera a toponimia e a memoria oral do entorno. Ten, aparentemente, a intención de cuestionar a idea dunha verdade única, absoluta; o que suxire unha historia, ou unha serie de historias, na que as aparencias, as versións e as interpretacións teñen un peso decisivo. E tamén, onde nada remata sendo o que parece, cousa que nesta época de verdades dislocadas e mentiras constantes, adquire un carácter relevante. 

A novela ten algúns aspectos que non encaixan nas consabidas policiais convencionais, e outros tópicos desas mesmas novelas non están totalmente desenvolvidos en Mortes con argumento, o que a convirte nunha proposta diferente de seu.

Henrique Dacosta © AELG

En Galicia, a novela negra ten unha pegada transcendente e está cinguida ao territorio, á paisaxe e ao mundo rural ou mariño, xa que non se podería entender doutro xeito cunha xeografía que se impón á simple ollada. Só que, aínda, non hai, autores ou autoras galegas que escriban xénero policial cun fondo ecoloxista claro, polo que esta novela sería das primeira que acomete unha temática con estas características

É a novela de Henrique Dacosta unha obra que fale de crimes sexuais, rituais, asasinos seriais e dedícase o autor a botar sangue por riba do papel até nos dar nos fouciños? Non, non é así. Porque a novela de Henrique Dacosta é unha novela coma nós, semellante a nós, saída de nós. Até poderíamos recoñecérmonos nela. E aquí, no país, os asasinatos rituais e os asasinos en serie, non é que abonden, agás nas altas esferas da política, nas que se mata con outros «argumentos» e as armas do austericidio, que sempre fican anónimas e impunes.

Henrique Dacosta, profesor de Lingua e Literatura Galega, é escritor, articulista, ensaísta, con varios premios no peto, leva publicadas, ademais de Mortes con argumento (Belagua, 2025), varias novelas: Mar para todo o sempre (Laiovento, 1992); Os desherdados (Edicións Embora, 2006); O prezo da tentación (Edicións Embora, 2008); Entrada ao xardín do saber (Redelibros, 2014); O día que ao Carlos lle fora mal (Muíño do Vento, 2018); A Rota do Oeste (Edicións Embora, 2019); Illas a sotavento (Xerais, 2019). Varios libros de relato curto, ensaio e una chea de participacións en obras colectivas cun sólido manexo da lingua e da escrita que lle permite xogar cos xéneros e afrontar novos desafíos.

Xa que logo, a novela de Henrique Dacosta situaríase nunha liña de policial contemporáneo, próxima ás historias nas que o crime non aparece illado, senón vencellado ao territorio, á paisaxe e aos conflitos humanos e ambientais que o rodean

En Galicia, a novela negra ten unha pegada transcendente e está cinguida ao territorio, á paisaxe e ao mundo rural ou mariño, xa que non se podería entender doutro xeito cunha xeografía que se impón á simple ollada. Só que, aínda, non hai, que saibamos, autores ou autoras galegas que escriban xénero policial cun fondo ecoloxista claro, polo que esta novela de Henrique Dacosta, sería das primeira que acomete unha temática con estas características. Unha das primeiras novelas policiais galegas que incorpora unha sensibilidade ecolóxica, ao situar a trama en relación cun parque eólico nos arredores de Pena Molexa e ao vincular o crime con conflitos que tocan o medio natural e a transformación forzada do territorio, que resulta nun xerador continuo de loitas pola defensa da terra.

O xénero noir en Galicia está representado por autores como Carlos Reigosa, Domingo Villar, Manel Loureiro, David Lema, Pedro Feijoo, Diego Ameixeiras, Susana Fortes, Ángela Banzas, Arantza Portabales e outrxs, que fan parte desta onda noir galega.

No ámbito internacional, atopamos á francesa, Fred Vargas (París, 1957), unha autora moi recoñecida dentro do noir europeo que podería encaixar se queremos falar dunha novela policial con preocupación social e ambiental, aínda que non sempre, en sentido estrito, ecoloxista. E temos a Rosa Rivas (Barcelona, 1963) e a Claudia Piñeiro (Burzaco, Gran Bos Aires, 1960), que son boas referencias se o que queremos é destacar o uso do xénero, do xeito mesmo e co sentido co que foi creado, para tratar conflitos sociais máis amplos, incluíndo o impacto do contexto e do territorio sobre as tramas, facendo pesar na propia obra a incidencia dos mundos nos que transcorre.

Mortes con argumento (Henrique Dacosta, Belagua 2025) © Belagua

Xa que logo, a novela de Henrique Dacosta situaríase nunha liña de policial contemporáneo, próxima ás historias nas que o crime non aparece illado, senón vencellado ao territorio, á paisaxe e aos conflitos humanos e ambientais que o rodean. Mortes con argumento entronca cun tipo de novela negra que non só investiga crimes, senón que tamén mira pola terra, a memoria local e os conflitos que afectan o mundo que habitamos, con sensibilidade ecolóxica ou territorial, cunha ollada incluínte da rexión e do tempo no que vivimos. 

Cunha fina sensibilidade ecolóxica, combina a intriga criminal e unha mirada moi marcada pola defensa da fauna, a crítica da violencia humana sobre a natureza en xeral, para favorecer o xurdimento dunha outra reflexión social máis fonda que engada ao noir ou o policial, ou como o chamemos, unha conciencia do mundo que resulta a estas alturas máis imprescindíbel ca nunca

Porén, ao facer a voo de paxaro unha ollada polo xénero aquí e aló, eu atopo as semellanzas máis interesantes do traballo de Henrique Dacosta (por certo, Ferrol, 1964) coa novela Sobre los huesos de los muertos (non está, que saibamos, traducida ao galego) de Olga Tokarczuk (Sulechov, Polonia, 1962), a Premio Nobel de Literatura de 2018. Talvez porque a novela de Olga Tokarczuk tamén está feita á escala real, á medida da súa xente, da súa entorna, da súa realidade, como a de Henrique. Porque non se limita ao enigma criminal entrando nun xogo de supostos para colocar ao lectorado nun xogo con pautas, senón que introduce unha lectura ética do territorio e dos seres vivos. Porque a protagonista interpreta os feitos dende unha postura crítica fronte á caza, o maltrato animal e as desigualdades sociais. Porque o crime funciona como punto de partida para unha reflexión máis ampla sobre o poder, a xustiza e a vida no medio rural. Cunha fina sensibilidade ecolóxica, combina a intriga criminal e unha mirada moi marcada pola defensa da fauna, a crítica da violencia humana sobre a natureza en xeral, para favorecer o xurdimento dunha outra reflexión social máis fonda que engada ao noir ou o policial, ou como o chamemos, unha conciencia do mundo que resulta a estas alturas máis imprescindíbel ca nunca. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.