Multicrise sistémica e vellas referencias

Millán Fernández © Millán Fernández

Hemeroteca

“Estabamos desexando” que comezara a camiñar 2021 coma se a pandemia, a/s crise/s recorrentes e permanentes, o declive espasmódico do imperio norteamericano ou o neofascismo entenderan de almanaques...

O materialismo histórico ensínanos que non funciona así, a golpe de voluntarismo ou actos de fe, e recórdanos que os tempos de aceleración “son chegados” desde hai xa algúns anos. Moi especialmente nestes últimos, ata o momento. A sensación aproxímase á de estar asistindo coma espectadores a un maratón de títulos distópicos.

No mes de marzo e abril do 2020, publiquei algunhas reflexións neste medio sobre o cúmulo de complexidades que se presentaban ante nós diante da declaración de pandemia global: “Shock, e final dunha era”  que, ao fío dos acontecementos que se precipitaban, incidía na consideración de que a nova realidade serviría para que os procesos e tendencias que viñan manifestándose nos campos das sociedades, a economía e a xeopolítica internacional se intensificaran nos vindeiros meses e anos e isto abrise novas problemáticas, riscos e fiestras de oportunidade; “Res publica ou darwinismo social” , que presentaba a nova era aberta coma unha salvaxe contradición dilemática de modelos potencialmente antagónicos e, cada vez, máis tensamente polarizados entre os que antepoñen os privilexios das minorías ao benestar das maiorías sociais e dos ecosistemas nesta fase histórica de encrucillada, que algúns describen coma un momento-bisagra na historia da humanidade polas implicacións duradeiras que marcarán o devir do século que encetamos hai dúas décadas; e Contra a piratería e a barbarie global”  que, facendo seguimento dos acontecementos coa perspectiva de pouco máis dun mes desde marzo, marcaba unha postura de oposición frontal á deriva que algúns centros de poder e teses radicalizadas estaban determinados a percorrer, sen propósito de emenda.

Coa perspectiva do transcurso dos últimos meses até hoxe, podemos sacar xa algunhas conclusións. No meu caso particular este balance cadra coa experiencia dunha viaxe a Cuba da que, nestas semanas, se cumpre un ano exacto da mesma. Unha visita turística de quince días que non serve, en absoluto, para comprender a fondo a vida dun país. Soamente invítame a reflexionar sobre as distintas realidades que habitan o mundo, ou as loitas e lóxicas que moveron aos homes e mulleres que se opuxeron á barbarie antes e soñaron un mundo mellor, sen idealizar ningunha delas por máis que un teña simpatías definidas e vencellos ideolóxicos ou emocionais claros. Propóñome simplemente describir para, de seguido, barruntar reflexións sobre anotacións propias que me presta compartir coma un comentario aberto, e non demasiado elaborado. Que poden servir para contrastar co que vivimos na Galiza, no estado español e no continente.

Algunhas curiosidades ao fío desta introdución: por alá por Cuba levan no cómputo total ¡148 mortes por COVID! e preto de 89.000 infectadas desde o comezo (as illes Balears andan polos 40.000 positivos e 469 falecementos con 11 veces menos habitantes) e teñen previsto inmunizar completamente á poboación en 24 semanas con algunha das catro vacinas de produción nacional -SOBERANA- en distintas fases de evolución, que será administrada integramente polo poder público. Tamén usan unha variedade de fármacos de probada eficacia coma o Nasalferón, que fortalece o sistema inmune e evita que “o bicho” se replique. Cuba é hoxe unha potencia bio-tecnolóxica, e as súas boas relacións con Rusia ou China permítenlle dispor de tecnoloxía punteira para saltar o bloqueo e seguir investigando e avanzando neste terreo. 

A vida civil, educativa, comercial, cultural...continúan adiante con relativa normalidade, de xeito similar á tranquila e “vella normalidade cubana”...nas súas carencias, letanías e dificultades, mais sen grandísimas alteracións nin limitacións alén do uso masivo das máscaras (nasobuco lle chaman), a toma da temperatura, a importancia fulcral da hixiene e a desinfección en vías públicas e centros oficiais, etc. 

En La Habana están, nestes días, valorando novas medidas de contención a través de regulacións nos horarios do transporte público por mor dun pequeno rebrote das infeccións...e, noutras provincias, estudan limitar a mobilidade e os horarios dos espazos comúns, considerando a posibilidade tamén de retroceder nas fases do operativo excepcional coma en Europa, mais cun control da epidemia infinitamente superior e, polo tanto, unha maior flexibilidade e relaxamento das medidas de distanciamento social. As expectativas de erradicación da epidemia no seu territorio son moito mellores que as desta beira do Atlántico, onde se presupón que serán máis lentas do anunciado.

Condicións naturais e armas anti-virus, diante diste ou da posibilidade de que aparezan outros novos intimamente ligados á destrución imparable dos ecosistemas, como apunta a comunidade científica:  

  1. illa tropical pouco industrializada (mais si moi turística: o 80% dos casos son importados. Recentemente pídese PCR negativa pra entrar)
  2. poboación pouco avellentada (importante pero tanto o factor climático coma o tipo de pirámide poboacional tamén se presentan así no Brasil, cuns resultados terribles)
  3. alta dispersión e núcleos urbanos pequenos (excepto La Habana e outras coma Santiago, Camagüey ou Holguín)
  4. baixísimos niveis de polución atmosférica e produción de residuos.
  5. sanidade pública universal e gratuíta, considerada un ben común central e esencial (xoia da coroa da Revolución xunto á educación pública a todos os niveis, a erradicación da fame ou as taxas de criminalidade máis baixas de toda América e das máis baixas do mundo)
  6. niveis da administración e conxunto do poder público (tamén as organizadas pola tépeda rede do “poder popular” e do Partido Comunista de Cuba) que orientou directrices unificadas, claras e coherentes desde marzo sen deixarse dobregar por intereses corporativos ou especulativos e si guiándose por criterios sanitarios. O tenso equilibrio entre forzas económicas e saúde pública soluciónase alí coa mediación ao servizo do interese xeral, tendo en conta os recursos limitados e a situación histórica de bloqueo endurecido na etapa trumpista. A vida é o primeiro ben a preservar. Sen vida non hai economía. A economía está ao servizo da vida. 
  7. decidida promoción da investigación e da cultura científica e unha educación baseada na co-responsabilidade cívica, a autonomía individual e o sentido de pertenza á comunidade en relación co medio.

 

É lexendaria tamén, por exemplo, a fortaleza e preparación consciente e colectiva contra inclemencias coma os furacáns, en comparación a outras realidades da contorna (mesmo no sur dos USA = ‘Katrina’, 2005)

Poucos quilómetros ao norte, en yankeelandia, contan 365.000 falecidas e falecidos por COVID-19 no comezo deste inverno xélido. Catro mil mortes cada día, e en ascenso. Ao seu remate superarán, posiblemente, o medio millón. E iso, se van termando no sucesivo de non “andar a paus” entre si nun país que conta con 300 millóns de armas de fogo en mans dunha poboación moi polarizada politicamente, moi desigual, con graves problemas de racismo, convivencia ou inseguridade e con sectores neurotizados e paranoicos perdidos debido a unhas regras e costumes socio-laborais violentas e alienantes, vítimas dun bombardeo dos media que favorece o hiper-consumo; en pleno e tumultuoso tránsito de poder, amago de insurrección fascista e ridículo internacional co consecuente desmoronamento da ‘auctoritas’ mundial que inda podía manter o imperio máis criminal e inmoral da historia da humanidade, e que ao longo do século XX invadiu, saqueou e promoveu golpes de estado e ditaduras militares en decenas de países arredor dos cinco continentes deixando un regueiro incontable de vítimas e múltiples conflitos abertos para protexer os intereses das oligarquías capitalistas e da industria da guerra permanente. Conta cunha maquinaria bélica infernal que adoita estender “paz, liberdade e democracia” a bombazos polo mundo adiante. 

Sociedades, “as nosas” (occidentais) nun momento de stress e encrucillada como hai moito que non se vía, e cada vez máis caóticas: exaltadas, des ou sobre informadas, crecentemente inseguras, que padecen movementos irracionais anti-científicos e conspiranoicos influíntes e simbioticamente relacionados e manipulados pola extrema dereita como xa fixeran os nazis a comezos dos anos 30 do século XX, medosas...pandémicas...(e tamén algunhas cousas boas)...o destes días en Washington foi a condensada teatralización de todo isto no epicentro mesmo da Besta, noutro síntoma da podremia sistémica e da versión ultra-liberal do capitalismo senil (e que ás veces cheira a colapso civilizatorio que apetrena) na súa fuxida cara a ningures...algúns autores chámanlle a isto “Capitalismo pandémico”, logo doutras definicións máis manidas e ben coñecidas, coma as do “Capitalismo do desastre”. O Capitalismo coma unha Sindemia na que a mal-nutrición e a obesidade (a seguridade alimentaria), as epidemias víricas, o sistema económico e o cambio climático estarían inter-relacionados e atrapados nun nó gordiano de traumática resolución: Decrecemento ou Colapso.

Nestes días vemos como no Mar de Kara (norte de Siberia) as temperaturas das augas soben +24 graos Cº de xeito anómalo e repentino, mentres na Península Ibérica chegamos a sensacións térmicas descoñecidas e absurdas. E hai quen nega os efectos do quecemento global e as mudanzas climáticas, así como hai quen nega a epidemia. Mesmo hai xa quen nega que a neve sexa neve, e non plástico artificial lanzado desde a atmosfera nunha conspiración de determinadas elites globalistas. Este discurso, ou algo aproximado que se nutre daquel, ten no Congreso dos Deputados 53 deputadas e deputados. Pouca broma.

E isto, nun estado español con máis de 40.000 persoas vivindo na rúa mentres ten 3,4 millóns de vivendas baleiras. Con 12 millóns de persoas en risco de pobreza e 2,5 sumidos nela. O que, nalgún momento, pode representar unha bomba social.

O futuro do futuro “debería” ser un chisco “máis cubano”...e máis humano, menos raro...como dicía aquela canción de La Cabra Mecánica. Ou, polo menos, sería bo aprender do exemplo constante que ensina desde fai 61 anos a xente daquela illa caribeña. Mais tamén hai onde apañar noutros modelos diferentes coma, por exemplo, Costa Rica, que conta cun moi sólido sistema de saúde pública e políticas avanzadas no eido medioambiental. Ou tamén nalgúns puntos de Asia. 

Demostraremos algún día a suficiente racionalidade colectiva e empatía na mentalidade eurocéntrica para organizar ordenadamente as posibilidades e capacidades humanas e do planeta de xeito cooperativo e ao servizo de nós mesmos? Seguiremos acreditando nun modelo onde o lucro in-cesante e acumulativo dunha minoría disposta agora a arrombar ata a democracia liberal e ensaiar solucións totalitarias como se demostrou, como farsa, no corazón do imperio hai pouco nese neboento acto que deixa aroma ao putsch de Münich levado a cabo por Hitler en 1923 antes de acceder ao poder?

Imaxino que farán falta máis curas de humildade catárticas. Sexan pandémicas, medioambientais ou de novas crises enerxéticas e de acaparamento de recursos. Se é que non forman todas parte, coma anteriormente se apuntou, dunha mesma problemática e tarefa bio-política que xa houbo quen advertiu e intentou relacionar con todo en contra hai xa sesenta anos, enviando unha mensaxe aos pobos do mundo: humanismo e preservación da naturaleza, soberanía, independencia e socialismo...na defensa da felicidade e da vida. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.