MUNCYT

Hai poucas semanas visitei o MUNCYT de Coruña, por primeira, vez acompañando a un grupo de alumnxs de 4º de ESO nunha actividade organizada de maneira conxunta por varios despartamentos do meu instituto. Pouco máis tarde volvín de novo e nesta ocasión fíxeno coa familia.

Visitar os lugares por segunda vez proporciona a oportunidade de prestar máis atención a aquelas cousas que pasaron desapercibidas na primeira visita. E dispor do tempo necesario entre unha e outra permítenos reflexionar acerca do que vimos e do que gostariamos ver.

Práceme o edificio do MUNCYT. A sensación de amplitude e a separación entre os diferentes espazos fan do museo un lugar acolledor e desfogado. Desfrutei con moitas das pezas alí expostas: as lentes de Fresnel do faro, a máquina Enigma ou o precioso proxector do Cine París (cantos recordos) xa están gardados na miña caixa de tesouros en forma de fotos.

Con todo, nesta segunda vez reparei naquilo que inconscientemente botei en falta na primeira visita. Parece inexplicable que non existan pequenas exposicións comparativas adicadas á evolución da telefonía ou dos soportes de almacenaxe da información. Pequenas liñas temporais que permitan a aqueles que non foron usuarios, saber que houbo un tempo no que os teléfonos non se levaban no peto ou no que as aplicacións podían instalarse introducindo, un tras outro, dez disquetes de 31/2.

A evolución de obxectos tecnolóxicos relacionados con actividades cotiás como a agricultura ou a pesca tampouco está recollida (coa excepción da completa colección de martelos) e é precisamente o cotían o que nos resulta probablemente máis interesante. Poucas persoas poderán identificar ou valorar o acelerador de partículas exposto, pero serían moitas as que esbozarían un sorriso ollando para unha boa colección de cepillos de dentes de diferentes épocas ou artes de pesca de distintos países.

O que máis chamou a miña atención non foi a visita ao interior do 747 senón ver como os meus fillos quedaban prendados das máquinas de escribir. Os tres saíron do museo cun papel escrito por eles que pertence xa á súa caixa de tesouros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.