O plástico contamina. Aínda que só sexa pola súa resistencia á degradación. Aínda que só sexa porque é un produto sintético, procesado, que non responde nin se integra nos procesos naturais dos ciclos da auga
Apareceu unha nova palabra. Pellets. Vale, si, existía. Mais conviremos en que de súpeto acadou a omnipresencia no vocabulario popular. Ata hai poucas semanas, se nos preguntasen por ese vocábulo de seguro que a meirande parte de nós tería pensado en estufas e madeira, mais agora os plásticos chegados do mar apropiáronse desa acepción.
Os famosos pellets arribaron ao noso litoral en decembro. As primeiras fotografías quedaron rexistradas nalgúns grupos ecoloxistas e de biodiversidade arredor de mediados de decembro, publicadas por persoas atentas á contorna que preguntaban nas súas comunidades que podían ser. Hai unha, nun foro que sigo, que me chama a atención. O usuario pregunta “sabedes que é isto”. Unha compañeira respóndelle “son bolas de plástico, adoitan chegar ás praias cando cae un saco dalgún barco”. Daquela, fica claro que é ben sabido por quen visitan, traballan ou coidan das nosas costas que este é un feito case cotián. Unha contaminación frecuente.
Certamente, esta marea está a ser maior do habitual. Hai que xuntar moitas boliñas diminutas para chegar a vinte e cinco ou vinte e seis toneladas. E tamén ten unha implicación que nada ten a ver coa natureza e si moito coa economía e a política peor entendida: hai eleccións convocadas en Galicia, que ademais chegan logo dun longo ano electoral. Aínda non superamos a resaca e xa empeza outra festa.
As nosas xestoras e políticas, tanto as que están en exercicio no goberno galego e no central como as que propoñen alternativas de cara aos comicios, enrédanse nun tira e afrouxa de dirimir responsabilidades, clarexar competencias e varrer para fóra
O plástico contamina. Aínda que só sexa pola súa resistencia á degradación. Aínda que só sexa porque é un produto sintético, procesado, que non responde nin se integra nos procesos naturais dos ciclos da auga. Polímeros de alto peso molecular que adoitan proceder da síntese de petroquímicos. Aínda que só sexa porque a fauna pode inxerilo e o inxire, atascando os seus aparatos dixestivos e facendo que morran de inanición. Sexa no grado que sexa, o plástico contamina. Aínda que só sexa porque nas propias instrucións de uso e manexo dos que arriban ás nosas costas se indica que hai que proceder con precaución para non xerar po, non inhalar, evitar o contacto coa pel, ollos e roupa. Moi saudables e limpos non semellan estes residuos, non.
Por máis que se insistiu en denominar ditos pellets coma microplásticos, a evidencia de que son apreciables polo ollo humano desmonta a denominación, por certo.
O que deberíamos tratar coma boliñas contaminantes está a ser empregado en realidade coma munición electoral. E mentres, os peixes, os mariscos e as aves seguen a pensar que eses polímeros pesados son comida, porque non poden ler a prensa nin consultar no dicionario.
As nosas xestoras e políticas, tanto as que están en exercicio no goberno galego e no central como as que propoñen alternativas de cara aos comicios, enrédanse nun tira e afrouxa de dirimir responsabilidades, clarexar competencias e varrer para fóra. A loita por localizar culpables comezou moito antes que a de atender a emerxencia.
A lingüista que levo dentro non pode evitar acudir ao dicionario. Segundo o Oxford, a tradución da palabra inglesa pellet para o galego viría sendo “boliña”, “munición” e/ou “perdigón”. A RAG afirma que debemos chamalos “granulados”. Eu discrepo. Quedo coa segunda proposta de tradución do Oxford. O que deberíamos tratar coma boliñas contaminantes está a ser empregado en realidade coma munición electoral. E mentres, os peixes, os mariscos e as aves seguen a pensar que eses polímeros pesados son comida, porque non poden ler a prensa nin consultar no dicionario.