“Música de Cámara”, escolma de retratos disparados por Manuel Outumuro

Outumuro. Tina Masawi. 2020 © Manuel Outumuro

A fotografía xurdiu para copiar a realidade. Pero logo apostou pola creatividade, a imaxe descoñecida, o instante inmóbil. Fotografar é describir a luz no espazo que cabe na cativa fiestra da máquina de retratar, onde as tebras esculpen volumes luminosos sobre mármores de sombra. Outumuro, creador de volumétricas imaxes, presenta agora Música de Cámara no Museu Abelló de Mollet. A fotografía homenaxea á música; lecer para os sentidos.

Outumuro. Tina Masawi. 2020 © Manuel Outumuro

Manuel Outumuro, o prestidixitador das mellores imaxes

Busco a beleza, iso é o que realmente me motiva. Pero para descubrila cómpre que a persoa retratada non se sinta xulgada. E esta é unha parte importante do noso traballo, porque diante dunha cámara é difícil non sentirse agredido, non percibir o outro como un inimigo que nos apunta cunha arma. Por iso se fala de disparar (Manuel Outumuro).

O gran fotógrafo Manuel Outumuro leva décadas especializado en traballar para revistas de moda e, tamén, en facer retratos de persoas que se moven nos diversos mundos culturais; o fotógrafo ten afirmado, por exemplo, que no seu arquivo ten todas as faces do cine español dos últimos 30 anos. Do cine español e mais do internacional; e das músicas moi diversas; e mais da arte. No seu coidadísimo portal web, Outumuro mostra unha galería de retratos que son envexa de profesionais e admiración de profanos. Os retratos do autor do libro Balenciaga (catálogo oficial do Museo Balenciaga) móvense entre a serena naturalidade e a tensión dramática. Outumuro deseña cos ollos, escribe coa cámara, risca pentagramas ao tempo que dispara.

Gústame observar e propor maquillaxes, porque algo teñen que ver coa pintura; e interésanme os peiteados porque son xeitos de escultura. Nestas verbas do rapaz do rural ourensán hai moita verdade. O seu gusto polas artes non quedan en propor pinturas faciais ou traballos nos cabelos, non; a pouco que se rastreen as composicións das súas imaxes logo afloran querenzas por obras renacentistas e barrocas, entre outras. Outumuro, xamán das estilísticas composicións; artista total.

Tal e como se pode ver nas súas exposicións e mais no seu portal web Outumuro -como grande da fotografía que é- prefire a fotografía en branco e negro. Porque a pel sae máis limpa- responde; por iso e máis porque o B/N permite xogos de luz e sombra especiais, intensidades dramáticas e plásticas. Xogos que acadan as tres dimensións sobre papel. Haberá tamén referencias que lle chegan da infancia? As fotografías que unha vez ao ano mandaban os pais desde Venezuela (emigrados) eran en B/N, as que lle facían a el para mandar para o país caribeño tamén o eran. O franquismo tinguiu as existencias de grises, de escuras perspectivas. Logo, nos anos mozos, na Escola Massana clases de debuxo ao natural, con lapis carbón.  

Manuel Outumuro define os seus abundantes retratos como o resultado dun proceso. Antes de retratar unha persoa procura saber cousas desa persoa, para que ao comezo da sesión ese coñecemento facilite a distensión entre quen dispara e a persoa capturada. Importante a comodidade do retratado; en favor da serenidade renacentista, da tensión dramática tan barroca que logra insuflar nas faces dalgúns dos retratados. Nada que ver con Diana Arbus que alporizaba a quen ía fotografar. Cada artista ten os seus enganos cos que conquistar os modelos. Para axudar á persoa a retratar, para reducir a agresión -como el mesmo di- que se exerce sobre quen vén ser retratado, e que o resultado final sexa magnífico, Outumuro utiliza en bastantes ocasións o xogo de pedirlles que xoguen coa referencia dos Tres Monos, os micos que se tapan os ollos, a boca e as orellas. E seica funciona: despois de romper a tensión co xogo de taparse, a persoa que está sendo apuntada cunha cámara e a punto de que lle disparen móstrase máis natural. Quizais outros profesionais da fotografía empreguen outros métodos. Philippe Halsman, outro fotógrafo da moda, usou a técnica do Jumpology, consistente en pedir ás personalidades que viñan ao seu estudo que saltasen. Cando saltan –afirmaba Halsman– cáeselles a máscara. A máscara que sempre acompaña. Aínda se pode ver no CCCB barcelonés a exposición La màscara no menteix mai, atractiva reflexión polifacética sobre a utilización da careta polos humanos. Nas salas desa mostra podían estar con pleno dereito bastantes retratos de Outumuro. Estes días no Museu Abelló de Mollet, cantas máscaras se poderían contar entre os 44 retratos de Outumuro?

Outumuro. Silvia Perez Cruz, 2016 © Manuel Outumuro

Música de Cámara. Museu Abelló, Mollet del Vallés

Puede el hombre, si quiere, conducir su deseo

por vena de coral o celeste desnudo.

Mañana los amores serán rocas y el Tiempo

una brisa que viene dormida por las ramas.

                       F. García Lorca. Oda a Walt Witman. Poeta en Nueva York, 1940)

Manuel Outumuro, creador de iconas. A exposición que durante estes meses presenta o atractivo Museu Abelló de Mollet del Vallés, Música de Cámara (máis de corenta retratos de Manuel Outumuro) vén sendo unha antolóxica de retratos de personalidades relacionadas directamente co mundo da música. De calquera música. E, ao tempo, tamén se converte nunha reflexión sobre as artes en xeral e, loxicamente, sobre as relacións da fotografía -quizais a oitava das Belas Artes- coa música, unha das artes máis importantes e clásicas; a máis abstracta e conceptual.

Nas paredes do Museu Abelló que é o que se pode admirar? De xeito directo e principal, a persoa visitante atópase diante da Música que emerxe da cámara fotográfica disparada polo autor de Iconos de Estilo. A mestría de Outumuro provoca eses estados de graza. A seguir, xa interesa ir seguindo o pentagrama que propón a orde das imaxes: músicas a eito suxeridas nas corcheas que se agochan nas faces das persoas portadoras de arias, cancións, sinfonías. Recoméndase contemplar esta vibrante exposición escoitando música; a que sexa, en adagio, allegro ou andante; ópera, jazz ou rock. Os plásticos retratos de Música de Cámara van acompañados dun audiovisual, dirixido polo propio fotógrafo no que se poden escoitar e ver algunhas das persoas protagonistas dos retratos da mostra. Lecer para os sentidos.

A mostra Música de Cámara é un paseo polos cumes da arte fotográfica. Manuel Outumuro volve revelarse como o xamán da beleza que crea a través da pequena fiestra da máquina de retratar. Os retratos veñen de encargos que lle fixeron ao artista -ao longo dos anos deste novo milenio- desde revistas e publicacións. Por exemplo: Marie Claire, o Liceu de Barcelona, Fashion & Arts, El País, Fidelio, etc.

En xeral, son retratos sobrios, de fondos neutros e forzadas iluminacións. Escultóricos. Algunhas das persoas son captadas como se o autor de Outumuro. Looks fose un pintor renacentista: xestos contidos, iluminación suave e amistosa. Noutros casos os contrastes lumínicos, as poses máis vitalistas e comunicativas obrigan a pensar en Vermeer e noutros artistas barrocos como Caravaggio. Por algo lle teñen chamado a Outumuro o Richard Avedon español. Case nada: fabricante de iconas por ser dono da linguaxe visual rigorosa e da naturalidade ascética.

Outumuro. Miguel Poveda. 2012 © Manuel Outumuro

Como se pode ler o retrato de Silvia Pérez Cruz? A excelsa cantante -nun plano americano, sedente- vén sendo unha dama renacentista, de serena beleza, de engaiolante naturalidade. De ter que procurar precedentes, é doado pensar nun autorretrato de Dürer, ou nalgún dos retratos que fixo Raffaello Sanzio. En xeral as faces das persoas captadas (moitas veces en primeiros planos moi próximos; o caso de Estrella Morente) van sobre fondos cegados, que nunca lle tiran forza á figura central. O fotógrafo ten as virtudes precisas para ser quen de prepararse como se estivese esbozando viñetas dun cómic tecido con pespunte de alta costura. Fotos de dura pureza nos brancos e nos negros: Estilismo minimalista. Tamén cómpre recoñecer que retratos en B/N -como o de Miguel Poveda– ganan en forza e misterio con pouca iluminación. Haberá que seguir facéndolle caso a Tanizaki, que xa en 1933 publicou o seu xa famoso ensaio Eloxio da Sombra?

A ordenación dos retratos obedece a unha concepción interna na súa exposición pública. Nunha parece hai tres retratos de tres mulleres: a cada lado o de Jeanette e o de Betty Misiego, en B/N; dúas profesionais veteranas, lendas da canción. E no medio, en cor, o retrato da muller que daquela presentaba o seu primeiro disco. As cores en plena brincadeira coas emocións das diferentes xeracións. Noutro lugar, un retrato de Rossi de Palma e de Miguel Poveda, os dous con claras referencias á escultura: Poveda amósase acompañado dun busto marmóreo neoclásico, mentres que de Palma aguanta sobre a cabeza a escultura dun lumbrigante pesado. Por tras desta imaxe de Rossi de Palma, hai choscadelas a Salvador Dalí?

Outumuro, mago creador. A súa figura de monxe zen en ascético estado de graza, é quen de propender a traballar o seu karesansui -mínimo, esencial- coas coordenadas en 3 dimensións. Os efectos que impón aos negros das súas imaxes dan o volume, tan procurado, polo efecto desa luz enfocada en dermes e superficies que esculpe os sentidos. Imaxes creativas, inquietantes. Outumuro, de negro, está máis aló da luz. Carrexa o seu porte de deus antigo para constatar tantos corpos que a natureza vai moldeando cos años -ese barro primixenio-; e cos seus ollos lizgairos procura a luminosidade da alma -insuflada na composición, na rotundidade do enfoque- e definidora da persoa retratada. Outumuro nos andamios da Capela Sixtina a piques de tocar o dedo de Adán.

Faces, silencio,

escuro que tanto di.

Clamor de vida.

Outumuro. Lang Lang. 2017 © Manuel Outumuro

Manuel Outumuro, fotógrafo de moda e de retratos

Trabajé mucho en ilustración, textil, gráfico y moda… Diseñé la imagen de creadores y trabajé con muchos fotógrafos de moda. Hasta que un día no se presentó un fotógrafo y yo hice las fotos (…) El resultado fue emocionante, nunca me había fijado en la técnica que utilizaban los demás. Así es como cambié la tipografía por la fotografía. Tan solo llevo 30 años haciendo fotos, soy un fotógrafo tardío (Manuel Outumuro).

 

A arte da fotografía é complexa, require coñecementos técnicos, imaxinación, saber mirar. E todo, ao fin, resúmese no disparo, ese instante mágico e irrepetible que pode facer emerxer unha peza artística. Calquera podería dicir que a figura deste fotógrafo é a dun asceta recluído nalgún mosteiro da provincia de Ourense. Pero, para ser tal sóbranlle os seus ollos lizgairos polos que corre un caudaloso rego de retranca que de rapaz aprendeu n’A Merca.

Cando escolle unha imaxe como a válida, aquela que vai entregar aos clientes, Outumuro ambiciona apelar á inventiva de quen contempla e transportalo ao país da imaxe cinemática; a outra realidade que excede as texturas dos obxectos captados pola pequena fiestra da cámara de retratar. Os seus retratos acaban semellando que foron concibidos e creados en tres dimensións, que son donos da potencia suficiente para inventar unha atmosfera interior, suxerida; a forza creativa. Sempre sorprende nos traballos do autor de Tempo atopado a evidente serenidade que transmiten faces, corpos, roupas e lugares. Inevitable lembrar a sapiencia do fotógrafo para presentar imaxes que evocan a mellor pintura, o mellor cine, a mellor escultura. Inevitable, por exemplo, a relación cos mesurados traballos de Maillol, A harmonía turra pola beleza sosegada, permanente, libre de artificios. Outumuro foxe de tendencias do momento, prefire quefaceres máis austeros, observados en tantas e tantos fotógrafos de pasadas décadas. As súas instantáneas saben fundir clasicismo con vangarda, sobriedade con innovación técnica.

Como dicilo? Non é fotógrafo do instante roubado (ou instante decisivo, termo de gran fortuna no mundo da fotografía, acuñado polo mestre Henri Cartier-Bresson). Máis ben o contrario: precisa dos seus tempos e preparativos para lograr a fotografía que busca; atopar a complicidade da persoa sobre a que vai disparar. Buscar a beleza, atopar a poética visual.

Manuel Outumuro (A Merca, 1949) estudou nos Maristas de Ourense, mentres os pais traballaban en Venezuela. Logo veu cursar os anos de Deseño Gráfico na Escola Massana de Barcelona. Nos anos 80 decidiu irse a New York, para ampliar horizontes e opcións vitais. Á volta de New York, cando xa tiña o seu estudo en marcha e funcionando perfectamente, foi cando deu o salto á fotografía profesional. Actualmente crea a imaxe de moitas marcas e casas comerciais e é colaborador habitual de revistas como Vogue, Elle, Zest ou Marie Claire, e os seus traballos aparecen asiduamente nos xornais El País, La Vanguardia ou El Mundo. Ten recibido, entre outras distincións, os Premios Lux da Asociación de Fotógrafos Profesionais, diversos Laus de Ouro, e o Premio Ari como mellor fotógrafo do 2002, outorgado pola Asociación de Editores de Revistas de Información. A finais de 2009 e comezos de 2010, Manuel Outumuro presentou en Barcelona unha extraordinaria exposición dos seus traballos de moda: Outumuro. Looks. Vint anys fotografiant moda, onde se puideron contemplar unha escolma de 230 instantáneas, feitas ao longo de 20 anos de traballo para as mellores casas e revistas de moda, acompañadas por un audiovisual que firmaba a súa amiga Isabel Coixet. No ano 2017, no Palau Robert, ofreceu á cidade de Barcelona a mostra Outumuro. BCN. Retrats, oitenta retratos de persoas relacionadas con Barcelona. Unha festa plástica e retratística.

Afirma o fotógrafo que no seu arquivo, de máis de 10.000 orixinais, un 65% dos traballos son fotografías de moda, e o restante 35% son retratos, como os que se poden ver agora en Música de Cámara. E de todas as persoas fotografadas calcula que a metade son, posiblemente, persoas relacionadas directamente co cine. Que será do arquivo de Manuel Outumuro? O que parece claro é que, semellante tesouro, precisa ser conservado, ben conservado por unha entidade solvente que o saiba xestionar e mostrar publicamente nas doses e temáticas apropiadas.

Visitar esta primavera o Museu Abelló de Mollet del Vallés é todo un exercicio lúdico; un paseo polas mellores artes.

Outumuro. Leonor Watling. 2018 © Manuel Outumuro

EXPOSICIÓN: Música de Cámara

Museu Abelló, Mollet

ata o 18 de maio de 2022

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.