Na segunda metade dos oitenta, foi un daqueles primeiros conflitos que deixaron entrever as fendas da problemática nacional na extinta Unión Soviética. Agora, máis de trinta anos despois, Nagorni-Karabaj asoma de novo, esta vez como expresión non só da eterna disputa entre armenios e azerís, senón entre Moscova e Ankara e ata como un expoñente máis das idénticas tensións estratéxicas que sacoden os escenarios sirio ou libio. A mediados de xullo, varias ducias de persoas faleceron en enfrontamentos na rexión de Tovuz, na fronteira entre os dous países, en pleno corazón da rexión do Cáucaso, facendo temer o rebrote dunha nova escalada.
O contencioso representa todo un paradigma dos conflitos conxelados e sen solución á vista. Unha das costuras rebentadas da vella URSS, o territorio do Alto Karabaj, poboado na súa maioría por armenios pero pertencente ao Acerbaixán que Castelao visitara nos anos trinta, desembocou nunha violencia continuada que obrigou a crear en 1992 o Grupo de Minsk, no marco da OSCE (Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa), que a día de hoxe só serviu para manter baixo control a violencia pero sen albiscar unha solución de fondo. Mentres, Nagorni-Karabaj mantense como un estado de feito que ningún membro da ONU recoñece, unha situación case semellante á doutros suxeitos do espazo ex-soviético como Abxasia, Osetia do Sur ou mesmo a Transnistria moldova.
Se naquel entón os EUA ou Francia xa amosaran a súa indiferenza a pesar de co-presidir aquela troika con Rusia, só Moscova mantén o seu acompañamento activo a través dunha recoñecida influencia sobre Ereván. Turquía, por contra, apoia a Bakú. E se Putin xoga na Libia post-Gadafi a carta do mariscal Haftar, ou en Siria a de Bachar el-Asad, Erdogan ofrece conselleiros militares ao Goberno de Unidade Nacional en Trípoli –recoñecido pola ONU- ou implícase na guerra siria para estender a súa influencia no mundo árabe. Turquía e Rusia, a pesar do seu acercamento nos últimos anos, apoian a partes opostas nestes contenciosos.
O rexurdir das tensións é explicado por algúns en razón do desastre económico armenio e da necesidade do novo presidente, Armén Sarkissian, de manobrar para desviar a atención desta grave crise. Pero podería gardar tamén relación coa evolución das fendas xeopolíticas do Oriente Medio e ata coas diverxencias no seo da propia OTAN. A ONU clamaba no deserto estes días a prol do cese das hostilidades ao tempo que tamén denunciaba as violacións permanentes ao embargo de armas.
As grandes potencias son quen de aliarse e mobilizarse rápidamente para emprender accións militares como aconteceu en 2011 da man dos EUA, Francia e Reino Unido, co amparo da OTAN, para derrubar a Gadafi e converter Libia nun Estado fallado e a mercé de milicias tribais, xihadistas e mercenarios teleguiados por uns e por outros (pero só Gadafi foi encausado polo Tribunal Penal Internacional da Haia). Nunca veremos igual empeño na construción da paz.