A alta participación destas eleccións desmenten a ridícula ‘teoría’, pero que segue a ser un mantra, de que a maior participación mellor resultado da esquerda
Desde que no referendo plebiscitario do estatuto de autonomía, hai xa máis de 40 anos, aparecera aquel lema “anque chova vota”, a normalización democrática do noso autogoberno veu afianzándose continuadamente con niveis de participación homologable a espazos políticos próximos.
A alta participación destas eleccións así o confirman e tamén desmenten a ridícula ‘teoría’, pero que segue a ser un mantra, de que a maior participación mellor resultado da esquerda.
O Partido Popular arriscou moito adiantado unhas eleccións en lugar de esperar a facelas coincidindo coas eleccións europeas. Non existía unha urxencia en función da situación política galega e todo indicaba que era máis unha necesidade de fortalecer o liderado de Núñez Feijóo. Máis arriscou españolizando a campaña, deixando un espazo que o BNG doutro xeito non tería.
En todo caso cun tempo primaveral e sen ‘efecto Mañueco’, o único que si existiu foi un novo día da marmota (dezaseis días despois da candeloria).
Unha vez máis os Populares amosan unha transversalidade, envexable para os outros partidos, e repite porcentaxes de voto continuado observables moi poucas veces noutras democracias do noso entorno
Unha vez máis os Populares amosan unha transversalidade, envexable para os outros partidos, e repite porcentaxes de voto continuado observables moi poucas veces noutras democracias do noso entorno. A hexemonía dos populares dáse en todas as franxas de idade, non e ve alterado por motivos de sexo, nivel cultural ou económico, ou calquera outra diferenciación que poidamos atender.
A ‘ilusión’ sobre que desta vez “había partido” non pasa de ser un desexo, as veces delirante, repetido cada vez que hai eleccións. O que queda claro é que a oposición non é capaz de entrar no electorado do PPdG e que este, con pequenas variacións, amosa unha fortaleza electoral que fai que os populares mantéñense e mesmo aumenta se temos en conta que Alfonso Rueda é o candidato do PP que se estrea con mellor resultado. Nesta ocasión a transición do liderado era dobre, substituír a Feijóo en Galicia e a Baltar en Ourense. No primeiro caso Rueda sacou dous escanos máis que Fraga e Feijóo na súa estrea (nas primeiras eleccións de Manuel Fraga e Núñez Feijóo o Partido Popular acadou soamente 38 escanos). No caso de Ourense as porcentaxes de votos do PPdG seguen sendo astronómicas e a irrupción de Democracia Ourensá ten como único damnificado o PSdG.
A vitoria do PP estaba máis que clara antes da campaña, pero esta vez xuntáronse dous elementos que nubraron a visión da realidade nos analistas e lideres da esquerda e crearon unha falsa esperanza
A vitoria do PP estaba máis que clara antes da campaña, pero esta vez xuntáronse dous elementos que nubraron a visión da realidade nos analistas e lideres da esquerda e crearon unha falsa esperanza.
O primeiro é o descoñecemento que desde fora, e as veces desde dentro, tense da realidade galega. O descoñecemento é tan inmenso que non paga a pena nin analizar. Eu sigo afirmando que Galicia pode ser das tres nacionalidades históricas a que menos identidade unidimensional teña en comparación coas outras dúas, pero tamén igualmente é a comunidade que desde unha identidade dupla – galego e española – é a máis diferente en termos económicos, sociais, culturais e antropolóxicos co resto de España.
Dito doutro xeito, en Galicia os niveis de nacionalismo, xa non digamos de independentismo, é menor que en Catalunya ou Euskadi; pero o sentimento de galeguidade é máis extenso e transversal que nas outras dúas comunidades. Así é que o parlamento galego segue a ser o único onde non hai, nin se espera, presenza do nacionalismo español que representa Vox.
O segundo, que esta vez tivo importancia, é a grande mentira na que habita a esquerda. O espellismo das pasadas Eleccións Xerais impídenlle ver que vive nunha crise estrutural profunda. Mesmo seguen a pensar que o CIS acertou daquela a pesar de que o centro sociolóxico público prevía que o PSOE tería máis votos que o PP, e que Sumar tería máis votos que Vox; cousas que evidentemente non ocorreron.
En Galicia os niveis de nacionalismo, xa non digamos de independentismo, é menor que en Catalunya ou Euskadi; pero o sentimento de galeguidade é máis extenso e transversal que nas outras dúas comunidades
E unha vez pasadas as eleccións nada cambia pero todo cambia.
A oposición segue tal como estaba. Sen entrar no espazo electoral do PPdG. E verdade que o liderado da oposición muda, tal como ven ocorrendo cada certo tempo - BNG en 1997, PSdG no 2009, En Marea no 2016 e o BNG 2020 (agora reforzado) -. Cada vez que hai un relevo na oposición proclamase o nacemento dun proxecto e dun novo líder, desta vez si, para o futuro; pero a realidade é que soamente unha vez, nunhas condicións de emerxencia nacional, o PSdG con Pérez Touriño ao fronte foi capaz de entrar no electorado do PPdG (2005).
A oposición se dedicou a iso: a facer oposición. O PSdG sumou a súa ausencia habitual de proxecto para Galicia, a crise existencia na que esta sumida a socialdemocracia española (non é a única). Os proxectos de Sumar e de Podemos pouco máis se pode dicir que son inexistentes en Galicia (empezo a pensar que poida que tamén no resto do estado, reducíndose ao espazo que no seu día ocupou a vella Izquierda Unida).
O BNG aproveitou a tormenta perfecta. A súa líder, Ana Pontón, converteuse na última semana de campaña en portada dos medios da esquerda e da dereita. Os primeiros coa esperanza que a acumulación de voto no BNG permitira que o PPdG non acadara a maioría absoluta (saíulles mal). Os segundos para activar o medo no electorado (saíulles ben).
Ata agora o BNG foi sorteando as súas crises ideolóxicas, e aproveitouse a crise dos seus socios, pero ten que ser consciente que se nalgún momento quere aspirar a gobernar ten que entrar no electorado do Partido Popular. As outras dúas veces que se enfrontou a esta tesitura rematou como o “rosario da aurora”. Veremos desta
A crise da esquerda - PSOE/Sumar- deixa practicamente ao BNG como alternativa en solitario ao PP. E aquí o BNG, que aproveitou a crise do PSOE e a estatalización da campaña polo PP, ten un reto nada fácil.
Ata agora o BNG foi sorteando as súas crises ideolóxicas, e aproveitouse a crise dos seus socios, pero ten que ser consciente que se nalgún momento quere aspirar a gobernar ten que entrar no electorado do Partido Popular.
O BNG esta obrigado a facer unha reflexión profunda sobre o seu destino. E as inercias internas non o van a poñer nada fácil.
As outras dúas veces que se enfrontou a esta tesitura rematou como o “rosario da aurora”. O achegamento de Beiras a Fraga no 2001, para amosar a imaxe dun partido sistémico, rematou coa marxinación do líder histórico do partido. A segunda vez, o intento de Anxo Quintana, aproveitando as sinerxías desde o goberno bipartito, resolveuse cunha volta aos principios máis dogmáticos e unha ruptura interna. Veremos desta.
Namentres o PP seguira sendo hexemónico e a vitoria dálle un pulo na contenda estatal que lidera Núñez Feijóo.
A esquerda debería facer unha reflexión seria para resolver un problema que xa dura 40 anos. Durante a campaña a candidata de Sumar, Marta Lois, dixo unha gran verdade, “si Sumar entra, Rueda cae”. A cuestión é que a entrada de Sumar estaba tan lonxe como de lonxe está un goberno de progreso en Galicia se os seus lideres se empeñan en facer sempre o mesmo.