Á contra da tendencia social, hai que ter máis paciencia cos libros –e menos coa mala educación-. Gústanme os que non son demasiado explícitos, os libros nos que subxace un río subterráneo ou unha hipótese que articula o seu correr
Á contra da tendencia social, hai que ter máis paciencia cos libros –e menos coa mala educación-. Gústanme os que non son demasiado explícitos, os libros nos que subxace un río subterráneo ou unha hipótese que articula o seu correr. En Ars Numerica. Unha antropoloxía do capital, de Antón Fernández de Rota e publicado por Axóuxere, o que se postula é que o capitalismo nace circa 1800. O de antes sería só mercantilismo. Co capitalismo daríase, non a fin da historia, a fin do ánthropos.
Comeza Antón preguntándose que é un ser humano para botar man das ferramentas foucaultianas, que sempre semellan a piques de esmorecer e, porén, sempre volven servir para analizar o terreo. Será que a filosofía ve o futuro inscrito no presente, os xermes do que se vai despregar, será que ve, en definitiva, o logos de cada época, do que emerxerán fenómenos ou síntomas.
Foucault estudou tres eixos, a saber, a vida, a linguaxe e o traballo. De Rota entende que o capitalismo muda a vida por unha bíos técnica, o traballo por capital humano e a linguaxe sociocultural e histórica pola linguaxe de programación. Escribir e ler pasan a ser sentidos informacionais, o que me lembra os discentes falando de aceptar a ensinanza dun pouco de gramática, para saber escribir algo, pero non de literatura, iso sobra. Eu faleilles da reivindicación do inútil… por ocultar o sentimento provocado ao observar o desexo (tan antigo) de converterse en máquinas ou só inputs e outputs nelas.
En Ars Numerica. Unha antropoloxía do capital, de Antón Fernández de Rota e publicado por Axóuxere, o que se postula é que o capitalismo nace circa 1800. O de antes sería só mercantilismo. Co capitalismo daríase, non a fin da historia, a fin do ánthropos
O libro, que se presenta como non esencialmente filosófico, revisa certos fitos que estruturan a curta historia do sistema capitalista no que segue a resoar, a pesar da morte de Deus que o inauguraría, unha ontoteoloxía que muda os anxos guerreiros da tradición relixiosa por mecanismos computacionais. Porén, será o cristianismo o que asente un nihilismo negativo, un rexeitamento da carne que sosterá o elo da aparente desmaterialización do ciberespazo. Algúns propúñano como espazo utópico do que emerxería algo “impreciso” e diferente do capitalismo, mais, “perdida a batalla contra as potencias económicas, políticas e militares”, di Antón, queda sendo a fonte da distopía. Se nos fixamos, a distopía quedou, mesmo, como único obxecto da representación. Entón, solicitouse o regreso da utopía, pero o único que veu foi a normalización e a glorificación deste estado de cousas. Sinálase, de feito, o anuncio televisivo de Apple Macintosh no que, con ironía, advertían que and you will see why 1984 is not like 1984…
O traballador moderno xa é, segundo De Rota, un comerciante de si mesmo, concepción inaugurada por Locke e asentada por Marx, pois vende libre, nun caso, ou obrigado, noutro, a súa forza de traballo no mercado laboral
Despois do nihilismo negativo xa sabemos que vén o nihilismo reactivo: nese odio profundo cara ao orgánico xéstase un resentimento que pretende “hackear o corpo para melloralo”. Os corpos son, neste ámbito da vida técnica, simplemente wetware e tamén “capital humano”. Se, cando o sistema pedagóxico burgués se aplicou ás clases traballadoras, fabricaron en masa “animais que falan”, agora a lingua é neolingua e esta neolingua quizais comparte algunhas características coa orwelliana mais, esencialmente, o seu terror consiste na súa natureza binaria. Obtéñense, así, individuos falando como bots. No libro tómase a voz de Bill Gates anunciándoo: “Trataremos aos usuarios finais como ás máquinas, ambos son programables”. Constrúense arranxos mecánicos, ese doppelgänger dos arranxos maquínicos sobre os que reflexionaron Deleuze e Guattari.
Reducidos os xenes á arkhé de xeito ilexítimo, pois existe “unha multiplicidade de sistemas hereditarios” que interacciona coa contorna, e achegado o discurso inmunolóxico á terminoloxía bélica (como vimos ben durante a pandemia), os novos corpos están preparados para autoconformar as súas subxectivacións, para producirse autopoieticamente: deben converterse en traballadores creativos.
O traballador moderno xa é, segundo De Rota, un comerciante de si mesmo, concepción inaugurada por Locke e asentada por Marx, pois vende libre, nun caso, ou obrigado, noutro, a súa forza de traballo no mercado laboral. O homo oeconomicus é un empresario de si, capaz de converter a súa vida nunha fábrica e a el mesmo nunha mercadoría. Agora chega o tempo do financieiro de si, producido por unha economía de débeda e no que o ser-con que tanto analizou Esposito se reconverte nunha sharing economy coroada por Airbnb e bastante sustentada polos prosumidores, nova figura representativa do traballo de balde.
A liberdade, concibida agora coma “o grao de posibilidade que permite a secuencia de instrucións dun programa”, xa non ten como termo oposto a opresión, senón o erro, isto é, “a apertura do ser nun sistema frustrado”
A fórmula do capital, Diñeiro que se inviste en Mercadoría para conseguir máis Diñeiro (‘), e que Graeber situaba, fronte a Marx, xa nos Estados Orixinarios (nos que se daba unha temperá cuantificación do traballador e nos que, acaso, se empezaba a despregar esta ontoteoloxía?) muda en Domesticación, Máquinas e Débeda en expansión, formula Antón pouco antes de rematar o libro cun álxido movemento. A liberdade, concibida agora coma “o grao de posibilidade que permite a secuencia de instrucións dun programa”, xa non ten como termo oposto a opresión, senón o erro, isto é, “a apertura do ser nun sistema frustrado”. System failure, a game for all who know...