Non deamos nada por sentado

Podería parecer razoable, desde o punto de vista de quen pasa todo o ano comprometido cos valores solidarios e denunciando os múltiples problemas que esta nosa sociedade na que os valores mercantís priman sobre calquera outro tipo de lóxica, reaccionar con indignación e mesmo con cinismo á avalancha de bos sentimentos, xestos empáticos, accións simbólicas e declaracións benintencionadas que nos inundan neste negro día nacional de Galiza no que centos de persoas feridas e máis de setenta persoas mortas volveron, coa súa descougante materialidade, situarnos no lugar que nos corresponde, e no que tantas veces esquecemos estar, a causa da segunda natureza cultural e tecnolóxica na que se desenvolve a nosa vida: o lugar dunha criatura estremadamente débil e suxeita á intemperie e aos vaivéns da fortuna. E máis razoable podería semellar, neste tempo no que asistimos a diario ao desmantelamento do marco legal que, mal que ben, contribuía a que en tantos outros casos tráxicos relacionados coa inequidade socioeconómica e coas consecuencias que esta ten en todos os ámbitos da vida, a reacción de pasividade do groso da poboación clama ao ceo.

Podería parecer razoable, desde o punto de vista de quen pasa todo o ano comprometido cos valores solidarios, reaccionar con indignación e mesmo con cinismo á avalancha de bos sentimentos

Porén, como tantas veces levo feito neste blog para outras coxunturas, penso que, desde un punto de vista político, cómpre resaltar tamén, neste caso, o significado de todo o que vén sucedendo desde que a máquina do Alvia envorcou e se estomballou contra un muro deixando en tanta xente un estado shock físico ou psicolóxico imborrable. E por político non falo de causas, neglixencias ou despropósitos que se poidan vencellar ao caso do accidente do tren, á súa utilización nos media ou ao comportamento das institucións -cuestións que, naturalmente, haberá que investigar e depurar- senón que me refiro ao caracter totalmente político, como sabemos desde que nolo ensinara Antonio Gramsci, que ten o chamado "sentido común", isto é, os valores hexemónicos nunha sociedade dada. E por máis que isto poida parecer pouca cousa, cómpre non dar nada por sentado.

Que o primeiro impulso dos veciños do lugar do sinistro fóse socorrer ás vítimas lixando as súas mans co sangue dun estraño, que tantos profisionais sanitarios se prestasen a traballar arreo para dar os primeiros auxilios podería parecer que forma parte da paisaxe normal

Neste país de moi recentes desertores do arado no que por veces semella que todo ese pouso de valores comunitarios e solidarios desaparecesen como se nunca tivesen existido é unha cuestión política de primeira orde saber que aquela mutación que tanto preocupaba a Pasolini nos valores das clases populares aínda non se levou a cabo totalmente. E aínda é máis importante se temos en conta que vimos dun ciclo histórico dominado culturalmente polo neoliberalismo e a súa aversión á idea de sociedade e o seu canto ao individualismo egoísta.

Que o primeiro impulso dos veciños do lugar do sinistro fóse socorrer ás vítimas lixando as súas mans co sangue dun estraño, que tantos profisionais sanitarios se prestasen a traballar arreo para dar os primeiros auxilios, que houbese bombeiros que renunciasen a continuar cunha folga para colaborar nas tarefas de excarcelación, que houbese un completo colapso popular dos puntos de doazón de sangue e que tanta xente seguise todo a través das redes sociais cunha implicación emocional sincera podería parecer que forma parte da paisaxe normal. Que non hai nada de relevante no feito de que as persoas reaccionen así ante unha catástrofe como esta. E porén, eu creo que non debemos dar nada por sentado.

Esta cuestión, a cuestión de cal é o sentido común da nosa sociedade nun contexto de percepción xeralizada de emerxencia, non é algo menor

Cando tratamos de pensar friamente cal é o chan (porque eu teño asumido que nesta cuestión partimos do chan) a partir do que debe volver xurdir ese suxeito político que volva pór a andar, como realidade organizada para a transformación, os vellos valores da liberdade, da igualdade e da fraternidade, esta cuestión, a cuestión de cal é o sentido común da nosa sociedade nun contexto de percepción xeralizada de emerxencia, non é algo menor, nin algo que se deba dar por descontado sen facer reflexión algunha do mesmo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.